Sarreaus
Concello da comarca da Limia, situado no centro-S da provincia de Ourense e no S da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 05’ de latitude N e 7° 31’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Vilar de Barrio (comarca da Limia), ao L cos de Laza e Cualedro (comarca de Verín), ao S co de Trasmiras (comarca da Lima), e ao O co de Xinzo de Limia (comarca da Limia) e co de Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda). Abrangue unha superficie de 77,3 km 2 en que acolle unha poboación de 1.680 h (2007), distribuída entre as parroquias de Bresmaus, Codosedo, Cortegada, Freixo, Lodoselo, Nocelo da Pena, Paradiña, Perrelos e Sarreaus. A capital está no lugar de Sarreaus, na parroquia homónima, localizada a 58 km de Ourense e a 163 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia.
Xeografía física
O espazo do concello pódese dividir en dous sectores claramente diferenciados. O sector N é máis montañoso, con cumios que rondan os 1.000 m de altitude como Paradiña (986 m), Talariño (985 m) ou Madosa (940 m). O sector S é un espazo máis chan, cunha altitude media que está ao redor dos 600 m, e que está en relación coa lagoa de Antela, onde se concentran a maior parte das terras de cultivo. O clima é de tipo atlántico húmido e continental. A temperatura media anual é suave, sitúase ao redor dos 10°C, xaneiro é o mes máis frío con temperaturas inferiores aos 5°C e agosto é o máis caloroso con 17°C. A amplitude térmica chega aos 12°C e as precipitacións aos 1.000 mm anuais, cun máximo nos meses de xaneiro e febreiro. A hidrografía está xerarquizada polos primeiros afluentes do río Limia, dos que destacan de L a O o Lodoselo, Freixo, Padroso e Valdelobos. A vexetación clímax consérvase nas áreas abrigadas dos espazos máis montañosos, pero queda moi mermada no resto do concello pola acción antrópica.
Xeografía humana
A evolución da poboación ao longo do s XX amosa claramente o seu recente declive demográfico. Nos primeiros trinta anos do século a poboación mantívose (3.640 h en 1900 e 3.673 h en 1930) e a partir de entón iniciouse un leve crecemento demográfico que culminou en 1960 (4.177 h) e que se mantivo en 1970 (4.153 h) e 1981 (4.057 h); pero nas dúas décadas seguintes perdeu máis do 50% dos seus efectivos demográficos (2.683 h en 1991, 1.789 h en 2001 e 1.680 h en 2007). En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-13,1‰) froito dunha natalidade moi baixa (2‰) e unha elevada mortalidade (15,1‰). A estrutura da poboación amosa un relativo avellentamento, acrecentado fundamentalmente polo recorte da poboación de menor idade, xa que non nacen nenos para asegurar o relevo xeracional. Os menores de 20 anos representan o 7.9% do total, mentres os maiores de 65 o 44,8%.; o grupo intermedio representa o 47,3% Na repartición por sexos a situación está máis equilibrada: 50,71% de mulleres e 49,28% de homes. Destacan os pequenos núcleos agrupados de poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Sarreaus é do 32% (38,3% a masculina e 26,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 29,6% (35,7% a masculina e 23,7% a feminina); e a taxa de paro é do 7,7% (6,8% a masculina e 9% a feminina). O sector primario ocupa ao 24,1% da poboación activa, e ten certo desenvolvemento a instalación de granxas da cooperativa Coren, centradas fundamentalmente no porcino para a obtención de carne. No sector secundario traballa o 31,5% da man de obra, aínda que é no sector servizos onde se rexistra unha maior porcentaxe de ocupados, co 44,4% dos activos, especialmente no subsector da administración. Existen estradas locais que comunican os diferentes núcleos do termo.
Historia
As primeiras pegadas de presenza humana no concello remóntanse ao Bronce Antigo (2000-1500 a C). Durante a romanización, o territorio pertenceu ao convento xurídico Bracarense e estaba habitado polo pobo indíxena dos limicos, que tiñan como centro territorial o Forum Limicorum. Durante o Antigo Réxime estivo baixo as xurisdicións de Codesedo, señorío da encomenda da Barra, que rexentaban os cabaleiros da orde de Santiago; Nocelo da Pena, señorío do convento de Santa Clara de Allariz; Torre de Portela de Limia, señorío do conde de Lemos e Xinzo de Limia, señorío do conde de Monterrei; todas elas pertencentes á provincia de Ourense. Estes, unidos baixo a orde de Santiago, influíron no desenvolvemento da zona coa fundación do mosteiro de Santa María de Codosedo. No primeiro terzo do s XIX o territorio chamábase Cortegada e pertencía ao partido xudicial de Xinzo de Limia, aínda que, tras a división de Galicia en catro provincias (1822), dividiuse nos concellos de Codosedo e Lodoselo, que pasaron a depender da nova provincia de Ourense. Coa división territorial de 1835 formouse o novo concello de Sarreaus, que mantivo a súa superficie sen cambios posteriores.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan os xacementos do Roufeiro e Nocelo da Pena, ambos os dous en Nocelo da Pena, as igrexas románicas de San Xoán de Cortegada (s XII), Santa María de Perrelos e Santa María de Codosedo, así como o pazo de Nocelo da Pena. Ademais das festas do Entroido, tamén se celebran as festas patronais de Lodoselo, o 15 de agosto, e un concurso de gando vacún o 6 de xuño, en Sarreaus.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Limia, A |
| Extensión | 77 Km2 |
| Poboación Total | 1680 h |
| Poboación Homes | 828 h |
| Poboación Mulleres | 852 h |
| Densidade de poboación | 21.82 h/Km2 |