Sandiás

Sandiás


Concello da comarca da Limia, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 06’ 50” de latitude N e 7° 46’ de lonxitude O. Limita ao N con Allariz e Xunqueira de Ambía (ambos os dous na comarca de Allariz-Maceda), ao L e ao S con Xinzo de Limia (comarca da Limia), e ao O con Vilar de Santos (comarca da Limia). Abrangue unha superficie de 52,8 km 2 cunha poboación de 1.680 h (2007), distribuída nas parroquias de Couso de Limia, Piñeira de Arcos e Sandiás. A súa capital está no lugar de Sandiás, na parroquia homónima, a 137 km de Santiago de Compostela e a 32 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia.
Xeografía física
O relevo, claramente condicionado polos abondosos depósitos sedimentarios cuaternarios, é extremadamente simple. O 80% do territorio correspóndese coa depresión da Limia, e tan só o seu extremo NL conta con illadas elevacións. A maior parte do territorio caracterízase pola extrema planitude forxada pola constante acción de sedimentación da xa desaparecida lagoa de Antela, situándose en cotas arredor dos 600 m de altitude. As pequenas elevacións da súa marxe nororiental situánse entre os 700 e os 800 m, conformándose como o contraforte meridional dos montes de Allariz. Localizado na depresión da Limia, pertence ao dominio climático oceánico continental. As temperaturas son frías en inverno e suaves en verán, cunhas precipitacións relativamente baixas respecto aos promedios galegos. A temperatura media anual é de 10,6°C, cunha media en xaneiro de 4,6°C, e en agosto de 17,7°C, e unha amplitude térmica extrema que acada os 26,4°C. A precipitación anual media é de 867 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, onde se recolle o 37% das precipitacións en inverno e o 11% en verán, ficando con valores medios a primavera co 2% e o outono co 27%. A rede hidrográfica está extremadamente alterada pola acción antrópica. A desecación da lagoa de Antela durante a década de 1960 deu paso a unha rede de canais que hoxe son o curso alto do río Limia. Outros ríos son o Piñeira e o Faramontaos que antes desaugaban na lagoa de Antela. A vexetación natural é escasa debido á política de colonización agraria de 1960. Abundan os campos de cultivo, quedando limitado o ámbito arbóreo ás cotas do NL do concello.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Sandiás foi negativa, a súa poboación era en 2007 (1.680 h) a metade da que posuía en 1950 (3.407 h), momento no que acadou o seu máximo demográfico. A primeira metade do s XX estivo marcada pola tendencia ao crecemento, roto tan só entre 1910 e 1920, cando perdeu poboación a razón dun -1,25% interanual. Entre 1900 e 1910 medrou un 1,78% interanual, e un 1,28% entre 1920 e 1950. A situación cambiou entre 1950 e 1970, cando a emigración deu como resultado unhas perdas cifradas no -1,78% interanual. A crise económica internacional dos anos 1970 rachou esta dinámica, polo que se pasou de medrar suavemente cun 0,57% interanual entre 1970 e 1981, a retomar a evolución negativa do segundo terzo do s XX, perdendo entre 1981 e 2001 un -2,79% interanual. Entre 2001 e 2007 a poboación aumentou en 10 efectivos. En 2006 o crecemento foi negativo (-19,6‰) froito dunha baixa natalidade (3,3‰) e unha elevada mortalidade (22,9‰). A emigración foi o principal causante da despoboación de Sandiás, que desembocou nun avellentamento do que é boa mostra o feble peso dos menores de 20 anos (7,9%) fronte aos de máis de 65 anos (38,8%); o grupo intermedio representa o 52,4%. Por sexos a poboación é predominantemente feminina, supoñendo un 54,55% da poboación fronte ao 45,44% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Sandiás é do 39,1% (47,2% a masculina e 32,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,6% (41,4% a masculina e 26,8% a feminina) e a taxa de paro é do 14,1% (12,3% a masculina e 16,5% a feminina). O sector primario representa o 23% da man de obra. O 32,16% do seu territorio está cultivado, sendo os produtos máis importantes a pataca, o trigo e o centeo. Sandiás forma parte da zona de produción das patacas protexidas pola Denominación Específica Pataca de Galicia, subzona da Limia. Os prados e pastos esténdense polo 7% do seu territorio, cun armentío bovino enfocado tanto á produción de carne como á de leite. A industria representa o 20,3% da man de obra, aínda que non existen empresas de consideración no seu territorio. A construción acolle ao 12,6% dos ocupados. Os servizos supoñen o 44,1% da man de obra, onde destacan os movementos pendulares de traballadores cara aos servizos do veciño Xinzo de Limia, xa que os equipamentos asentados no concello son moi cativos. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, de Vigo a Benavente, a estrada N-525, de Santiago de Compostela a Benavente, e a OU-531, de Xinzo de Limia a Pontevedra.
Historia
A presenza romana no territorio amósase nun miliario procedente da calzada que unía Braga con Astorga. Durante a Idade Media construíuse a fortaleza, arrasada polos irmandiños en 1471. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello de Sandiás pertenceron ás xurisdicións de Piñeira de Arcos, señorío do conde de Maceda, e Sandiás, señorío do duque de Medina de Río Seco. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela houbo no seu termo municipal os concellos de Sandiás, Couso e Piñeira. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación do concello de Sandiás.
Patrimonio cultural
Ademais do miliario romano e da torre da antiga fortaleza de Sandiás, destacan a igrexa de Santo Estevo de Sandiás e a ermida de San Bieito de Uceira, a casa de Santa Ana e os pazos de Espido, Penedo e Telleiro. Celébranse, entre outras, as festas de San Mateo, en Vilariño das Poldras (Sandiás) en setembro; a Virxe do Rosario, en Sandiás en outubro; San Roque, en Zadagós (Piñeira de Arcos) en agosto; e a de San Bieito, no monte homónimo o luns de Pascua.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Limia, A
Extensión 52 Km2
Poboación Total 1525 h
Poboación Homes 693 h
Poboación Mulleres 832 h
Densidade de poboación 29.33 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias