San Lorenzo de El Escorial, Real Monasterio de
Mosteiro situado en San Lorenzo de El Escorial (Madrid). Erixiuno Filipe II en conmemoración da vitoria das súas tropas na Batalla de Saint Quentin (1557) e encomendouse a san Lourenzo por ser a súa festividade o 10 de agosto, día do enfrontamento. Comezou a construírse en 1563 baixo a dirección de Juan Bautista de Toledo e, ao morrer este en 1567, Juan de Herrera fíxose cargo e modificou o proxecto cara a un clasicismo máis severo que recibiu o nome de estilo herreriano, que se caracterizou pola pureza das liñas fronte aos motivos decorativos. Ata 1837 o mosteiro estivo ocupado por monxes xerónimos, pero desde entón está ocupado por agostiños, que instalaron na parte noroeste un colexio. A planta é un gran rectángulo con torres nas esquinas e cun corpo saínte no lado leste que lle outorga a forma de grella, atributo de san Lourenzo. Os elementos principais do conxunto son o mosteiro, o palacio, a igrexa e o panteón. A explanada da Lonja rodea aos lados norte e oeste e nela ábrense as Casas de Oficios, Ministerios, Infantes, Reina e Galería de Convalecientes. A fachada principal sitúase no oeste e nela destaca o paramento liso do muro, percorrido por dúas molduras e coa entrada principal formada por catro medias columnas de orde dórica sobre as que se sitúan outras xónicas, e sobre elas o escudo de España e a imaxe de san Lourenzo. Dá acceso ao Patio de los Reyes, chamado así polos seis reis bíblicos que adornan a parte superior e que permite o acceso á igrexa. Esta ten planta de cruz grega e construíuse con pedra granítica en estilo dórico. A cúpula eríxese sobre catro piares e está decorada con frescos de L. Jordán e L. Cambiasso. O retablo maior está composto por catro corpos de orde dórica, xónica, corintia e composta, respectivamente, e decórase con pinturas de P. Tibladi e F. Zuccari e esculturas de P. Leoni. O tabernáculo, de orde corintia, trazouno J. de Herrera e realizouno J. Trezzo. Ás beiras do altar maior sitúanse os Oratorios Reales e, sobre eles, os Entierros Reales, formados por dous grupos de orantes que se corresponden coas familias de Carlos I e Filipe II, obra de P. Leoni. Sobre a entrada do templo atópase o coro decorado con frescos de R. Cincinato e Luquetto. Na sancristía destacan os teitos de N. Granello e F. Castello, e o altar cóbrese co cadro La Sagrada Forma de C. Coello. Baixo o altar maior da igrexa sitúase o Panteón Real, construído por Crescenzi baixo a iniciativa de Filipe III. Inaugurado por Filipe IV, accédese por unha escaleira revestida de mármores e acolle os restos dos reis das casas de Austria e Borbón, agás Filipe V e Fernando VI. Xunto a el sitúase o Panteón de Infantes, iniciado por Isabel II en 1862 e rematado en 1888. Formado por nove cámaras revestidas de mármore, acolle os restos das raíñas que morreron sen descendencia real e os dos príncipes e infantes. Filipe II construíu o Palacio do s XVI, de planta cadrada e situado na fachada leste. O Palacio dos Borbóns sitúase no lado norte. Na biblioteca, organizada por B. Arias Montano e o padre J. de Sigüenza (1577?), destaca a bóveda de canón decorada con frescos de P. Tibaldi. Posúe importantes coleccións de manuscritos e textos medievais, dos que destacan as Cantigas de Santa María e obras autógrafas de santa Tareixa de Xesús. Na zona conventual atópase o Patio de los Evangelistas. As salas capitulares convertéronse en museo de pinturas. Con motivo da celebración do IV centenario da súa construción, creáronse a Pinacoteca, formada por unha colección de pintura dos ss XV-XVII, e o Museo de Arquitectura, que mostra as reproducións dos planos empregados, as ferramentas e outros obxectos empregados na construción do mosteiro. Foi declarado BIC en 1931 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1984.