Samoa

Samoa
Nome científico: [nome oficial ingl: Independent State of Samoa; samoano: Malo Sa’oloto Tuto’atasi ou Samoa e Sisifo]

Estado de Oceanía, situado en Polinesia, ao NL das illas Fixi, na metade occidental do arquipélago samoano, abrangue dúas illas maiores; Savai’i e Upolu e numerosos illotes dos que tan só dous, Apolima e Manono, están habitados (2.831 km2; 179.000 h [estim 2001]). A súa capital é Apia, na illa de Upolu.
Xeografía
De orixe volcánica, agás os atois coralinos, ten un relevo montañoso, onde a máxima altitude é o monte Silisili (1.858 m), situado na illa de Savai’i. Os solos son fértiles, sobre todo nas zonas chairas. O clima é tropical, húmido, con altas temperaturas (22°C de media anual), escasa amplitude térmica e precipitacións abundantes (superiores aos 5.000 mm anuais). Non existen ríos caudalosos. A agricultura e os servizos son as principais actividades. Cultívanse cocos, taro, copra, bananas, e outras froitas tropicais, e críase gando porcino e aves de curral. A pesca está adquirindo certa importancia. No sector industrial, a produción de madeira e as industrias lixeiras están en expansión desde que en 1992, EE UU e Xapón abriron dúas factorías. As pequenas manufacturas céntranse na elaboración de alimentos. O turismo é unha actividade que cada vez cobra máis importancia. Na illa de Upolu está o aeroporto de Apia e o aeroporto internacional Fateolo. Expórtanse produtos alimenticios a cambio de alimentación, maquinaria e produtos petroleiros. O comercio exterior é principalmente con Australia e Nova Zelanda. O déficit é só en parte compensado polo turismo, o resto sáldase con axuda estranxeira, especialmente de Nova Zelanda e Australia. A densidade demográfica é de 63 h/km2 e a maioría da poboación concéntrase na chaira litoral en pequenos pobos, principalmente na costa NO de Upolu (1.100 km2 e 110.000 h), a illa máis poboada. Savai’i é a máis extensa (1.690 km2 e 40.000 h). A pesar da emigración, a poboación aumentou rapidamente (23,4%, 1999).
Sociedade e goberno
A maioría da poboación é polinesia (88%), seguida dos mestizos (10%) e dos europeos (2%). As linguas oficiais son o samoano e o inglés. A poboación é maioritariamente protestante (62,6%), cunha minoría católica (21,2%). O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Samoa entre os países cun desenvolvemento humano medio (75º posto mundial cun índice de 0,769). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 73 anos para as mulleres e de 67 para os homes; o índice de alfabetización de adultos é do 98,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 69%; e o PNB real por habitante é de 5.600 $ EE UU. Antigo protectorado alemán, e desde 1920 en administración fiduiciaria de Nova Zelanda, independizouse o 1 de xaneiro de 1962. A Constitución de 1962, reformada en 1991, define o sistema de goberno como unha monarquía constitucional. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral, a Fono/Legislative Assembly, formado por 49 membros, elixidos para un período de 5 anos, dos que 47 son xefes de familia orixinarios de Samoa Occidental e os outros dous son membros foráneos. O poder executivo reside no monarca que será elixido polo lexislativo cada cinco anos á morte do actual xefe de estado vitalicio (Malietoa Tanumafili II). O primeiro ministro, designado polo xefe de estado mediante a aprobación da Fono/Legislative Assem-bly, elixe a composición do goberno. O sistema xudicial baséase na common law e nos costumes locais, conta cunha Corte Suprema e unha Corte de Apelacións; non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: o centrista Human Rights Protection Party (HRPP); o conservador Samoan National Development Party (SNDP) e o Samoa United Peoples Party (SUPP). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Comunidade do Pacífico (PC), ONU e asociado á UE.
Historia
Samoa foi administrada por Alemaña ata 1914, cando as forzas de Nova Zelanda a ocuparon. Posteriormente a Sociedade de Nacións e a ONU confirmaron a administración fiduciaria a Nova Zelanda. En 1961, nun plebiscito, unha gran maioría votou pola independencia. O 1 de xaneiro de 1962 Samoa Occidental erixiuse en estado soberano independente, o primeiro de Polinesia. Desde 1963 o monarca é Malietoa Tanumafili II, xefe de estado vitalicio. En 1970 ingresou na Commonwealth. En 1976 Tupuola Taisi Tufuga Efi foi nomeado primeiro ministro e baixo o seu goberno os partidos empezaron a participar na vida política do país. En 1979 a oposición organizouse no HRPP que en 1982 formou goberno con Tupuola Tofilau Eti Alesana. En 1985 unha facción disidente do HRPP baixo a dirección de Va’ai Kolone, xunto o Christian Democratic Party (CDP), formou goberno. Tofilau Eti Alesana e o HRPP retornou ao poder 1988. En 1997 o país cambiou o nome de Samoa Occidental polo de Samoa. Nas eleccións de 1998 foi elixido Tuilaepa Sailele Malielegaoi, candidato do HRPP, reelixido en 2001.