secado

secado

(< secar)

  1. s m

    Acción e efecto de secar.

  2. s m [PINT]

    Modificación que experimenta unha película de pintura ou verniz ao pasar de estado líquido a sólido. Inclúe, ademais da evaporación do disolvente, a oxidación lenta dalgúns aceites nas pinturas e a polimerización do aglutinante no caso dalgunhas resinas sintéticas.

  3. s m [IND]

    Operación que consiste en separar un líquido do sólido que o retén fisicamente por procedementos non mecánicos. Na industria, o secado forma parte de moitos procesos, como operación diferenciada ou como efecto dunha operación máis complexa, co propósito de eliminar líquido, xeralmente auga, retida por moitas materias, por causas naturais (madeira) ou por causa dalgún tratamento anterior (téxtiles, coiros). Na madeira, o secado pode ser natural, acelerado e artificial. O secado natural consiste en expoñela á atmosfera natural, amontoándoa pero sen que estean en contacto entre elas nin coa terra. O secado acelerado consiste en somerxer, previamente, a madeira en auga, disolvendo o zume e facilitando así a evaporación. O secado artificial consiste en forzar a eliminación da auga por procedementos térmicos ou mediante a acción de axentes químicos. Nos materiais téxtiles, o secado consiste en quitar toda ou a maior parte da auga que conteñen cando sofren operacións como o branqueado, a tinguidura ou o apresto. As operacións de escorrer, centrifugar ou de sucionar preceden ao secado propiamente dito.

Palabras veciñas

sec | seca | Seca de Castelo | secado | secadoiro | secador -ra | secadora