Seis poemas galegos

Seis poemas galegos
[LIT]

Obra de Federico García Lorca publicada o 27 de decembro de 1935 na Editorial Nós. Na súa xénese e proceso de creación tivo decisiva intervención Ernesto Guerra da Cal que actuou como “dicionario vivente” dos versos galegos de Lorca e que   seleccionaba palabras, traducía versos do castelán e facía correccións. Na publicación do libro tamén interveu E. Blanco Amor modificando o texto e facendo o prólogo. Das diferentes edicións coas que conta, na de Luis Pérez Rodríquez O pórtico poético dos Seis poemas galegos (1995), aparecen as partituras dos poemas aos que puxo música o mestre Isidro B. Maiztegui. A “Cantiga do neno da tenda” xurdiu a raíz da viaxe de Lorca a Arxentina en 1933 e do seu contacto co mundo dos emigrantes galegos. “Nouturnio do adolescente morto” podería vir da visión dun tráxico suceso -un rapaz afogado nun río- que o poeta tivo na viaxe de retorno da súa xira con La Barraca por Galicia en 1932. Santiago de Compostela e a figura de Rosalía inspiraron “Madrigal”, a “Danza da lúa en Santiago” e a “Canzón de cuna para Rosalía de Castro, morta”. “Romance de Nosa Señora da Barca” evoca a romaría da Virxe da Barca, á que acudira Rosalía. Esta obra fai de García Lorca un dos máis importantes poetas alófonos en lingua galega e constitúe unha lembranza e homenaxe do poeta andaluz a Galicia e á súa literatura.

Palabras veciñas

seirón | seis | Seis Nacións, Torneo das | Seis poemas galegos | Seis, grupo dos | seiscentos -tas | seísmo