Salceda de Caselas
Concello da comarca de Vigo, situado no S da provincia de Pontevedra, no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N con Ponteareas (comarca do Condado), ao S con Tui (comarca do Baixo Miño), ao L con Salvaterra de Miño (comarca do Condado) e ao O co Porriño (comarca de Vigo). Abrangue unha superficie de 35,9 km 2 cunha poboación de 7.686 h (2007), distribuída nas parroquias de Entenza, Parderrubias, A Picoña, San Xurxo de Salceda, Santa María de Salceda, Santo Estevo de Budiño e Soutelo. A súa capital é a vila da Esfarrapada, situada a 42° 06’ 06’’ de latitude N e 8° 33’ 23’’ de lonxitude O, que dista 45 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial do Porriño.
Xeografía física
O relevo de Salceda de Caselas non presenta demasiados contrastes, agás o extremo setentrional onde se sitúan as maiores alturas, no límite co concello do Porriño. As unidades de relevo posúen unha dirección xeral N-S paralelas á Depresión Meridiana, que está situada ao O das mesmas. Tanto o val do río Caselas como as elevacións onde se sitúan os picos do Corucho (443 m) e Faro (396 m) teñen esta dirección. No extremo meridional ábrese a ampla chaira aluvial do Miño e, no SO, parte do concello está incluído no val do Louro, que pertence á Depresión Meridiana. Desde o punto de vista climático, goza dunha suavidade xeral nas temperaturas, cunha media de 14°C, con invernos suaves (9°C) e veráns moi benignos (20°C), sen que existan xeadas de importancia. As precipitacións xiran ao redor dos 1.200-1.500 mm, segundo a altitude. Os principais cursos fluviais son o río Caselas, que forma un amplo val no L, e o río Beceira, afluente do Louro, no SO do concello.
Xeografía humana
O concello tivo sempre un crecemento moi moderado ao longo do s XX, acelerándose nos últimos anos grazas á influencia da cidade de Vigo. En 1900 contaba con 4.408 h, poboación que evolucionou con altos e baixos ata os 4.791 h de 1950, un número moi similar ao de principios de século, que non puido medrar máis debido á intensa emigración que sufriu o concello, especialmente cara a Vigo e América. Desde 1950, a primeira tendencia mantívose, sendo a cidade viguesa o destino preferente dos habitantes do concello. Produciuse un estancamento demográfico que se superou na década seguinte ao comezar o desenvolvemento industrial do concello, beneficiándose do polo de desenvolvemento de Vigo e dos polígonos industriais de Mos e do Porriño. En 1970 acadáronse os 5.063 h, que foron evolucionando a partir desa data positivamente (5.618 h en 1981, 6.074 h en 1996, 6.335 h en 2001 e 7.686 h en 2007). En 2006 o crecemento natural foi positivo (4‰) froito dunha alta natalidade (11,6‰) e unha relativamente baixa de mortalidade (7,6‰). A poboación é bastante nova pois o 20,8% da poboación son menores de 20 anos fronte ao 14% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 65,1%. Por sexos dominan lixeiramente os homes: 51,06% fronte ao 48,93% de mulleres. A poboación concéntrase en aldeas bastante grandes, situadas ao redor da rede de estradas, cunha estrutura bastante laxa e difusa, onde se mesturan vivendas, anexos, naves industriais, residencias secundarias e campos de cultivo. A maior destas entidades é o lugar da Esfarrapada onde se concentran servizos e equipamentos.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Salceda de Caselas é do 56% (73% a masculina e 40,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 50,8% (69% a masculina e 34% a feminina); a taxa de paro acada o 9,2% (5,6% a masculina e 15,3% a feminina). O sistema económico deste concello xira ao redor da construción e das actividades fabrís propiamente ditas, sendo o primario un sector xa residual (4,3% da poboación activa). O primario céntrase no cultivo do viñedo baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas. Na horticultura destacan os cultivos de invernadoiro, que aproveitan a benignidade climática e a proximidade ao gran mercado urbano de Vigo. A agricultura a tempo parcial é practicada polas familias empregadas noutros sectores económicos distintos ao primario. O secundario é o verdadeiro motor do concello cun reparto por subsectores onde a industria ocupa ao 40,3% da poboación activa e a construción ao 16%. A minaría, moi importante, está relacionada coa extracción de granitos das canteiras do concello, así como coas do concello do Porriño. As principais empresas industriais concéntranse no eixo Vigo-Tui, no lugar do Cerquido, que se está conformando coma un polígono industrial onde se asentan distintas ramas como os plásticos, carpintaría metálica, mobles e transformación de rochas. A construción benefíciase da proximidade de Vigo e do propio dinamismo deste espazo, xa que é unha área destacada na construción de segundas residencias, infraestruturas e equipamentos. Polo que respecta ao sector servizos (39,4% dos activos), en Salceda de Caselas aséntanse distintas empresas dedicadas ao comercio maiorista de froitas e peixe, relacionadas coa cidade de Vigo así como tamén co N de Portugal. A capital municipal concentra os servizos públicos e gran parte do comercio municipal. Aínda que polo concello pasan a estrada N-550, a autovía A-55 e o ferrocarril Vigo-Ourense, a principal vía de comunicación é a PO-410, entre Porriño e Salvaterra de Miño.
Historia
A orixe do concello atópase no antigo mosteiro de Santa María de Salceda, fundado pola Raíña Aragonte. Durante a Idade Media existiu o castelo de Toroña (Entenza), que serviu na defensa do territorio nas loitas con Portugal. Isabel I a Católica mandouno destruír. No reinado de Filipe II, o arquidiácono da Igrexa de Santiago, Pedro de Alemparte, mercou ao rei a freguesía de Santa María de Salceda para edificar a casa e a granxa de Pegullal. Durante a Guerra da Independencia a vila foi invadida por tropas francesas. A defensa foi divida polo abade de Couto, Mauricio Troncoso de Lira, que desde a ermida da Ascensión (Entenza) tomou a cidade de Tui. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Salceda de Caselas pertenceron á xurisdición de Budiño, rexida polos seus veciños; Entenza, señorío do bispo e cabido de Tui; Parderrubias, señorío do marqués de Bendaña e dun señor laico; Picoña, señorío dun laico, San Xurxo e Santa Marta de Salceda, rexidas polos seus veciños; e Tui, señorío do bispo de Tui. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela, produciuse a creación do concello de Salceda. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835.
Patrimonio cultural
Do antigo mosteiro de Santa María de Salceda consérvase a igrexa, reconstruída en 1769. Destacan tamén a igrexa de Entenza, de posible orixe románica. No concello consérvanse diversos pazos, entre outros, os de Budiño e A Corisca en Entenza; os de Pegullal e de Val en Santa María de Salceda; o da Picoña e a casa señorial da marquesa de Avendaño en Parderrubias. Destacan tamén os cruceiros de Ataud (A Picoña), o do Cristo na Esparrafada e o de Entenza. O patrimonio natural está representado polo espazo natural das Gándaras de Budiño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de Nosa Señora do Libramento en setembro en Santo Estevo de Budiño, San Brais en febreiro en Entenza e as do Cristo en xuño en Salceda, ademais do Entroido e da Festa dos Callos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Vigo |
| Extensión | 35 Km2 |
| Poboación Total | 7686 h |
| Poboación Homes | 3925 h |
| Poboación Mulleres | 3761 h |
| Densidade de poboación | 219.6 h/Km2 |