San Cibrao de Las
Castro situado en Las (San Amaro), compartido tamén co veciño concello de Punxín. Foi escavado por F. López Cuevillas e V. Martínez-Risco (1922-1925), X. Lorenzo Fernández (1948-1950) e na década de 1980 por F. Fariña Busto. Dátase entre os ss I a C e o II d C. Presenta dous recintos concéntricos: a croa e un espazo exterior a esta. A croa está delimitada por unha muralla construída con cachotaría e bolos graníticos, e conta con escadas sinxelas ou de dobre derramo e pedras sobresaíntes do muro que darían acceso á parte superior, onde habería un paseo de ronda enlousado e delimitado por pequenos parapetos. As dúas portas de entrada están enfrontadas e gorecidas con cubos, e na leste localizouse un cuarto con banco corrido que sería o corpo de garda. No interior deste recinto atópanse vivendas con plantas circulares, trapezoidais, cuadrangulares ou ovais e co chan de xabre. O sistema defensivo do recinto exterior á croa presenta unha primeira muralla, construída con cachotaría, con dúas portas, flanqueada cada unha delas por dous torreóns macizos pegados. A continuación atópase un foso e despois unha segunda muralla, en que se localizaron escadas laterais adosadas e unha rampa, que darían acceso á parte superior desta, cunha porta no sector oeste gorecida por dous torreóns, que teñen unha instancia interior cada un. Do parapeto, construído diante desta porta oeste, só se conserva a cimentación. A defensa péchase cun segundo foso, escavado na propia rocha. Neste recinto localizouse unha fonte-alxibe, de planta rectangular con remate absidal no lado da mina, e que presenta unhas escadas de acceso que parten desde unha rúa próxima. As rúas están organizadas de xeito ortogonal ou ben perimetral, xa que seguen o trazado das murallas, e aínda conservan parte do enlousado. As vivendas posúen un patio central polo que se accede ás diferentes estancias, as plantas poden ser circulares, cuadrangulares ou ovais e os fogares, formados por unha base de laxes e paredes de pedras ou barro, ocuparían o centro ou as esquinas da estancia. No recinto atopáronse restos de ferro, crisois e moldes de fundición de bronce, pezas de ourivaría, doas de vidro, pesas de tear e fusaiolas decoradas, fragmentos de cerámica común, moedas de bronce do século I, un tríscele reutilizado para o enlousado dunha vivenda e unha ara dedicada ao deus Bandua.