sátira
(< lat satĭra)
-
s
f
[LIT]
Composición poética que critica maneiras de vivir e comportamentos que caracterizan a toda a humanidade, a unha categoría de persoas ou a un só individuo, e que contrastan ou están en discordancia coa moral común ou co ideal ético do escritor. Como xénero literario é, segundo Quintiliano, una innovación da literatura romana. Aparecen testemuñadas, na literatura latina, dúas tradicións practicamente paralelas do xénero: en verso e en prosa. O seu iniciador foi Ennio, e quen o consolidou Lucilio. Os tres grandes representantes foron Horacio, Persio e Xuvenal. A outra tradición, vinculada ao uso do prosimetrum (mestura de prosa e verso), sufriu, xa nos seus inicios na obra de Varrón, a influencia da diatriba cínica grega; as dúas mostras máis importantes desta tradición son o Apocolocyntosis de Séneca e o fragmento conservado do Satiricón de Petronio. Na Idade Media, asistiuse ao desenvolvemento da sátira alegórica, que escolleu os animais como tipo representativo do carácter humano. Tamén foi frecuente a sátira moral das diversas clases sociais, e especialmente a do clericato. Máis tarde, a Reforma e as loitas relixiosas suscitaron unha literatura satírica moi abondosa, en Italia, Lasca e Aretino, mentres que os comentarios máis astutos das cuestións políticas e relixiosas se manifestaron a través de pasquíns. Non faltan exemplos noutras literaturas como T. Nashe, J. Marston e J. Hall, en Inglaterra; Cervantes, os Argensola e Quevedo, na literatura castelá; ou Boileau, Pascal, Molière e La Fontaine, en Francia. Na literatura galego-portuguesa pódense distinguir diversos tipos de sátira, aínda que non é un xénero moi frecuente, pois abundan máis as cantigas de escarnio e maldicir. Con respecto á sátira literaria destacan dúas cantigas de amigo de Garcia de Guilhade, en que denuncia que se rompa o segredo de amor e a decadencia da poesía amorosa en Portugal. Lourenço e Picandon son dous dos xograres máis criticados polas súas malas artes á hora de compoñer. Por outro lado, ademais do plaxio, destaca unha polémica en que participaron cinco trobadores da corte de Afonso X, que critican unha composición de Johan Soarez Coelho en que, rompendo as regras de cortesía, canta a unha ama, e non a unha dama da nobreza. No que se refire á sátira moral, destacan algunhas composicións de Martin Moxa, Martin Soarez, Pero Mafaldo e Gil Perez Conde en que tratan a corrupción dos costumes tradicionais. Por último, na sátira política localízanse tamén poucos exemplos e limítase a pequenos exemplos de crítica individual entre persoas da mesma condición, con forma de instrumentalización política. Hai sátira política referida á loita entre os reis Sancho II e Afonso III, onde destacan Airas Perez Vuitoron, Diego Pezelho e Afonso Mendez de Besteiros; outra serie refírese á covardía de certos cabaleiros á hora de acudir á Guerra de Granada, onde destaca Afonso X, Pero Gomez Barroso, Afonso Mendez de Besteiros e Gil Perez Conde; e outra, relativa aos favoritos reais, onde destacan Airas Perez Vuitoron, Pedro de Portugal e a tenzón entre Martin Moxa e Lourenço.
-
s
f
Crítica ou censura que tende a ridiculizar algo ou a alguén.