requinta
Instrumento tradicional galego semellante á frauta traveseira. Feita de madeira, tradicionalmente buxo, conta con sete furados, o no extremo cunha chave chamada clave. Ten forma cónica inversa, tomada das traveseiras barrocas, que permite a afinación das notas da escala aguda coas notas da escala grave e foi tomada das traveseiras barrocas. Está formada por cinco partes (pechos): a embocadura ou pecho dos beizos, onde está situado o furado polo que se introduce o aire mediante unha posición especial dos beizos e que no seu extremo conta cun tapón para a afinación; o barrilete, que é unha peza cilíndrica que se emprega para afinar a requinta; o terceiro pecho, en que se sitúan tres furados que se accionan coa man esquerda; o cuarto pecho, onde van outros tres furados para a man dereita; e o pecho da chave, que leva unha chave que se acciona co dedo mainiño da man dereita. A requinta, tradicionalmente, está afinada na tonalidade de fa sostido, o que permite tocar a dúo con gaitas en si natural, pero tamén pode estar en sol, para poder tocar con gaitas en do. É capaz de producir case tres escalas completas (baixa, aguda e sobreaguda), aínda que as máis empregadas son a aguda e a sobreaguda, xa que a baixa non se escoita ao tocar coas gaitas. A súa dixitación é aberta e a ornamentación caracterízase por trinos longos nas notas descendentes e un fraseo picado continuo. Este instrumento é característico da zona do Ulla, onde se recolleron todos os testemuños e onde tiveron sona a finais do s XIX e principios do s XX grupos de música tradicional que mesturaban requintas, gaitas e percusión, dos que destacan A requinta de Carcacía, A requinta de Lampai, A gaita de Vedra ou Airiños do Ulla.