Santiago, comarca de
Comarca urbana situada no SO da provincia da Coruña e no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas de Ordes (concello de Tordoia) e Xallas (concello Santa Comba), ao S coas comarcas de Tabeirós-Terra de Montes (concello da Estrada) e Deza (concellos de Silleda e Vila de Cruces), ao L coas de Arzúa (concellos do Pino e Touro) e Ordes (concellos de Trazo e Oroso) e ao O coas da Barcala (concellos da Baña e Negreira), Noia (concellos de Noia e Lousame) e O Sar (concellos de Rois e Padrón). Abrangue unha superficie de 689,5 km2, nos que acolle unha poboación de 144.742 h (2001), distribuída entre os concellos de Ames (80 km2; e 18.782 h), Boqueixón (73,2 km2; 4.267 h), Brión (74,9 km2; 6.233 h), Santiago de Compostela (220,6 km2; 90.188 h), Teo (79,3 km2; 15.476 h), Val do Dubra (108,7 km2; 4.765 h) e Vedra (52,8 km2; 5.031 h). A cidade de Santiago de Compostela experimentou unha expansión urbana que deu lugar a que o proceso de urbanización chegase ata os concellos colindantes. Este proceso xerou a formación dunha extensa área de urbanización difusa que rodea a cidade, formándose a comarca urbana de Santiago, onde a cidade compostelá é o centro administrativo e comercial.
Xeografía física
A comarca de Santiago presenta unha gran variedade litolóxica e un complexo mosaico xeomorfolóxico e topográfico, ademais de ser unha especie de interfluvio entre os ríos Tambre, ao N, e Ulla, ao S. Diferéncianse varias unidades de relevo: as vertentes de degradación das penechairas superiores, as superficies de erosión situadas a 300 m de altitude, a Depresión Meridiana e o val do Ulla. A primeira das unidades é un espazo licalizado na parte N e S da comarca, na metade setentrional do concello de Ames, na occidental e oriental do val do Dubra e na occidental do concello de Teo. É un espazo ondulado, de pendentes non moi acusadas, que responde a unha degradación das penechairas que se atopan nos concellos de Santa Comba ou Mazaricos situadas a 400 m de altitude. A degradación desta unidade preséntase máis acusada cara ao S, de maneira que desaparece por completo na área de Santiago de Compostela ou na Dorsal Occidental Galega, para reaparecer no S, no concello de Teo. Estas vertentes entran en contacto coas superficies inferiores e coa Depresión Meridiana a través dos afluentes dos principais ríos. A segunda unidade correspóndese coas superficies de erosión situadas entre os 250 e os 300 m de altitude, onde se atopa a cidade de Santiago de Compostela, pero que tamén se atopa na parte oriental de Brión e Ames, e no N de Vedra e Boqueixón. É un espazo moi degradado polos cursos fluviais do Tambre e os seus afluentes e do Sar e os tributarios do Ulla. Existen algunhas áreas de litoloxía máis dura como o monte Pedroso, O Viso e o Pico Sacro. A Depresión Meridiana percorre os concellos de Val do Dubra, Ames e Brión, e modela un amplo val de dirección N-S, percorrido polos ríos Dubra e Sar. Está tapizada de material de orixe aluvial como gravas, arxilas e areas provenientes da erosión das ladeiras. O val do Ulla é un val profundo, labrado en material granítico, onde o río se ve obrigado a encaixarse no rochedo para chegar á Depresión Meridiana. A diferenza litolóxica entre unhas áreas de material máis duro (filón cuarcítico do Pico Sacro, que se prolonga ata o río Deza) e outras onde predominan os máis brandos (louzas e gneises), conforma unha maior ou menor amplitude do val. Así, á altura da parroquia da Ponte Ulla (Vedra) existe un maior encaixamento do río ca na zona de Teo. Climaticamente esta comarca está incluída no dominio oceánico hiperhúmido, caracterizado por unhas temperaturas medias moi suaves (12-13°C), con invernos frescos (7°C) e veráns suaves (18-19°C). As precipitacións son bastante elevadas, incrementándose coa altitude, con claras diferenzas entre a Depresión Meridiana e as superficies inferiores (1.300 mm en Santiago de Compostela), e as superficies situadas xa a 400 m (1.800 mm en Lavacolla). No val do Ulla, dada a súa escasa altitude e a apertura ao mar, existe unha influencia das masas mariñas, con temperaturas máis altas e precipitacións máis baixas. A vexetación está moi degradada polos usos antrópicos intensivos do territorio. Á tradicional actividade agrícola na Depresión Meridiana uníuselle en épocas recentes a presión urbanística da capital galega, que está crecendo en forma de nebulosa, cunha sucesión de usos urbanos que rematan coas poucas áreas de vexetación. Ademais, os montes de repoboación son cada vez máis abondosos, con especies como o piñeiro e o eucalipto. Os escasos bosques de frondosas que quedan atópanse nas áreas de máis difícil acceso e nas beiras dos ríos (salgueiros, ameneiros).
Xeografía humana
A comarca de Santiago é un dos espazos máis densamente poboados de Galicia e un dos máis dinámicos desde o punto de vista demográfico. Este dinamismo veulle imposto pola presenza da cidade compostelá, que tivo un crecemento bastante considerable ao longo do século pasado. O mundo rural evolucionou de forma bastante diferente á capital, con comportamentos bastante dispares. As diferenzas entre a propia cidade, a orla periurbana (Ames, Brión e Teo), e os concellos máis rurais (Boqueixón, Val do Dubra e Vedra) son netamente apreciables. Desde principios do s XX ata 1930 a comarca viviu unha etapa de crecemento lento, propiciado por un elevado crecemento vexetativo, pero tamén por unha intensa emigración cara a América. O crecemento total para a comarca situouse no 15,40% (0,51% anual). A capital medrou un 20,7% e o rural un 10%. Isto debeuse, por unha parte, a que a cidade captaba parte dos movementos migratorios procedentes do campo e, por outra, a que se vía menos afectada pola corrente emigratoria. Entre 1930 a 1960 o crecemento duplicouse (32,3%), superando o total de efectivos a barreira dos 100.000 residentes. Este forte crecemento concentrouse nos vinte primeiros anos desta etapa, pois entre 1950 e 1960 produciuse un claro estancamento na evolución demográfica. O freo aos movementos migratorios cara a América tras a crise da década de 1930, a recuperación demográfica da posguerra e o arranque de Santiago de Compostela como cidade universitaria e de servizos no franquismo posibilitou este crecemento. Durante a década de 1950, o crecemento freouse como consecuencia do inicio dos movementos migratorios cara a Europa. A capital mantivo un forte crecemento na etapa 1930-1960 (46,14%), freado, en certa medida, na década de 1950. Pola contra, na área rural, o crecemento foi moito máis feble (20% en Ames, Brión e Teo e 11,4% en Val do Dubra, Vedra e Boqueixón), debido á maior emigración dos efectivos, tanto cara a Santiago de Compostela como a outras áreas. Entre 1960 1996 a comarca coñeceu a etapa de maior crecemento demográfico (33,24%). Santiago de Compostela converteuse nunha cidade en plena expansión, cun importante apoxeo urbanístico e demográfico, comezo do seu proceso de asunción de funcións comerciais destacadas, o inicio dunha tímida industrialización e, sobre todo, a progresión da universidade, que pasou de 3.250 alumnos en 1960 a 9.055 en 1970. As diferenzas entre a cidade e o rural fixéronse máis grandes: Santiago de Compostela converteuse no centro inmigratorio da comarca, cun crecemento do 49%, mentres que o rural comezou a perder poboación (-16%). Na década de 1970, a cidade reforzou a función universitaria (9.055 estudantes en 1970 e 20.546 en 1980) e desenvolveu outras funcións, como a sanitaria, coa posta en marcha do Hospital Xeral de Galicia. Todo isto incidiu positivamente na creación de empregos no eido comercial e hostaleiro, completando a dotación terciaria. O crecemento da poboación entre 1970 e 1981 foi considerable (32,2%), afectando negativamente aos concellos dos arredores (Ames e Teo), que sufriron lixeiros recesos (-6,8% e -1,7% respectivamente). A partir de 1981 Santiago de Compostela converteuse no principal centro terciario de Galicia, asumiu a capitalidade rexional co traspaso de parte das competencias estatais á Xunta de Galicia e consolidáronse os sectores universitario e sanitario. Á par, a revalorización do seu patrimonio histórico e a importancia da ruta xacobea fixeron que a cidade se convertese no punto turístico máis destacado de Galicia. A existencia dunha gran cantidade de inmigrantes non empadroados na cidade, empregados nas actividades terciarias, fan que as diferenzas entre poboación de feito e de dereito sexan moi elevadas (máis de 20.000 persoas, se non se consideran os estudantes, cos cales a cifra se chegaría aos 50.000). Non obstante, entre 1981 e 1996 a poboación censada na cidade permaneceu estancada (93.695 h en 1981 e 93.672 h en 1996). Os concellos periurbanos comezaron a ter un crecemento importante (28,7%) e comezaron a desenvolver crecementos rápidos desde o punto de vista demográfico e urbanístico. O elevado prezo do solo e da vivenda motivou o inicio dos movementos centrípetos definitivos cara a estes concellos, que se presentan xa como un continuum urbano coa cidade compostelá. O concello de Teo foi o principal benefactor do crecemento, na década de 1980, de parroquias como Cacheiras e Calo ou co xurdimento de núcleos como o dos Tilos. Entre 1996 e 2001 a evolución demográfica mudou de forma radical. O progreso seguiu a ser positivo (141.497 h en 1996 e 144.742 h en 2001), pero mentres que Santiago de Compostela comezou a perder poboación, o maior crecemento correspondeu aos concellos periurbanos: Ames, Brión e Teo. Ames pasou de 9.166 h en 1981 a 18.782 en 2001 e Teo de 10.986 h en 1981 a 15.476 en 2001. Núcleos como O Milladoiro, Bertamiráns, Os Tilos, Cacheiras ou Montouto tiveron un crecemento demográfico e unha expansión urbanística que se cifran nas máis elevadas de Galicia. Brión non tivo un crecemento tan espectacular, pois tan só acolleu a unha pequena parte da poboación. Os concellos da zona rural (Val do Dubra, Vedra e Boqueixón) non se beneficiaron tanto desta descentralización demográfica por atopárense máis afastados da cidade de Santiago de Compostela. O descenso da súa poboación nos últimos cinco anos (-2,7%) explícase no seu crecemento vexetativo de signo negativo. A estrutura da poboación mostra un avellentamento considerable pero, ao contrario que noutras áreas tradicionalmente emigratorias, este espazo aínda mantén índices de xuventude bastante altos. Así, os menores de 20 anos supoñen o 19,9% da poboación, fronte aos maiores de 65, co 16,1%. Ames (23,9% de novos e 11,5% de vellos) e Teo (22,2% de novos e 13,5% de vellos) son os concellos máis rexuvenecidos mentres que os termos máis avellentados son Val do Dubra (14,6% de novos e 26,7% de vellos) e Vedra (18,9% de novos e 21,2% de vellos). Santiago de Compostela está agora nun proceso de avellentamento constante pola fuxida da poboación nova aos concellos veciños (19,3% de novos e 15,9% de vellos). O movemento natural da poboación presenta unhas variables moi parellas, con taxas de natalidade (8,18‰) lixeiramente inferiores ás de mortalidade (8,35‰), o que dá lugar a un crecemento vexetativo case nulo (-0,17‰), motivado por unha poboación xa avellentada. Mentres en Ames e Teo o crecemento vexetativo despuntou espectacularmente nos últimos seis anos (Ames 3,91‰ en 1996 e 8,91‰ en 2001 e Teo -1,22‰ en 1996 e 1,68‰ en 2001), no rural isto non sucedeu (Val do Dubra, -7,15‰ en 1996 e -10,15‰ en 2001). Todo isto produciuse como consecuencia dunha sobreelevación da natalidade no espazo periurbano compostelán por achegas de poboación nova (Ames 10,76‰ en 1996 e 15,62‰ en 2001; e Teo 7,98‰ en 1996 e 9,67‰ en 2001) e dunha mortalidade que se mantivo ou se reduciu (Ames 6,85‰ en 1996 e 6,71‰ en 2001; e Teo 9,20‰ en 1996 e 7,99‰ en 2001). Santiago de Compostela, pola contra, pasou de ser un concello con crecemento vexetativo positivo (0,22‰ en 1996) a telo negativo (-0,92‰ en 2001) cunha natalidade en descenso (8,27‰ en 1996 e 7,31‰ en 2001) pola perda de poboación nova. En canto á distribución dos efectivos demográficos, hai unha dicotomía entre os espazos urbanos e periurbanos e o rural. Os primeiros céntranse tanto na cidade de Santiago de Compostela como no continuum urbano e rururbano que se prolonga a partir daquela a través das principais estradas de acceso. O crecemento da urbanización en forma de nebulosa ao redor da capital vén palpándose desde as décadas de 1980 e 1990. Pese a ser unha pequena cidade que non supera os 100.000 h, ten toda unha franxa de ocupación rururbana e periurbana que supera xa os 130.000 h. A presenza de núcleos dormitorio de crecemento rápido en Ames, como O Milladoiro (3.251 h en 1996 e 5.831 en 2001) e Bertamiráns (1.501 h en 1996 e 3.501 h en 2001); e Teo, como Cacheiras (2.316 h en 1996 e 2.945 en 1996) e Os Tilos, fan medrar a rexión urbana compostelá e ampliar o tamaño da cidade fóra dos límites municipais. No medio rural, as aldeas son de tamaño máis ou menos variable, algunhas delas superan os 100 h, con pequenas cabeceiras urbanas coma Bembibre (835 h) en Val do Dubra, Lestedo (582 h) en Boqueixón ou A Ramallosa (232 h) en Teo. Agora o crecemento urbano localízase xa nestas pequenas cabeceiras, especialmente as emprazadas ao S de Santiago de Compostela, cunha proliferación de novos bloques de vivendas, urbanizacións, situadas nun raio xa de 8-10 km da cidade central. Incluso este desenvolvemento demográfico e urbanístico trasladouse a núcleos alleos á comarca como Sigüeiro (Oroso) ou Arca (O Pino).
Xeografía económica
A presenza da capital de Galicia, un espazo abrumadoramente terciario, a relativa importancia do sector agrario nos concellos máis rurais e un tecido industrial non demasiado forte caracterizan a estrutura laboral comarcal. A estrutura por sectores de actividade presenta unha comarca moi terciarizada, que vén dada pola capital, Santiago de Compostela, que acolle funcións moi variadas. A pesar de que os activos agrarios na comarca supoñen só o 4,5% do total, o agro compostelán sempre tivo unha notable importancia orientándose a abastecer as necesidades urbanas nunha dedicación a tempo parcial. Do 2,8% dos activos en Santiago de Compostela, 2,6% en Ames e 2,8% en Teo pásase aos 13,8% en Vedra,14,9% en Brión, 17,8% en Boqueixón e 26,9% en Val do Dubra. A horticultura e a floricultura son as actividades máis destacadas, dadas as boas condicións climáticas do val da Amaía e das terras circundantes a Compostela, e da amplitude do mercado urbano. Trátase de cultivos intensivos, a tempo parcial, na maior parte dos casos, que se destinan principalmente á venda nas superficies comerciais e pequenas empresas familiares da cidade compostelá. O cultivo da vide non é maioritario na comarca, pero si importante no S desta, nas ribeiras do Ulla, onde se produce para a Denominación de Orixe Rías Baixas, subárea do val do Ulla. Entre os concellos de Boqueixón, Teo e Vedra existe un total de 229 ha de viñedo. A gandaría supón outro importante piar dentro da estrutura agropecuaria. Destaca o armentío bovino de aptitude láctea nas zonas rurais do concello de Santiago de Compostela e no Val do Dubra, Boqueixón, Brión e Ames. O porcino é notable na área rural da capital, Teo e Val do Dubra, mentres que o avícola ten relativo peso en Boqueixón. Completa o sector primario unha crecente actividade forestal, que deu lugar a unha transformación industrial espallada por toda a comarca. A superficie arborizada supuña en 1999 o 34% da superficie total, en constante aumento a causa da diminución da presión dos cultivos e pola demanda deste produto na capital de Galicia. A tradicional e especializada función terciaria de Santiago de Compostela non permitiu un maior desenvolvemento do sector industrial na comarca, limitándose a un conxunto de empresas atraídas polo feito da capitalidade autonómica, pola presenza da universidade e pola boa dotación de infraestruturas de transportes e comunicacións. O sector secundario dá emprego ao 22,2% da poboación activa, quedando reducido a tan só o 11,6% na industria. A maior parte das empresas da comarca localízanse en Santiago de Compostela, nas vías de saída da cidade, especialmente na N-550 dirección A Coruña e no polígono do Tambre. As tradicionais actividades agropecuarias trouxeron consigo a creación de empresas no ramo da alimentación e os transformados de produtos do campo, como as cárnicas, lácteas e queixeiras, manipulación de produtos hortícolas, bebidas ou pastelaría industrial. Tamén destacan as empresas do ramo da madeira, mobles, prefabricados de formigón, transformados metálicos, automoción, papeleiras, editoriais e empresas de alta tecnoloxía nas telecomunicacións. Na construción (10,6% dos empregos) teñen importancia as empresas coñecidas a escala rexional que se beneficiaron do crecemento do espazo periurbano compostelán. Os empregos xerados polo sector terciario ascenden ao 73,3%, xa que tanto o feble sector industrial como os ínfimos valores agrarios sempre permitiron unha maior especialización. O concello de Santiago de Compostela posúe uns valores máis elevados (78,7%), sendo xa menores nos concellos periurbanos (Ames, 75,1 % e Teo, 69%) e bastante máis baixos nos rurais (Boqueixón, 45,5%; Vedra, 53,6% e Val do Dubra, 42,7%). O desenvolvemento da capital de Galicia baseouse fundamentalmente en catro sectores: administración, educación, sanidade e turismo. A importancia eclesiástica e relixiosa de Santiago de Compostela permitiulle ser un centro importante de peregrinación desde o medievo, pero foi durante os ss XIX e, especialmente, XX, cando as visitas relacionadas con motivos relixiosos e de peregrinaxe se masificaron. Esta función relixiosa, xunto coa universitaria, presente desde o s XV, e a sanitaria, durante os últimos dous séculos, permitíronlle afianzarse como cidade durante a primeira metade do s XX. O desenvolvemento universitario comezou a partir de 1960 e o número de alumnos creceu vertixinosamente ata 1989, cando se descentralizou o ensino cara ás novas universidades de Vigo e A Coruña. O subsector da educación emprega na capital ao 12,8% do emprego total e 16,2% do terciario e na propia comarca ao 11,35% e 15,45% respectivamente. Santiago de Compostela sempre tivo unha clara vocación sanitaria desde o medievo coa atención aos peregrinos, pero foi a partir da década de 1970 cando se desenvolveu esta función sanitaria, coa construción do Hospital Xeral de Galicia. En total, o sector sanitario xera un 9,31% de empregos en toda a comarca. Ao elixir Santiago de Compostela como capital autonómica, converteuse no centro administrativo máis importante de Galicia. En Santiago de Compostela radica a sede da Xunta de Galicia, o Parlamento Galego e os entes administrativos dependentes destes. O número de funcionarios incrementouse de forma importante, aínda que moitos realizan movementos pendulares diarios desde outros puntos de Galicia. Os concellos do espazo periurbano tamén se beneficiaron disto, xa que moitos traballadores da Xunta de Galicia residen hoxe alí. O emprego xerado pola administración é hoxe do 9,35% en toda a comarca. A función turística desenvolveuse nos últimos corenta anos, vinculada ao seu rico patrimonio arquitectónico, á secular tradición da peregrinaxe e á súa conversión en capital autonómica, un importante centro de negocios a escala comercial, sede de empresas, centro universitario e cidade sanitaria. A hostalaría tivo un importante desenvolvemento axudado tamén polas anteriores funcións. O total de empregos no concello de Santiago de Compostela é do 6,5 e do 6,4% na comarca, cun elevado número de establecementos hoteleiros que o converten no segundo de Galicia (tras Sanxenxo). Os transportes completan o desenvolvemento do sector terciario. O aeroporto internacional de Lavacolla é hoxe o maior de Galicia, realizando escalas coa maior parte das cidades españolas, europeas e americanas. Así mesmo, Santiago de Compostela está nun importante eixe económico (Eixo Atlántico), comunicado directamente coa Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra pola autoestrada AP-9 e coas cidades do interior por estradas nacionais (N-547 con Lugo e N-525 con Ourense, aínda que tamén se está a construír a autoestrada AP-53 que unirá as dúas cidades e lle dará saída directa á meseta). O ferrocarril A Coruña-Vigo, con estación en Santiago de Compostela é un dos medios de transporte máis utilizados na capital galega. O comercio é o subsector de maior peso na comarca (15% dos empregos), composto por empresas de tamaño familiar na zona histórica, que hoxe se modernizaron e se orientaron tanto cara ao sector turístico coma ao aprovisionamento da gran masa estudantil da cidade. As novas formas de comercio actual toman forma de grandes superficies e centros comerciais en barrios periféricos.
Historia
A historia da comarca de Santiago está claramente vinculada á propia historia da cidade de Santiago de Compostela. Desde o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago entre 820 e 830 todo o discorrer da vida comarcal xirou ao redor do poder eclesiástico da mitra compostelá e do Camiño de Santiago. Non obstante, o poboamento da comarca é antigo. No concello de Teo atopáronse a mámoa de Trasellas e o gravado rupestre do monte Angueira, entre as aldeas de Cornide (Calo) e Regoufe (Luou). Durante o primeiro milenio a C estas terras estiveron poboadas por numerosos pobos, que deixaron en herdanza diversos castros, como o de Lucí (Lucí), o de Francos (Rúa de Francos) e outros restos en Pontevea (Reis), Teo e Osebe (Cacheiras), todos eles no concello de Teo. O pobo dos amaeos, que poboaron as terras da Depresión Meridina, nos concellos de Ames e Brión, deu nome á comarca natural da Amaía. En época romana a vía que ía de Braga a Astorga por Lugo atravesaba os concellos de Vedra e Boqueixón, onde se atopou un miliario. Ademais, existía outra calzada secundaria entre as parroquias de Luou (Teo) e Bastavales (Brión). O primeiro documento histórico altomedieval corresponde ao Cronicon Iriense onde o Rei Miro asignaba a terra chamada Dubriam (Val do Dubra) á sé de Iria. As terras de Vedra, pola contra, servíronlle de refuxio ao bispo de Coimbra, Nausti, quen no s IX tivo que fuxir da súa sé ao quedar en poder dos sarracenos. Co descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago a sé episcopal asentada en Iria Flavia (Padrón) trasladouse, tanto polo feito do propio descubrimento como pola maior protección que tería en terras do interior ante os ataques e saqueos dos normandos. O achado do sepulcro foi a base sobre a que se cimentou a cidade de Santiago de Compostela, pois durante o s X a pequena vila comezou a consolidarse coma un emerxente centro demográfico, administrativo e de intercambio. Nos ss XI e XII produciuse un importante desenvolvemento urbanístico ao consolidarse o Camiño de Santiago. As peregrinacións orixinaron novos núcleos de poboación, arredor dos cales se produciu unha constante renovación económica e cultural. Santiago de Compostela comezou a controlar comercialmente as terras do litoral e coas numerosas construcións