São Tomé e Príncipe
Estado insular de África situado no golfo de Guinea (1.001 km2; 149.000 h [estim 2001]). A súa capital é São Tomé, na illa homónima.
Xeografía
O país comprende as illas de São Tomé, Príncipe e diversos illotes, a maioría deles deshabitados. No seu relevo destaca o cumio de São Tomé que acada os 2.024 m de altitude. O clima é cálido e húmido. Hai cultivos de cacao, café, coco, bananas, copra, mandioca e millo, así como gando bovino, ovino, caprino e porcino. Tamén teñen importancia a pesca e as manufacturas de cervexa e outras bebidas, xabón, produtos alimentarios e madeira escuadrada. As comunicacións son deficientes, e o aeroporto é o de São Tomé. Os portos principais son Ana Chaves e São António. Impórtanse principalmente produtos alimentarios de Portugal, Alemaña e España, a cambio de cacao para Alemaña e Países Baixos. A balanza é negativa. São Tomé concentra o 95% da poboación. A unidade monetaria é a dobra.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maioría da poboación é mulata, pero tamén hai negros e portugueses. O 89,6% dos habitantes son católicos e o 10,4% protestantes. A lingua oficial é o portugués, pero tamén se fala o santomense.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a São Tomé e Príncipe entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 123º posto, cun índice do 0,645). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 65 anos para os homes e de 68 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 83,1% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 62%; e o PNB por habitante é de 1.317$ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia portuguesa, é unha república independente desde o 12 de xullo de 1975. Segundo a Constitución do 10 de setembro de 1990, o poder lexislativo reside na Assembleia Nacional, composta por 55 membros elixidos para un período de 4 anos mediante representación proporcional. O poder executivo pertence ao presidente, elixido por sufraxio universal para un período de 5 anos, e este nomea ao primeiro ministro que é o xefe do goberno. O sistema xudicial baséase no sistema de leis portuguesas, conta co Supremo Tribunal de Justiça que vela pola harmonía da xurisprudencia, co Tribunal Constitucional, co Tribunal de Primeira Instância, co Tribunal Regional, co Tribunal de Contas e cos tribunais distritais. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: Movimento de Libertação de São Tomé e Príncipe (MLSTP), de extrema esquerda; a coalición electoral MDFM-PCD, formada polos conservadores Movimento Democrático das Forças da Mudança (MDFM) e o Partido de Convergência Democrática-Grupa de Reflexão (PCD-GR); e a coalición electoral Uê Kédadji (UK), formada pola Acção Democrática Independente (ADI) e membros da UK. Forma parte das seguintes organizacións internacionais: ONU e asociado á UE.
Historia
No momento do seu descubrimento en 1470 por Pedro Escobar e João de Santarém as illas estaban deshabitadas, e non pasaron a xurisdición portuguesa ata 1522. Durante o s XVIII convertéronse nun importante centro de tráfico de escravos e do cultivo de cana de azucre, cacao e café. A abolición da escravitude (1830-1880) maltratou a economía da illa, e durante o s XX houbo diversas revoltas populares. En 1960 foi creada a primeira organización nacionalista, o Movimento de Libertação da São Tomé e Príncipe (MLSTP) que, a raíz da independencia (1975), se converteu no único partido político permitido, e o seu líder, Manuel Pinto da Costa, no presidente da república. En 1990 aprobouse unha constitución democrática e pluripartidista e nas eleccións de 1991 o poder pasou ao Partido de Convergência Democrática, e a presidencia, a Miguel Trovoada. As eleccións lexislativas de 1994 déronlle a maioría ao MLSTP e en 1995 constituíuse un goberno de unidade nacional, despois dun fracasado golpe de estado militar. As medidas adoptadas por este goberno foron dirixidas a mellorar a economía do país. Miguel Trovoada foi reelixido en 1996 como candidato de Acção Democrática Independente (ADI) e, desde este momento, as relacións entre o presidente e o primeiro ministro Raul Bragança Neto (MLSTP) foron tensas, feito que conduciu a unha inestabilidade política constante. O MLSTP gañou as eleccións en 1999 e substituíu a Bragança por Guilherme Posser de Costa. En 2001 o candidato do ADI, Fradique Melo Bandeira de Menezes, foi elixido presidente da república. Nas eleccións parlamentarias de 2002 gañou a coalición electoral do MLSTP e PCD presidida por Gabriel Arcanjo Ferreira de Costa e en 2002, por Maria das Neves Ceita Baptista de Sousa do MLSTP, que despois de formar unha coalición co partido de De Menezes (MDFM), abandonou (2004) o poder por un escándalo de corrupción e foi substituída por Damião Vaz d’Almeida como primeiro ministro.