Sarabia, Arquivo
Colección fotográfica composta por imaxes dos irmáns Constantino, Enrique e Xosé Sarabia, que se instalaron en Vigo na década de 1910, á sombra do estudo de Xosé Gil, con quen aprenderon a arte fotográfica. Constantino dedicouse á fotografía exterior, mentres Enrique facía a de estudio. Os seus traballos documentaron desde momentos da historia de Vigo ata actos sociais. Outras imaxes foron encargos comerciais, como as series fotográficas da industria conserveira ou a das obras no porto de Vigo. Publicaron as súas imaxes en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego, e ilustraron diferentes libros, como Pontevedra y su provincia (1921) e Libro de Oro de la Provincia de Pontevedra (1931). Tras a morte do último irmán, Constantino, boa parte do arquivo desapareceu.