Rwanda
Estado de África centroriental que limita ao N con Uganda, ao L con Tanzania, ao S con Burundi e ao O coa República Democrática do Congo (26.338 km2; 8.162.715 h [2002]). A súa capital é Kigali.
Xeografía física
Situado na rexión dos Grandes Lagos Africanos, o país esténdese sobre un altiplano cunha altitude media de entre 1.500 e 2.000 m, onde se sitúan numerosos lagos. Todo o país se atopa moi fracturado e no NO sobresae unha cadea de volcáns que culmina no Karisimbi (4.507 m). A rede hidrográfica está composta polo lago Kivu, o río Kagera, que dá nacemento ao Nilo, e numerosos lagos nas zonas montañosas. O clima é subecuatorial temperado pola altitude, con chuvias moi abundantes. A temperatura media é de 26°C e as precipitacións varían entre os 800 mm no L do país e os 2.000 no O. A vexetación predominante é a sabana. Os bosques, abundantes noutros tempos, están reducidos a pequenas zonas na rexión do lago Kivu. Na montaña hai selvas e prados de carácter afroalpino. O desgaste do solo e o sobrepastoreo ameazan coa desertización de todo o país.
Xeografía económica
A economía ruandesa é de subsistencia. Debido á erosión dos solos, as sequías e a fame, o país depende da axuda exterior, sobre todo de Bélxica. A gran maioría da poboación de Rwanda vive do sector primario baseado nunha agricultura destinada aos cultivos comerciais (café, té, tabaco) e aos de subsistencia (millo, mandioca, patacas, sorgo). Destaca o gando caprino, bovino, ovino e porcino. Os minerais son a segunda fonte importante de divisas, polo que destaca a extracción de estaño, ouro e tungsteno. As grandes reservas de gas natural descubertas preto da fronteira coa República Democrática do Congo están en proceso de explotación. A industria redúcese a un cento de instalacións, principalmente alimentarias (cervexa, cigarros e azucre). Carente de ferrocarrís, o país comunícase por estrada e conta cun aeroporto en Kigali. Rwanda exporta principalmente café e té a Alemaña, aos Países Baixos e Bélxica; e importa maquinaria, equipamento de transporte, derivados do petróleo e alimentos, que proceden sobre todo de Bélxica, Kenya e Francia. A balanza ruandesa é moi negativa, pero os pagamentos pódense saldar con superávit grazas ás achegas da UE, a Liga Árabe e a algúns bancos e corporacións internacionais.
Xeografía humana
Rwanda mantén unha alta taxa de mortalidade infantil (120,1‰, 1999) así como unha alta natalidade (35,7‰) e mortalidade (21,1‰). A densidade de poboación é moi elevada (309,9%, 2002). A poboación urbana só representa o 18,3%, pois a maioría vive en núcleos familiares dispersos pola rexión montañosa. O seu número aumenta paulatinamente entre outras razóns polas sucesivas migracións que se superpuxeron á poboación orixinal.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A sociedade ruandesa componse de tres grupos étnicos: os hutus (80%), que se dedican á agricultura, os tutsis (19%), dedicados á caza e á artesanía; os twas, pigmeos (1%), que viven nos bosques. As linguas oficiais son o francés, o inglés e o ruanda. Hai unha minoría musulmá (1%) e protestante (9%), pero a maioría da poboación é católica (65%) ou ben practica cultos animistas ou crenzas tradicionais (25%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Rwanda entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 159º posto cun índice do 0,431). Este indicador desagregado, ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 39 anos para os homes e de 42 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 69,2% e o índice bruto de escolaridade é do 538% da poboación. O PNB por habitante é de 1.270 $ EE UU.
Goberno e política
Antigo fideicomiso belga, converteuse nunha república independente, de sistema presidencialista, o 1 de xullo de 1962. Segundo a Constitución de 18 de xuño de 1991, reformada o 26 de maio de 2003, o poder lexislativo reside no Inteko Ishinga Amategeko/Parlement/Parliament composto por dúas cámaras: a Umutwe w’Abadepite/Chambre des Députés/Chamber of Deputies, que ten 80 deputados elixidos por cinco anos, e o Umutwe wa Sena/Sénat/Senate con 26 senadores elixidos por oito anos por sufraxio universal. O poder executivo exérceo o presidente, asistido por un consello de ministros, elixido por sete anos non renovables. O sistema xudicial baséase nos sistemas alemán e belga de leis civís; conta cunha Corte Suprema para a revisión das leis lexislativas e cun Tribunal Constitucional; non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principias forzas políticas son: Coalition formado polo partido autoritario tutsi Front Patriotique Rwandais/Rwanda Patriottic Front (FPR), o partido democratacristián hutu Parti Démocratique Chrêtien/Christian-Democratic Party (PDC), o islamista Parti Démocratique Islamique/Islamic Democratic Party (PDI), o partido liberal hutu Parti Libéral/Liberal Party (PL), o socialdemócrata Parti Socialiste Rwandais/Rwandese Socialist Party (PSR), e o Démocratique du People Rwandais/Democratic Union of the Rwandese People (UDPR); o partido socialdemócrata hutu Parti Social Démocrate/Social Democratic Party (PSD) e o Parti pour le Progrès et la Concorde/Party for Progress and Concord (PPC). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e asociado á UE.
