Séculos Escuros
Período de decadencia da lingua e literatura galegas que abrangue os ss XVI, XVII e XVIII. No s XIII Galicia quedou integrada na coroa de Castela. A penetración de nobres casteláns, xunto coa perda de autonomía das institucións galegas e a ausencia dunha burguesía que defendera os intereses do país, provocaron que unha política cada vez máis centralista de Castela invalidara calquera actividade autónoma de Galicia. Adóitase sinalar como data simbólica do inicio deste período a decapitación do mariscal Pedro Pardo de Cela na vila de Mondoñedo en 1483. O proceso desgaleguizador nas clases altas da sociedade impediu a consolidación do galego como lingua literaria e levouse a cabo unha uniformización lingüística como símbolo de cohesión da nova estrutura política. O galego quedou relegado exclusivamente ao uso oral das clases traballadoras, feito que levou a consideralo como unha lingua incapacitada para a cultura, fronte ao castelán. Con todo, existen mostras na literatura popular da época transmitidas oralmente, composicións de circunstancias, na súa maioría anónimas, e algunhas mostras de poesía culta, como as de Gómez Tonel, Vázquez de Neira ou Martín Torrado, ou mesmo o “Soneto de Monterrei”, con trazos renacentistas, e o soneto de Isabel de Castro Andrade que se reproduciu na terceira parte (1597) de La Araucana de Alonso de Ercilla. De carácter anónimo foron o “Lamento da Frouseira” e o “Saqueo de Cangas polos turcos”, en que se reflicten acontecementos históricos. Nos ss XV e XVI foron moi frecuentes, tal e como se amosa nos cancioneiros do Palacio Real, de Upsala e de Elvas, ou mesmo nos libros de Luis de Milán e Juan Vázquez, as composicións sinxelas que imitan cantigas de amigo, mentres que entre os ss XVII-XIX apareceron tamén poesías de estilo folclórico, como os vilancicos de Nadal, moi espallados por toda a Península, algúns de autores coñecidos, como Carlos Patiño, Marcos Parcero ou Antonio Mª de Castro Neira. No ámbito da literatura dramática cómpre salientar o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño (1691), de Gabriel Feixóo de Araúxo. Anualmente, convocábanse na Universidade de Santiago de Compostela as Festas Minervais, onde se presentaron algunhas composicións en galego. Xa a finais do s XVIII, un grupo de intelectuais chamados ‘ilustrados’ amosaron a súa inquedanza ante a situación e defenderon unha renovación do mundo cultural galego. Destes intelectuais destacan o padre Feijoo, o padre Sobreira, Diego Cernadas Castro, M. Francisca de Isla Losada e Xosé Cornide Saavedra, aínda que a figura máis relevante foi frei Martín Sarmiento, que reivindicou o uso do galego como lingua propia e que constituíu o referente para o resto de intelectuais que trataron a problemática lingüística.