San Amaro

San Amaro


Concello da comarca do Carballiño situado no NO da provincia de Ourense e no centro-sur da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 22’ 30’’ de latitude N e 8° 04’ 07’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos do Carballiño e Maside (os dous da comarca do Carballiño), ao S co de Cenlle (comarca do Ribeiro), ao L co de Punxín (comarca do Carballiño) e ao O cos de Cenlle e Leiro (comarca do Ribeiro). Abrangue unha superficie de 28,9 km 2 cunha poboación de 1.355 h (2007), distribuída entre as parroquias de Anllo, O Barón, Beariz, Eiras, Grixoa, Las, Navío e Salamonde. A súa capital é o núcleo de San Amaro (parroquia de Beariz) localizado a 30 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial do Carballiño.
Xeografía física
O concello sitúase nunha área de transición entre as superficies de aplanamento residuais da parte central da comarca e os vales dos pequenos tributarios do Miño e do Avia. Predominan os granitos e os xistos, materiais moi antigos, afectados pola tectónica e posterior acción fluvial. Así, as superficies de erosión residuais correspóndense con áreas de litoloxía máis duras, moi suavizadas pola erosión e que culminan ao redor dos 500 m de altitude (San Trocado, 550 m e San Amaro, 504 m). As fracturas foron ocupadas polos ríos do concello, dos que destaca o Lavandeira que, con dirección N-S, forma un pequeno val entre estas superficies de erosión, e no NO o rego de Candorcas, afluente do Avia. Climatoloxicamente, encádrase no dominio oceánico de matiz mediterráneo, con temperaturas medias ao redor dos 13°C, bastante frías no inverno (5°C) e calorosas no verán (21-22°C). As precipitacións son considerables, con cifras superiores aos 1.000 mm, e as xeadas están presentes ao longo do inverno. A vexetación está condicionada pola abundante presenza de especies foráneas (piñeiros) que case desprazaron totalmente a vexetación autóctona, e que conviven con extensas superficies de mato. Nas áreas máis elevadas a vexetación arbórea é moi reducida e predominan especies arbustivas ou prados naturais.
Xeografía humana
San Amaro é un concello regresivo desde o punto de vista demográfico, cun alto grao de avellentamento da poboación, que se caracteriza por habitar en pequenas aldeas rurais. Na súa evolución demográfica destaca o descenso que se produciu nos primeiros anos do s XX, así, en 1900 contaba con 3.205 h que se converteron en 2.905 h en 1930. Isto debeuse aos movementos migratorios cara a América, contrarrestados, en certa medida, pola elevada natalidade e o alto crecemento vexetativo. A partir desta última data produciuse un incremento constante da poboación ata 1960 motivado polo retorno de emigrantes e polo crecemento vexetativo positivo (2.905 h en 1930; 3.258 h en 1940, 3.272 h en 1950 e 4.221 h en 1960). Pero a partir desta data produciuse un éxodo rural masivo, sobre todo cara á cidade de Ourense e, en menor medida, cara ao Carballiño, que se manifestou no número de habitantes (4.221 h en 1960; 2.608 h en 1970; 2.230 h en 1981 e 1.656 h en 1996). Nos inicios do s XXI o descenso da poboación continua: 1.431 h en 2001 e 1.355 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-11,4‰) cunha baixa natalidade (2,4‰) e unha elevada mortalidade (14‰). Os maiores de 65 anos supoñen o 37,3% fronte ao 8,5% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 54%. Por sexos a composición da poboación está equilibrada: 50,03% de mulleres e 49,96% de homes. A poboación vive en pequenas aldeas máis ou menos concentradas ao redor das principais vías de comunicación, e as entidades de maior tamaño son San Amaro e O Cruceiro.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de San Amaro é do 37,6% (48,9% a masculina e 26,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,8% (41,4% a masculina e 22,8% a feminina); e a taxa de paro é do 15,3%, tanto a xeral como a masculina e a feminina. San Amaro é un concello rural que sempre baseou o sistema económico no sector primario, pero nos últimos anos do s XX o desenvolvemento do secundario e, sobre todo do terciario cambiaron as bases económicas. O primario (14,3% dos activos) está composto pola agricultura vitícola, a gandaría e a silvicultura. O número de parcelas é elevado e demostra unha elevada fragmentación do territorio. O viñedo ocupa un total de 98 ha, especialmente nas parroquias situadas no S do concello, en pequenos bancais. A cabana gandeira está encabezada polo porcino e polas especies avícolas, que se crían nas diferentes granxas que traballan para a empresa COREN, dada a relativa proximidade do concello á capital provincial. No sector secundario, que ocupa ao 36,7% da poboación activa, destacan as pequenas empresas dedicadas á transformación da madeira, aínda que tanto a proximidade á cidade de Ourense como á vila do Carballiño mediatizan a vida industrial do concello. O mesmo sucede co sector servizos, que ocupa ao 49% da poboación activa, e está ben representado na capital municipal por unha serie de servizos e equipamentos. Polo límite do concello discorre a autovía das Rías Baixas A-52 (Vigo-Benavente) pero as principais vías son as pequenas estradas locais que comunican a capital con Punxín, Maside e O Carballiño.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras que forman o concello de San Amaro amósase nos restos arqueolóxicos atopados, pertencentes ao Paleolítico no lugar da Chaira e, sobre todo, no castro de San Cibrao de Las, datado entre o s I a C e o s II d C. Preto del atopáronse mámoas e túmulos megalíticos. Destacan tamén os castros de San Trocado, O Castro en Beariz e o Castro Martiño en Xinzo (Eiras). En San Trocado atopáronse tamén vestixios da Idade do Bronce. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de San Amaro pertencían á xurisdición de Roucos, señorío do conde de Ribadavia compartido nalgunha parroquia con outros señores. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de San Cibrao das Las e San Amaro. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Salamonde, que trocou o nome polo de San Amaro en 1854.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais de Navío, románica, e as barrocas de Anllo (s XVII), Grixoa (s XVII) e Salamonde (s XVIII); e os pazos de Eiras e de Touza. No concello celébranse as festas de San Mauro en xullo, na capital municipal, Santiago Apóstolo en Anllo, As Neves en Grixoa, San Brais en Las e a romaría na capela de San Torcuato, situada na cima do monte en que se bendicen os campos.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Carballiño, O
Extensión 28 Km2
Poboación Total 1355 h
Poboación Homes 677 h
Poboación Mulleres 678 h
Densidade de poboación 48.39 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias