Santa Bárbara
Fábrica de armas creada na Coruña en 1937 no transcurso da Guerra Civil Española. Instalouse provisionalmente no edificio de Correos ata que se trasladou a tres talleres situados nas escolas Da Guarda, no colexio Curros Enríquez e noutro situado preto da torre de Hércules. Especializouse na produción do mosquetón máuser e doutras armas, así como das máquinas que as facían. Despois da Guerra Civil Española abriu un cuarto taller. Viviu unha época de esplendor ata a década de 1960 coa fabricación do subfusil automático metrallador, coñecido como naranjero. En 1958 inauguráronse as novas instalacións en Pedralonga (Elviña) e, coa entrada en vigor do Plan de Estabilización (1959), integrouse na Empresa Nacional Santa Bárbara, dependente do INI, que posteriormente tomou o nome de Santa Bárbara Sistemas. A crise de 1966 solucionouse cunha regulación de emprego e cunha diversificación da produción e así, ademais de fabricar para o exército (fusil de asalto Cetme), abriuse a mercados non militares e á industria civil. A partir da década de 1980 comezou unha nova crise causada pola diminución dos encargos militares e pola ausencia de modernización tecnolóxica. En 1994 transferiuse á Agencia Industrial del Estado e en 1997 á Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI). En 2001 Santa Bárbara Sistemas incorporouse á multinacional estadounidense General Dynamisc.