salgueiro

salgueiro

(< lat v *salicarĭu)

  1. s m [PLANTA]

    Planta que pertence ao xénero Salix, da familia das salicáceas.

  2. salgueiro amendoeiro [PLANTA]

    Arbusto ou pequena árbore dioica de 2 a 6 m de altura, con follas simples, alternas, lanceoladas, agudas e serradas, flores dispostas en amentos delgados e cilíndricos, os masculinos con tres estames por bráctea e froito en cápsula. Florece entre abril e maio na beira dos ríos e bosques húmidos. Aparece dispersa pola maior parte da Península Ibérica, aínda que é rara en Portugal.

  3. salgueiro branco [PLANTA]

    Árbore caducifolia, dioica, de ata 20 m de altura, coa cortiza fendida parda-agrisada, pólas dereitas e flexibles, máis ou menos pubescentes, follas simples, alternas, lanceoladas coa beira dentada e pelos sedosos na cara inferior. As flores están dispostas en amentos densos e cilíndricos que se desenvolven ao mesmo tempo ca as follas e froito en cápsula dehiscente. Florece a principios da primavera no bosque de ribeira e tamén á beira dos regatos. Atópase en case toda Europa e emprégase tamén como planta medicinal.

    Sinónimos: chamariza.
  4. salgueiro cabuxo [PLANTA]

    Arbusto caducifolio, de ata 11 m de altura, coa copa ampla e redondeada, follas simples, ovais ou elípticas, enteiras con beiras dentadas, flores dispostas en amentos, os femininos algo maiores ca os masculinos e froito en cápsula. Florece entre febreiro e abril en solos areosos e frescos. É moi frecuente no N da Península Ibérica. As súas ramas empréganse para facer cestos e a súa madeira para táboas ou zocos.

  5. salgueiro chorón [PLANTA]

    Árbore caducifolia, de ata 12 m de altura, coa cortiza fendida e cor parda, pólas moi longas e flexibles que colgan case ata o chan, follas alternas, linear-lanceoladas e coa beira dentada, flores amarelas, unisexuais dispostas en amentos cilíndricos e froito en cápsula dehiscente. Florece entre abril e maio. É orixinario do L de Asia e cultívase como planta ornamental en parques e xardíns.

  6. salgueiro dos Pireneos [PLANTA]

    Arbusto ergueito ou rastreiro, de ata 50 cm de altura, con follas elípticas e peludas e de amentos laxos. É endémico dos Pireneos, onde medra en clareiros do bosque, no piso subalpino.

  7. salgueiro irto [PLANTA]

    Arbusto caducifolio, de ata 25 m de altura, cunha copa ancha e cónica, cortiza gris e fendida, follas estreitas e lanceoladas verdes, flores dispostas en amentos cilíndricos que aparecen antes ou ao mesmo tempo ca as follas e froito en cápsula. Florece entre marzo e maio en lugares húmidos ou preto dos ríos. Emprégase como planta medicinal e as súas ramas para atar as viñas e os setos.

  8. salgueiro negro [PLANTA]

    Arbusto ou pequena árbore caducifolia, dioica, de ata 10 m de altura, coa cortiza parda, follas enteiras, simples, alternas, ovadas ou lanceoladas, pecioladas, sen pelos pola face e pubescente polo envés, flores unisexuais dispostas en amentos, os masculinos ovoides e os femininos cilíndricos e froito en cápsula tomentosa. Florece entre febreiro e abril en lugares húmidos e frescos, como na beira dos ríos. En Galicia é a especie máis frecuente do xénero Salix, da que existen tamén híbridos con outras especies do mesmo xénero. Cultívase tamén como planta ornamental.

  9. salgueiro nodoso [PLANTA]

    Arbusto caducifolio, dioico, de ata 6 m de altura, con follas agrisadas oblongo-lanceoladas, alternas, simples, co bordo pouco dentado, enteiras e flores unisexuais pouco vistosas dispostas en amentos. Crece exclusivamente no centro e metade occidental da Península Ibérica. A subespecie S. salviifolia australis está na lista de especies protexidas.

  10. salgueiro rastreiro [PLANTA]

    Arbusto rastreiro, de ata 1 m de altura, que florece entre abril e xuño en dunas costeiras e prados. É frecuente no N, O e centro da Península Ibérica. En Galicia pódense atopar híbridos coa especie S. atrocinerea. Cultívase como planta ornamental.

  11. salgueiro reticulado [PLANTA]

    Arbusto moi baixo, agarrado ao chan, con follas ovadas, endurecidas, dun verde escuro e de amentos cilíndricos. Dáse na tundra ártica e no piso alpino das cordilleiras europeas.

Palabras veciñas

Salgueiriño | Salgueiriño | Salgueiriños | salgueiro | Salgueiro | Salgueiro | Salgueiro