Historia
Habitada por tribos twas, cara ao s X foi ocupada por tribos hutus. No s XV chegaron os tutsis, que escravizaron os hutus. Formaron un gran reino, que máis tarde se fragmentou e Rwanda foi un dos reinos que xurdiu do primitivo. Os tutsis impuxeron un sistema feudal baixo unha monarquía hereditaria. En 1858 J. H. Speke e R. Burton atravesaron o país. Tamén foi explorado por D. Livingstone e H. M. Stanley en 1871 e por exploradores alemáns. Na Conferencia de Berlín (1885) o país pasou á xurisdición alemá. En 1916 as tropas belgas ocupárono e en 1923 Rwanda pasou a ser un mandato belga por encargo da Sociedade de Nacións. A colonización belga limitouse a desfacer a estrutura socioeconómica tradicional e debilitar o poder real. Os misioneiros católicos converteron os hutus e os tutsis. En 1946 a ONU confirmou o fideicomiso belga. Na década de 1950 os hutus organizáronse politicamente co apoio belga, e en 1957 o Manifesto Rundi esixiu igualdade de dereitos cos tutsis e en 1959 rebeláronse. Logo dunha cruenta guerra civil, uns 150.000 tutsis tiveron que refuxiarse nos países veciños. En 1960 celebráronse eleccións, amplamente gañadas polos hutus, os cales se decantaron por unha república constitucional. Creouse un goberno provisional presidido por Grégoire Kayibanda que proclamou a república o 28 de xaneiro de 1961. O 1 de xullo de 1962 Bélxica concedeulle a independencia. O presidente Kayibanda realizou unha reforma agraria que converteu os pastos dos tutsis en cultivos. Ademais en 1973 producíronse novos ataques contra os tutsis. En 1973 un golpe de estado derrocou a Kayibanda e deu o poder ao xeneral Juvénal Habyarimana. En 1978 aprobouse por referendo unha nova constitución con vistas á legalización do réxime e ao restablecemento do sistema parlamentario, pero o poder quedou controlado por Habyarimana. En 1990 o goberno anunciou a introdución dun sistema multipartidista. Neste ano a organización armada (maioritariamente tutsi) Front Patriotique Rwandais/Rwanda Patriottic Front (FPR) atacou desde Uganda o N do país. En 1991 o goberno aprobou unha constitución democrática, pero a oposición rexeitou o goberno provisional porque consideraba que só estaba representado o Mouvement Républicain National pour la Démocratie et le Développment/National Republican Movement for Democracy and Development (MRNDD), creado por Habyarimana. Logo de numerosos enfrontamentos que, desde o inicio de 1993, se produciron entre o FPR e o exército, en agosto ambas as dúas partes chegaron a un acordo en Arusha (Tanzania) para a desmobilización, a unificación do exército, a repatriación dos refuxiados e a formación dun goberno provisional. A continuación da violencia obrigou a requirir a intervención da ONU que desplegou forzas e observadores no país, así como axuda humanitaria. A raíz da acusación do FPR e outros partidos da oposición ao MRNDD de violar os acordos de Arusha, as hostilidades reiniciáronse en 1994. Desde abril, cando Habyarimana morreu nun atentado, a escalada de violencia intensificouse polas rivalidades intertribais e acadou proporcións de xenocidio. Francia e Bélxica enviaron forzas para evacuar aos seus residentes e Francia mandou, entre xuño e xullo, unha controvertida misión de paz e a evolución do conflito fíxose favorable ao FPR, que en xullo controlaba a práctica totalidade do país. Estableceuse un novo goberno de transición presidido polo hutu Pasteur Bizimungu, que incluía representantes de diversas forzas políticas (agás do MRNDD). O resultado inmediato da guerra foi a morte de case un millón de ruandeses e o desprazamento duns cinco millóns a campos de refuxiados de Burundi, Tanzania, República Democrática do Congo e na mesma Rwanda. A ONU estableceu un tribunal para xulgar os crimes de guerra. Durante 1996 a fractura social étnica era evidente na distribución do territorio ruandés, e as hostilidades nos campos continuaron a reproducirse. Así se manifestou cando as tropas ruandesas lle deron apoio ao ataque da etnia tutsi banyamulengue que derrocou a Sese Seko Mobutu na República Democrática do Congo e forzou os hutus refuxiados a volver a Rwanda a finais 1997. Este feito provocou, durante 1998, o reinicio dos enfrontamentos violentos entre hutus e tutsis. En 2000 o FRP nomeou a Bernard Makuza primeiro ministro e a Paul Kagame presidente do país, cargos que foron revalidados nas eleccións de 2003. A pesar da axuda internacional e as reformas políticas, incluíndo as primeiras eleccións locais (1999) e as eleccións presidenciais e lexislativas (2003), a concentración de poder no FPR vai en aumento e o país continúa loitando para alzar o investimento e fomentar a reconciliación entre as diferentes etnias.