Saviñao, O

Saviñao, O


Concello da comarca da Terra de Lemos situado no centro-leste da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 34’ 40” de latitude N e 7° 38’ 10” de lonxitude O. Limita ao N con Paradela (comarca de Sarria) e Taboada (comarca de Chantada), ao L co de Bóveda e Monforte de Lemos (comarca da Terra de Lemos), ao S co de Pantón (comarca da Terra de Lemos), e ao O con Chantada e Taboada (ambos os dous na comarca de Chantada). Abrangue unha superficie de 196,6 km2cunha poboación de 4.681 h (2007), distribuída nas parroquias de Abuíme, A Broza, Chave, A Cova, Diomondi, Eirexafeita, Fión, Freán, A Laxe, Licín, Louredo, Marrube, Mourelos, Ousende, Piñeiró, Rebordaos, Reiriz, Rosende, San Vitoiro de Ribas de Miño, Santo Estevo de Ribas de Miño, Segán, Seteventos, Sobreda, Vilacaíz, Vilaesteva, Vilasante, Vilatán, Vilelos e Xuvencos. A capital está no lugar de Escairón, na parroquia de Vilasante, a 111 km de Santiago de Compostela e a 78 km de Lugo. Está adscrito á provincia de Lugo, á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
A súa planitude é a nota dominante; é unha prolongación cara ao L da penechaira de Chantada da que está separada polo canón formado polo río Miño. Esta ampla chaira resólvese en dous niveis de diferentes altitudes. O primeiro, que se estende pola franxa central, posúe unha altitude media de 600-700 m (Cotarro do Piteiro, 783, m e San Antonio, 687 m) e estréitase de N a S. Entre este nivel de aplanamento e o canón do Miño disponse outra penechaira de altitude media comprendida entre os 400 e 600 m, froito da erosión fluvial que acada a súa maior altitude entre os vales dos ríos Sardiñeira e O Saviñao, no que destacan algunhas cotas nos interfluvios como Estivadas (587 m) ou Pedrouzas (524 m). Estas superficies de aplanamento quedan delimitados ao O polo val do Miño que, segundo vai avanzando cara ao S, se encaixa progresivamente, e ao L pola depresión de Lemos. Está situado na transición entre os dominios climáticos oceánico mediterráneo, oceánico continental e oceánico de montaña. Na súa configuración climática participa o afastamento do mar, a presenza de sectores resgardados, como o canón do Sil, e a elevada altitude media. A rede hidrográfica é tributaria do Miño, que discorre polo límite O do concello, seguindo unha orientación N-S e en boa parte represado polos encoros de Belesar e Os Peares. Ao Miño verten ríos, todos con dirección L-O, caracterizados por un suave percorrido a través dos niveis de aplanamento e con fortes pendentes no seu tramo final. De N a S destacan o Zancroia, o Pez, o Sardiñeira e O Saviñao. O extremo L correspóndese coa cabeceira do río Barrantes, xa na conca do río Cabe. A vexetación natural está ben representada nas masas de carballos e castiñeiros que se estenden polas terras da penechaira, e só se ven substituídas por piñeiros e mato nas áreas de maior altitude.
Xeografía humana
Desde principios do s XX (11.182 h en 1900), a poboación do Saviñao experimentou una evolución de índole negativa. Os efectivos demográficos permaneceron estables ata 1960 (12.083 h), iniciando un forte retroceso que o levou a que en 2001 (5.010 h), a poboación apenas fose o 40% da que posuía en 1940, ano en que acadou o seu máximo demográfico (12.595 h). Entre 1887 e 1920, a súa poboación permaneceu estancada (0,01% interanual), o que deu paso, entre 1920 e 1930, a unha moderada contracción demográfica (-0,38% interanual), que quedou compensada grazas á forte progresión da década de 1940 (1,69% interanual). Esta gran fase de estabilidade demográfica rematou con dúas déca-das de moderadas perdas demográficas (-0,20% interanual entre 1940-1960). A partir de 1960 iniciouse unha etapa de gran despoboamento, cunha primeira fase ata 1991 na que perde efectivos a un ritmo do -1,74% interanual, e unha segunda máis moderada, entre 1991 e 2001, cun -1,24%. Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -6,56%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-12,4‰) froito dunha baixa natalidade (2‰) e unha elevada mortalidade (15,4‰). Trátase dun territotio que sufriu unha forte emigración nas décadas de 1960 e 1970 cara a Barcelona, e que a finais do s XX se dirixiu ás principais cidades galegas e ás veciñas vilas de Chantada e Monforte de Lemos. A súa poboación está avellentada; os menores de 20 anos só representan o 9,2%, mentres que os de máis de 65 anos o 40,7%; o grupo intermedio representa o 50,1%. Por sexos, son máis numerosas as mulleres, que acadan o 50,73% fronte ao 49,26% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Saviñao é do 38% (46,2% a masculina e 30,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,7% (40,8% a masculina e 25,2% a feminina) e a taxa de paro acada o 13,8% (11,7% a masculina e 16,7% a feminina). O sector primario ocupa ao 39,5% da man de obra. A superficie cultivada representa o 19,8% do seu territorio, onde destacan os cultivos de forraxes, centeo e pataca. A vide cultívase nos socalcos das ribeiras do Miño, acollidas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra subzona de Ribeiras do Miño. Destacan as explotacións de gando bovino, dirixidas preferentemente á obtención de leite, e as de gando porcino. Na industria, que ocupa ao 10,4% dos activos, destacan empresas lácteas, vitícolas, construtivas e de transformación mecánica. A construción dá emprego ao 12,4% da man de obra, detectándose unha notable actividade inmobiliaria en Escairón. No sector servizos, que ocupa ao 37,6% dos traballadores, destacan os equipamentos terciarios radicados en Escairón e Currelos, que dan servizo á poboación residente no S e N do concello, así como algunha empresa de comercialización de produtos agropecuarios. As principais vías de comunicación son as estradas LU-533 e a CRG-21 e outras estradas locais.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento son a mámoa de Abuíme e diversos restos castrexos conservados en Freán e Vilatán. O florecemento destas terras produciuse na Idade Media co influxo dos monxes eremitas asentados na ribeira do Miño e o poder do conde de Lemos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello do Saviñao pertenceron ás xurisdicións de Abuíme, señorío laico; ao couto redondo da Cova, señorío da catedral de Lugo; a Brollón, señorío do conde de Lemos e dos seus veciños compartida co mosteiro de Meira; a Chantada, señorío do marqués de Astorga; a Diomondi, señorío do bispo de Lugo; a Incio e Broza, señorío da encomenda de Quiroga; a Moreda, señorío do conde de Lemos; a Taboada, señorío dun señor laico e do conde de Maceda; ao couto redondo de Vilasante, señorío do marqués de Vilasante; e ao Saviñao, señorío do conde de Lemos, compartido nalgunha parroquia co marqués de Viance e outro señor laico. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Vilasante, Saviñao e Diomondi, desaparecendo este último en 1822. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII (1823) supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello do Saviñao.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan o antigo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño, as igrexas dos antigos mosteiros de San Paio de Diomondi e San Vitoiro de Ribas de Sil e as igrexas de Marrube, Fión e Seteventos. No eido da arquitectura civil destaca a torre da Candaira. Celébranse, entre outras, as festas da Virxe dos Milagres, en xuño, e a romaría de Diomondi, en agosto, ademais do Entroido.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Terra de Lemos
Extensión 196 Km2
Poboación Total 4681 h
Poboación Homes 2306 h
Poboación Mulleres 2375 h
Densidade de poboación 23.88 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias