Santos

Santos
[ONOM]

Antropónimo masculino que procede do plural de santo, do latín sanctus, participio do verbo sancio, termo da linguaxe relixiosa e política que significa ‘facer sagrado ou inviolable, establecer solemnemente’, e de aí ‘ratificar, sancionar’. Coa chegada do cristianismo sanctus pasou de ‘consagrado a deus, venerable’ a ‘home que pola súa perfección participa de certas prerrogativas divinas e que algunhas igrexas cristiás elevan ao culto dos altares’, isto é, ‘santo’. Curiosamente este nome funciona en singular, aínda que o seu significado alude á colectividade dos santos anónimos. Tamén aparece rexistrado como apelido.