San Vicente e as Granadinas

San Vicente e as Granadinas
Nome científico: [nome oficial en ingl: Saint Vincent and the Grenadines]

Estado insular de América Central, situado nas Pequenas Antillas, no Mar Caribe, formado pola illa de San Vicente e as illas setentrionais do arquipélago das Granadinas. Está situado ao S de Santa Lucía, ao N de Granada e ao O de Barbados (389 km2; 116.000 h [estim 2001]). A súa capital é Kingstown.
Xeografía
O territorio está distribuído entre a illa de San Vicente (345 km2) e o sector setentrional do arquipélago das Granadinas, do que destacan as illas Bequia, Baliceaux, Canouan, Mustique, Mayreau, Quatre, Savan e Unión. De orixe volcánica, San Vincente é moi montañosa (Soufrière, 1.234 m). O clima é tropical marítimo con temperaturas agradables aínda que os furacáns son frecuentes. A agricultura ten un papel destacado, con cultivos de bananas, cocos, mangos, cítricos e outras froitas tropicais, complementada co gando ovino, porcino e bovino. San Vicente é un gran produtor mundial de arrurruz, tubérculo rico en fécula que se emprega na elaboración dun tipo de papel utilizado en electrónica. O bosque e a pesca non teñen moita importancia. A enerxía eléctrica provén de centrais hidroeléctricas e do petróleo. Conta con industria alimentaria, téxtil e de maquinaria eléctrica. Posúe boas estradas. O porto principal, Kingstown, carece de liñas internacionais, as exportacións saen do aeroporto de Arnos Vale e en Barbados son cargadas en barcos estranxeiros. Importa de EE UU, principalmente alimentos e manufacturas básicas e exporta alimentos a Reino Unido. A balanza de servizos é positiva grazas ao turismo.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Etnicamente predominan os negros (82%), seguidos dos mestizos (14%). A lingua oficial é o inglés e a relixión maioritaria a anglicana (41,6%), seguida da protestante (21,2%) e católica (11,5%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a San Vicente e as Granadinas entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 87º posto cun índice do 0,751). Este indicador desagregado, ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 71 anos para os homes e de 75 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 83,1% e o índice bruto de escolaridade é do 64% da poboación. O PNB por habitante é de 5.460 $ EE UU.
Goberno e política
Independente do Reino Unido, dentro do ámbito da Commonwealth, desde o 27 de octubre de 1979, segundo a Constitución de 27 de outubro de 1979 a súa forma de goberno é a monarquía constitucional. O poder lexislativo reside na House of Assembly, composta por 21 membros elixidos para un un período de 5 anos. O poder executivo pertence á monarquía británica que está representada por un gobernador xeral que nomea o primeiro ministro e este ao goberno. O sistema xudicial baséase na common law e conta co Eastern Caribbean Supreme Court, situado en Santa Lucía. As principais forzas políticas son: o socialdemócrata Unity Labour Party (ULP); o conservador New Democratic Party (NDP) e o progresista People’s Progressive Movement (PPM). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Organización dos Estados Americanos (OEA), ONU e asociado á UE.
Historia
Descubertas as illas por Colón (1498) e colonizadas polos casteláns, pasaron ao dominio francés (s XVII) e británico (s XVIII). Conseguiron a plena independencia dentro da Commonwealth en 1979. Milton Cato foi primeiro ministro ata as eleccións de 1984, que foi substituído polo centrista James Fitz-Allen Mitchell, líder do NDP. Nas eleccións de 1998 Mitchell obtivo a súa cuarta vitoria electoral consecutiva e foi primeiro ministro ata que foi substituído por Arnhim Eustace (2000-2001). Os laboristas volveron ao poder en 2001 con Ralph Gonsalves (ULP).