Renault
Empresa francesa de automóbiles. A súa orixe atópase no vehículo bautizado como Voiturette creado por Louis Renault en 1898 e na sociedade Renault Fréres, fundada en 1899 en Billancort cos seus irmáns Marcel e Fernand Renault. Pouco despois a sociedade converteuse no primeiro construtor francés do sector automobilístico. En 1909 Louis Renault quedou a cargo da empresa, que tomou o seu nome. Durante a Primeira Guerra Mundial converteuse nunha industria de guerra e despois da Segunda Guerra Mundial constituíuse a Societé Anonyme des Usines Renault e en 1945 converteuse nunha empresa do estado francés co nome de Régie Nationale des Usines Renault. Convertida en sociedade anónima en 1990, privatizouse en 1996. En 1999 constituíu a alianza Renault Nissan pola que a empresa francesa adquiriu o 36,8% de Nissan Motor, o 22,5% de Nissan Diesel e as sociedades financeiras europeas do grupo xaponés. En 1999 adquiriu máis da metade do capital do construtor rumano Dacia, que en 2001 ampliou ao 92,72%. En 2000 acordou con AB Volvo a constitución dun grupo mundial no segmento dos camións e adquiriu o grupo coreano Samsung Motors. En 1951 constituíuse en España FASA Renault.