levadas a cabo baixo o mandato dos bispos, a vila consolidou a súa expansión e o seu dominio. Outras vilas da costa, como Noia, Muros ou Vilagarcía de Arousa convertéronse nos portos de Santiago de Compostela. Diego Xelmírez impulsou o desenvolvemento urbanístico e conseguiu de Roma a cadeira episcopal. A influencia da igrexa compostelá comezou a estenderse desde o s XI por toda a comarca e por outras áreas de Galicia máis afastadas pero entrou en rivalidade directa co condado de Altamira, que tiña o seu soar en Brión. Coas Guerras Irmandiñas de 1467 as Torres de Altamira e outras fortalezas e pazos da comarca foron derrubadas. As discusións entre o condado de Altamira e a mitra compostelá sobre o dominio da comarca foron interminables ata que se dirimiron en 1554 a favor do arcebispo. A centralización administrativa e política da Coroa de Castela seduciu a nobreza local que participou en diversos conflitos, como a conquista de Granada ou as campañas de Italia, ata acadar numerosos títulos e mercedes que culminan no s XVII co emparentamento cos monarcas. A comezos do s XVI creouse a universidade, patrocinada polo forte poder eclesiástico dos bispos composteláns Alonso de Fonseca e Diego de Muros. Neste século a reforma protestante e a peste que azoutou Europa debilitaron non só as peregrinacións senón tamén o desenvolvemento da cidade. Ata finais do s XVIII a cidade foi escollida como lugar de residencia da nobreza e das principais ordes relixiosas, ademais de se converter, xunto con Roma e Xerusalén, no centro de peregrinación máis importante de occidente. Non obstante, a actividade económica iniciou un traslado progresivo cara ao litoral atlántico, de xeito que as vilas do interior perderon o poder económico a favor daquelas que asimilaron o mando do comercio. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran os concellos da comarca permaneceron divididas en diversas xurisdicións nas que exerceron o señorío, ademais do arcebispo e cabido de Santiago de Compostela, e do conde de Altamira, o marqués de Monte Sacro, o mosteiro de San Paio de Antealtares, o mosteiro de San Martiño Pinario, o marqués de Santa Cruz, o conde de Ximonde e outros señores laicos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Viduido, Villestro, Mahía, Altamira, Vilar, Vigo, Bastabales, Oza, Teo, Vedra, Ribadulla, Santiago, Busto, Villestro e Eixo. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación dos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Conxo (que se integrou en Santiago de Compostela en 1925), Enfesta (que se integrou en Santiago de Compostela en 1962), Teo, Santiago de Buxán (que tomou o nome de Val do Dubra en 1959) e Vedra.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados e da cidade de Santiago de Compostela, declarada BIC en 1940 e Patrimonio da Humanidade en 1985, destacan o santuario da Barouta e a ermida da Peregrina en Ames; a ermida de San Marcos e a ermida do Pico Sacro en Boqueixón; a igrexa de Páramos en Val do Dubra e a igrexa de Santalla de Vedra. Destacan tamén os pazos de Lens e Leboráns e a ponte Maceira en Ames; a ponte Ledesma e a torre de Lestedo en Boqueixón; o pazo de Trasouteiro e as torre de Altamira (BIC, 1994) en Brión; a ponte sobre o Ulla en Reis (Teo) e o pazo de Santa Cruz de Ribadulla en Vedra. Entres as festas que se celebran na comarca destacan as festas do apóstolo Santiago na capital de Galicia, as da Peregrina en Bertamiráns (Ames), a romaría de San Sebastián no Pico Sacro en Boqueixón, a romaría de Santa Minia en Brión, a festa do Emigrante en Val do Dubra, a romaría de Santiaguiño de Vilanova en Vedra e o Entroido en Teo cos xenerais.