Salvador, El

Salvador, El
Nome científico: [nome oficial: República de El Salvador]

Estado de América Central que limita ao N e ao L con Honduras, ao N e ao O con Guatemala, e ao S co Océano Pacífico (21.041 km2; 6.400.000 h [estim 2001]). A súa capital é San Salvador.
Xeografía
O relevo presenta diferentes sectores. Os Andes centroamericanos (tierra templada) constitúen a cordilleira máis setentrional e están formados por materiais mesozoicos. A cordilleira da costa está constituída por volcáns recentes, a maioría deles aínda activos como o Santa Ana (2.381 m). A chaira central (tierra caliente) está cuberta por sedimentos recentes e é a área máis poboada. A chaira da costa está formada por materiais aluviais e regada por numerosos torrentes. O clima é cálido e con moitas chuvias. Na tierra templada as temperaturas medias sitúanse entre os 17°C e os 21°C e as precipitacións entre os 1.800 e 2.400 mm; na tierra caliente as temperaturas medias sitúanse entre os 22°C e 26°C e as precipitacións entre os 1.600 e os 2.000 mm; e na chaira da costa a temperatura media é de 28°C e as prcipitacións sitúanse entre os 1.800 e os 2.000 mm. A economía baséase na explotación forestal, na pesca e na agricultura, na que destaca a produción de millo, base da alimentación, aínda que o cultivo de máis rendemento económico é o café. Cultívase tamén cana de azucre, algodón, arroz, xudías secas, tabaco, laranxas e bananas. A gandaría contribúe con aves, bovino e porcino. O bosque proporciona unha boa produción de madeira de coníferas de calidade, como caoba ou cedro. A pesca marítima é importante polos crustáceos. A electricidade obtense polo petróleo importado e da enerxía hidráulica. Na industria destacan a rama alimentaria, a téxtil, os produtos petrolíferos e químicos, o calzado, o tabaco e o cemento. El Salvador dispón de 547 km de vías férreas e de 10.029 km de estradas dos que 1.968 km están asfaltados. Os principais portos son Acajutla e Cutuco e o aeroporto internacional atópase en Ilopango, preto de San Salvador. As principais exportacións son café, azucre e crustáceos, dirixidos principalmente a EE UU, Guatemala e Costa Rica, e as importacións están baseadas en bens de consumo, maquinaria e petróleo, e proceden de EE UU, Guatemala e México. O saldo é negativo, feito que incrementa a débeda exterior. En canto á moeda, o goberno de Francisco Guillermo Flores Pérez decidiu, en xaneiro de 2001, adoptar o dólar estadounidense en substitución do colón para intentar salvar a economía do estado. A poboación salvadoreña presenta unha elevada taxa anual de crecemento demográfico (23‰ [1999]), consecuencia da alta natalidade (29,4‰) e da baixa mortalidade (6,4‰). País densamente poboado (304,1 h/km2), a distribución da poboación é desigual xa que o centro e o sur teñen maiores densidades. O 46,6% (2000) da poboación é urbana.
Sociedade e goberno


