sardo -da
(< lat sardu ‘de Sardeña’)
-
adx
Relativo ou pertencente a Sardeña, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Sardeña.
-
s
m
[LING]
ariedade lingüística italorrománica do phylum indoeuropeo, particularmente arcaica, que ocupa un lugar propio entre Romanía oriental e occidental. Fálase na illa de Sardeña e comprende os seguintes dialectos: o sasarés e o galurés (con afinidades corsas) ao N, o logudorés e o nuorés (o máis arcaico) ao centro, e o campidanés (con conexións co siciliano) ao S. Posúe unha base lingüística latina, incrementada con outras achegas xermánicas, arábicas, especialmente catalás e castelás e, finalmente, italianas. O sistema vocálico está formado por cinco fonemas (/i/, /e/, /a/, /o/, /u/), cada un proveniente da vogal latina do mesmo timbre, tanto se é breve como se é longa. Conserva as consoantes oclusivas xordas intervocálicas, aínda que en textos modernos sonorizaron por fonética sintáctica: una cosa > una gosa. Tamén conserva as velares K e G ante E e I: CENTU > kentu; GELARE > gelare, a xeminada -LL- latina evoluciona á consoante dobre ḋḋ (casteddu < CASTELLU), o v ten pronuncia bilabial (boler ‘querer’), os grupos Kw e Gw pasan a b, bb (AQUA > abba, LINGUA > limba), o grupo GN non palataliza (LIGNA > linna) e mantéñense os grupos CL, PL, GL, BL e FL, aínda que nunha gran parte do dominio lingüístico sardo o -L- pasa a -R- (PLENU > prenu). En morfosintaxe, o artigo determinado é su, sa, sos, sas (derivado do latín vulgar IPSU, IPSA, IPSOS, IPSAS), conserva os antigos neutros en -us (PECTUS > pettus ‘peito’), o plural dos substantivos masculinos e femininos remata en -s, abundan os perfectos fortes, predominan os infinitivos da terceira conxugación (débere ‘deber’, mórrere ‘morrer’), conserva o antepretérito de indicativo en sardo antigo e o copretérito de subxuntivo, e aparece a preposición a diante do obxecto directo de persoa (kirkat a Deus ‘preto de Deus’). O léxico atópase marcado polas comunicacións e os dominios sucesivos. Enriquéceno moitos arcaísmos (yuilare ‘criar’< IUBILARE, mannu < MAGNU), os xermanismos que xa entraran co latín vulgar e os arabismos que chegaron sobre todo a través da longa dominación hispánica, e conserva palabras latinas que non aparecen nas demais linguas romances (sa domo ‘a casa’< DOMO).
-
literatura sarda
[LIT]
Literatura cultivada en lingua sarda. Dos ss XI-XIV, de relativa independencia política, permanecen numerosos documentos de carácter xurídico, como os codaghes e a carta de logu. Sucesivamente, escribiuse en catalán ou en castelán ata 1760. No s XVI Gerolamo Araolla escribiu poesías e rimas de valor escaso, pero foi importante o seu intento de crear un sardo ilustre comparable a outras linguas cultas. Á fin do s XVIII escribiron M. Madao, G. Pietro Cubeddu e G. Pres. Ao s XVIII pertencen algúns poetas satíricos como P. Pisurzi, E. Luigi Pintore e F. Ignazio Mannu, autor do Innu de su patriota sardu contra a sos feudatarios. No s XIX apareceron poetas dunha inspiración máis sincera e popular como P. Mossa, M. Murenu, P. Mereu, P. Calvia e, sobre todo, Montanaru (pseudónimo de A. Casula). No s XX, cando se abandona en masa o sardo escrito polo italiano, destacaron S. Casu, A. Dettori, P. Casu e E. Melis. No s XXI o desenvolvemento escrito confíase a políticos e periódicos, como Su Populu Sardu.