Santa Lucía
Estado insular das Pequenas Antillas, situado ao S de Martinica e ao NL de San Vicente e as Granadinas (616 km2; 158.000 h [estim 2001]). A súa capital é Castries (17.803 h [2000]).
Xeografía
É unha illa volcánica e montañosa (monte Gimie, 950 m de altitude), con costas recortadas e cubertas de bosque. O dominio climático é tropical marítimo. A súa economía baséase no sector primario con cultivos de bananas, copra, manga, cacao e outras, complementados co gando ovino e cabrún. A actividade pesqueira é suficiente. A industria resíntese da falta de minerais, e as principais son as alimentarias, do papel, a téxtil e os produtos eléctricos. A illa goza dunha boa rede de estradas, o porto principal é Castries e o aeroporto internacional, Hewanorra. Importa, de EE UU, bens de consumo e maquinaria, e exporta, a Reino Unido, bananas e calzado. A balanza de servizos é favorable grazas ao turismo.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Etnicamente predominan os negros (90,5%), seguidos dos mestizos (5,5%), indios (3,2%) e brancos (0,8%). A lingua oficial é o inglés e a relixión maioritaria, a católica (79%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Santa Lucía entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 71º posto cun índice do 0,777). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 70 anos para os homes e de 77 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 94,8% e o índice bruto de escolaridade é do 74% da poboación. O PNB por habitante é de 5.300 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, é independente, dentro do ámbito da Commonwealth desde o 22 de febreiro de 1979. Segundo a Constitución do 22 de febreiro de 1979 a forma de goberno é unha democracia parlamentaria. O poder lexislativo reside na Legislature, parlamento bicameral formado pola House of Assembly, composto por 17 deputados e renovado cada cinco anos por sufraxio universal, e polo Senate, que conta con 11 membros. O poder lexislativo correspóndelle ao monarca hereditario de Reino Unido, como xefe do estado, representado por un gobernador xeral, que designa o primeiro ministro. A composición do goberno é designado polo gobernador xeral aconsellado polo primeiro ministro. O sistema xudicial baseáse na common law, e conta co Eastern Caribbean Supreme Court e a súa xurisdición esténdese a Anguilla, Antiga e Barbuda, illas Virxes Británicas, Dominica, Granada, Montserrat, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas. A pena de morte está en vigor. As principias forzas políticas son: o social-demócrata Saint Lucia Labour Party (SLP), o conservador United Workers Party (UWP) e a National Alliance (NA). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, ONU, Organización dos Estados Americanos (OEA) e asociado á UE.
Historia
Os primeiros poboadores da illa, os taínos, foron dominados polos caribes no s IX. Descuberta en 1502 por Cristovo Colón, foi disputada por franceses e ingleses ata que en 1814 pasou ao dominio británico. Foi administrada desde Barbados e Granada ata que en 1924 se celebraron as primeiras eleccións lexislativas locais. En 1967 asinou un convenio de libre asociación con Reino Unido e en 1979 acadou a independencia. Nas primeiras eleccións venceu o SLP que se mantivo no poder ata que en 1982 foi substituído polo UWP. En 1997 o SLP volveu ao goberno con Kenny Anthony como primeiro ministro, que revalidou o cargo en 2001.