Diversidade étnica e cultural
Etnicamente predominan os mestizos (89%), seguidos dos amerindios (10%) e dos crioulos (1%). A lingua oficial é o castelán. A relixión maioritaria é o catolicismo (78,3%), seguido do protestantismo (17,1%). O ensino primario é obrigatorio e gratuíto.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 103º posto cun índice do 0,720). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e de 75 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 79,7% e o índice bruto de escolaridade é do 66% da poboación. O PNB por habitante é de 4.890 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia española, é independente desde 1821. Segundo a Constitución do 20 de setembro de 1983, reformada en 1991, 1992, 1994 e 2000, é unha república unitaria presidencial. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral, a Asamblea Legislativa, formada por 84 membros elixidos para un período de 3 anos. O poder executivo está formado polo presidente da república, que tamén actúa como comandante en xefe das Forzas Armadas, e o seu gabinete, elixido para un período de 5 anos mediante sufraxio universal. O sistema xudicial baséase na lei civil e no dereito romano, con influencias da common law, conta cun Tribunal Supremo Electoral, autoridade máxima en materia constitucional, e coa Corte Suprema de Justicia, integrada por 14 maxistrados seleccionados pola Asamblea Legislativa. Acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza con reservas e aplica a pena de morte a crimes cometidos en tempo de guerra. As principias forzas políticas son: o socialista Frente Farabundo Martí para la Liberación Nacional (FMLM), os conservadores Alianza Republicana Nacionalista (ARENA), o Partido de Conciliación Nacional (PCN) e o Partido Popular Republicano (PPR) os democratacritiáns Partido Demócrata Cristiano e Acción Popular (AP), os socialdemócratas Centro Democratico Unido (CDU) e o Partido Social Demócrata (PSD), o cristián conservador Fuerza Cristiana (FC), e o Movimiento Renovador (PMR) e o Partido Acción Nacional (PAN). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Organización dos Estados Americanos (OEA) e ONU.
Historia
Segundo unha teoría, os maias establecéronse sobre unhas civilizacións primitivas (ss IV-VII), pero outra sostén que a cultura maia procedía do altiplano do Pacífico. Os maias emigraron á parte oriental, e cara ao s XI o territorio foi ocupado polos nahuatls; o último movemento migratorio foi o dos pipils ou nobres, e a súa capital foi Cuscutlán. Pedro de Alvarado, enviado por Hernán Cortés, ocupou o territorio salvadoreño (1524-1529), repartiu as terras en grandes encomendas e creou tres grandes provincias, dependentes da capitanía xeral de Guatemala: Izalcos, San Salvador e San Miguel. En 1786 El Salvador converteuse en intendencia. En 1821 declarouse independente de España a causa da presión popular e dos intereses dos grandes propietarios. En 1824 intregrouse nas Provincias Unidas de Centro América, pero a súa política liberal chocou coa política conservadora de Guatemala e Nicaragua e en 1841 proclamouse independente, co conservador Francisco Malespín como presidente, e a república dividiuse polas loitas entre conservadores e liberais. En 1886 foi aprobada unha nova constitución que estableceu o sufraxio universal, a cámara única e a elección popular do presidente, pero este foi nomeado xeralmente polo seu antecesor entre as escasas familias da oligarquía nacional. El Salvador progresou grazas ás inversións estadounidenses e británicas e á rede de ferrocarrís e de portos marítimos. Pero a axitación social aumentou desde comezos de s XX e culminou en 1931 cunha feroz represión. A crise económica provocou a revolución do xeneral Maximiliano Hernández Martínez, que estableceu unha ditadura ata 1944. En 1945 a constitución foi reformada e o monopolio do café sostivo tres presidentes militares (1945-1960). A crise internacional do café e do algodón (1960) provocou un golpe de estado de esquerdas, pero coa axuda de EE UU, o poder foi restituído nunha xunta militar conservadora. Nos meses de xuño e xullo de 1969 estoupou unha guerra con Honduras polo desequilibrio económico entre ambos os dous estados. En 1972 foi elixido presidente Arturo A. Molina. Durante o seu goberno intensificáronse as accións da guerrilla e dos grupos da ultradereita, o que levou a un estado de guerra civil non declarada. En 1977 unhas eleccións presidenciais, que a oposición política considerou fraudulentas, deron o poder ao xeneral ultraconservador Carlos Humberto Romero. Este foi deposto polos militares (1979) e foi sucedido por unha xunta en que participaba o Partido Demócrata Cristiano (PDC). En 1980, entre constantes violacións dos dereitos humanos, foi asasinado o arcebispo de San Salvador Óscar A. Romero, e a oposición de esquerdas agrupouse arredor do Frente Farabundo Martí de Liberación Nacional (FMLN), brazo armado do Frente Democrático Revolucionario. En decembro, José Napoleón Duarte, membro da xunta e do PDC, converteuse en presidente da república. Nas eleccións á Asamblea Constituyente de 1982 venceu o PDC pero a presidencia recaeu no conservador Álvaro Magaña. A asemblea nacional aprobou unha nova constitución (1983) e convocáronse novas eleccións presidenciais (1984) que, sacudidas polos ataques da guerrilla, deron a vitoria a Duarte sobre o candidato da Alianza Republicana Nacionalista (ARENA). En 1988, porén, ARENA impúxose nas lexislativas, e nas presidenciais con Alfredo Cristiani, o que provocou un incremento da ofensiva da FMLN contra as forzas gobernamentais. En xaneiro de 1992 o goberno e a FMLN asinaron uns acordos de paz. Desde entón e ata a 1996, os observadores da ONU (ONU-SAL) velaron polo cumprimento dos acordos de pacificación que incluíron a desmilitarización e a democratización da administración, entre outros aspectos. En 1993 o FMLN converteuse en partido político e presentouse ás eleccións de 1994, pero foi superado por ARENA, que nas eleccións presidenciais tamén conseguiu a vitoria con Armando Calderón Sol. As eleccións lexislativas de 1997 significaron a fin do dominio gobernamental da dereita e o acceso da FMLN ao poder. Durante ese ano e o seguinte, o país consolidou o crecemento económico, porén, os índices de criminalidade aumentaban. Nas eleccións presidenciais de 1999 venceu de novo o ARENA, liderado por Francisco Guillermo Flores Pérez. O FMLN converteuse na primeira forza política tras o seu triunfo nas eleccións lexislativas e municipais de 2000. Nas eleccións lexislativas e municipais de 2003 o FMLN foi o partido máis votado, en troques, a Asamblea Legislativa continuou cunha maioría de dereitas formada polo ARENA e o Partido da Conciliación Nacional (PCN). En 2004 Antonio Elías Saca González foi elixido presidente da república polo ARENA. A situación da poboación salvadoreña viuse afectada polo furacán Mitch (30 e 31 de outubro de 1998), que causou miles de mortos e produciu graves danos. Ademais os seus efectos agraváronse ao producirse dous graves terromotos en xaneiro e febreiro de 2001.