Sada
Concello da comarca da Coruña, situado no N da provincia da Coruña e no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa ría de Betanzos, ao S con Cambre e Bergondo (ambas as dúas na comarca da Coruña), ao L de novo con Bergondo e coa ría de Betanzos e ao O con Oleiros (comarca da Coruña). Abrangue unha superficie de 27,4 km 2 cunha poboación de 13.606 h (2007), distribuída nas parroquias de Carnoedo, Meirás, Mondego, Mosteirón, Osedo, Sada, Soñeiro e Veigue. A súa capital é a vila de Sada, situada a 43° 20’ 59’’ de latitude N e 8° 15’ 08’’ de lonxitude O, e distante 17 km da capital provincial. Está adscrito á provincia da Coruña, á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
O concello conta cun relevo baixo, de alturas moi modestas e relativamente suaves, sen pendentes excesivas e lixeiramente basculado cara á ría de Betanzos. A parte occidental está composta por materiais duros, xistos e pegmatitas, que supoñen un resalte respecto ao resto do termo, ocupado por aluvións continentais e sedimentos mariños no litoral. A costa, relativamente baixa nalgúns tramos e con cantís noutros, é resultado dunha erosión diferencial, e conta cunha grande abundancia de puntas e entrantes que coinciden coas zonas de maior ou menor resistencia da rocha. Destacan as puntas de Fontán e Pereiros e as enseadas de Lourido e Sada. O clima é oceánico húmido, moi suave, e caracterizado por unhas temperaturas moderadas ao longo de todo o ano (14°C), invernos moi benignos (9°C) e veráns frescos (18-19°C). As precipitacións sitúanse ao redor dos 1.000 mm, xa que se atopa nunha zona de certo abrigo pluviométrico. As xeadas son practicamente inexistentes e a oscilación térmica moi pouco marcada ao acadar os 9°C.
Xeografía humana
A evolución demográfica de Sada tivo un comportamento atípico xa que non presenta unha evolución positiva constante desde principios do s XX como podería parecer pola súa localización nunha área costeira tan dinámica. Así, en 1900 contaba cunha poboación de 6.569 h, que foi medrando, con altos e baixos, ata 1930, data na que acadou os 8.508 h. A partir desa data, a emigración á veciña cidade da Coruña fixo perder en gran medida unha boa parte da súa poboación: 7.715 h (1940), 7.345 h (1950), 7.058 h (1960), e 7.047 h (1970). Desde 1970 a recuperación foi inmediata: 7.998 h (1981), 9.190 h (1991), 9.597 h (1996), 11.464 h (2001) e 13.606 h en 2007. Este crecemento final debeuse á inversión das correntes migratorias que anteriormente lle fixeran perder poboación. O retorno de emigrantes ao concello, xunto coa instalación de familias residentes na Coruña, fixo que o crecemento fose moi forte. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-0,2‰) froito dunhas taxas de natalidade (8,6‰) e mortalidade (8,8‰) parellas. Os maiores de 65 anos representa o 19,9% fronte ao 15,4% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 64,7%. Por sexos a composición está equilibrada. 50,36% de mulleres e 49,64% de homes. A poboación distribúese de forma lineal ao redor das estradas que atravesan o concello.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Sada é do 50,4% (62,3% a masculina e 39,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 44% (56,3% a masculina e 32,3% a feminina); e a taxa de paro sitúase no 12,8% (9,5% a masculina e 17,8% a feminina). O sistema económico está moi relacionado cos sectores secundario e terciario, a pesar de que o primario aínda ten certo peso. As actividades relacionadas co campo empregan a tan só ao 2,4% da poboación. Destaca a agricultura hortícola que satisface o mercado urbano coruñés. Practícase tamén a agricultura a tempo parcial para complementar as rendas familiares. A pesca, que emprega ao 4,2% da poboación activa, céntrase na captura de especies de baixura, como a sardiña, e no marisqueo, onde destaca o berberecho, a ameixa fina e a ameixa babosa. O sector secundario ocupa o 28,3% dos activos e céntrase na industria agroalimentaria, con fábricas de conservas, e outras industrias de pensos, pirotecnia, cerámica, moble, madeira e carpintaría metálica. A proximidade da cidade da Coruña fai que moitos sadenses se despracen diariamente aos seus polígonos industriais. A maior parte das empresas do concello sitúanse ao redor da N-VI no lugar do Espírito Santo (Soñeiro) e na capital municipal. O sector servizos ocupa ao 65,2% da poboación activa. Nel destaca a hostalaría, intimamente ligada ao desenvolvemento turístico do concello e á súa funcionalidade como municipio residencial estival e de fin de semana. O comercio almacenista está tamén relacionado coa súa localización na periferia coruñesa, co paso da N-VI e coa actividade do seu porto pesqueiro. Ademais Sada é un centro de ocio as fins de semana para os máis novos. A principal vía de comunicación do concello é a N-VI (A Coruña-Madrid), que discorre polo S, e a AC-163 que bordea a costa desde Bergondo ata A Coruña.
Historia
Segundo a tradición a orixe do poboamento do actual concello sería unha primitiva poboación lacustre localizada nas Brañas e da que se atoparían restos de trabes de punta queimada. A antigüidade do poboamento móstrase nos castros atopados en Meirás, Osedo e Samoedo, que puideron estar habitados polos ártabros. Semella que ata aquí chegaron os fenicios e os gregos. De época fenicia podería derivar o nome do concello pois á ría denominárona Saida ‘abundante en peixes’. De época romana atopáronse tellas, unha ara na igrexa de San Martiño de Meirás e a figura dun home cunha túnica nun muro do cemiterio de Soñeiro. No s XI as xentes do conde Gonzalo Sánchez destruíron e queimaron as naves normandas. Posteriormente os musulmáns saquearon a zona. No s XII a familia de Traba impuxo o seu señorío e no s XIV o duque de Lancaster intentou apoderarse da vila como paso previo á conquista de Betanzos, pero foi rexeitado por Fernán Pérez de Andrade. Enrique de Trastámara concedeu o señorío da vila aos Andrade. Durante as Revoltas Irmandiñas as xentes destas terras apoiaron os Andrade. En 1589 a poboación participou no rexeitamento de F. Drake que atacara as costas coruñesas. A finais do s XVII a iniciativa privada converteu a vila de Sada nun dos escasos focos fabrís dos que puido dispoñer Galicia, nos que se elaboraban panos finos, tecidos, lenzos e manteis. Esta industria significou unha enorme expansión comercial e un crecemento demográfico ata que en 1750 comezou a florecer a industria pesqueira. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Sada pertenceron á xurisidición de Miraflores, señorío dos Andrade, que pasou despois á casa de Lemos e despois á de Alba. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Sada. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Santa María de Sada, Soñeiro e Camoedo e as capelas do Espírito Santo e da Milagrosa. Sobresaen tamén os pazos do Castro de Samoeda, Castro de Enriba, Fortiñón, Meirás, Sada, Trasnín e Oreiro, e as casas Barrié en Mondego e de Ameixerala, ademais da Terraza, edificio modernista trasladado desde A Coruña. No complexo de Cerámicas do Castro englóbanse a fábrica de cerámica, as gráficas do Castro, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe e o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, todos eles pertencentes ao Grupo Sargadelos. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de San Xoán en xuño, do Carme en xullo, a Romaría Internacional en xullo e a sardiñada en agosto, declarada de Interese Turístico Nacional.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Coruña, A |
| Extensión | 27 Km2 |
| Poboación Total | 13606 h |
| Poboación Homes | 6754 h |
| Poboación Mulleres | 6852 h |
| Densidade de poboación | 503.93 h/Km2 |