Real Batallón de Voluntarios de Infantería Lixeira de Santiago
ou Batallón Literario Corpo de estudantes que se constituíron como batallón de defensa en Santiago de Compostela ante a invasión francesa de 1808. Ten a súa orixe noutros batallóns de estudantes creados en 1663 e 1665, para loitar na fronteira portuguesa, e en 1702 durante a Guerra de Sucesión. Admitida a súa creación polo claustro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixiuno o coronel Xoán Ignacio de Armada e Mondragón, marqués de Santa Cruz de Ribadulla, que presentou a Xunta Suprema o regulamento e a súa formación con 6 compañías con 168 cadetes cada unha, ademais de oficiais e suboficiais. A Xunta Suprema acordou que, pola súa condición de nobres, non era axeitado que os seus membros se alistasen como soldados polo que se lle concedeu aos estudantes o grao de cadete e aos licenciados e doutores os de subtenentes e tenentes. Ao marqués de Santa Cruz de Ridabulla concedéuselle o grao de doutor en todas as facultades da universidade. Entraron en loita en Castela en xullo de 1808, aínda que despois de varias batallas en que sufriron baixas, o comandante xeneral Blacke deu orde de expulsión a moitos membros do batallón pola falta de compromiso. En 1846 creouse un novo batallón para secundar o levantamento de Narváez.