seseo

seseo

(< orixe onomatopeica)

s m [LING]

Ausencia do fonema non sibilante fricativo apicodental xordo /θ/ (ou interdental xordo de carácter ciceante) e a presenza no seu lugar dunha sibilante fricativa laminoalveolar [s] (o seseo tradicionalmente denominado predorsal), realiza- ción característica da maior parte das comarcas seseantes (Fisterra, Xallas, Barbanza, Morrazo, Miñor...), ou ben apicoalveolar [sª] (o seseo tradicionalmente denominado apical), propio do Salnés ou de Amaía, por exemplo. Sincronicamente pode parecer que o falante seseante perdeu o fonema /θ/, pero diacronicamente non é así, pois se hai seseo é pola neutralización dun fonema apicoalveolar /sª/ e dun fonema laminoalveolar /s/. Polo que respecta á extensión xeográfica, o seseo explosivo ou prenuclear (faser, sento) rexístrase nas falas occidentais da Coruña e nas máis próximas á costa en Pontevedra, con áreas de realización laminal, que é a maioritaria, ou ben apical. Nas zonas da Coruña de seseo laminal hai vilas costeiras onde o seseo se realiza como apical (Camariñas e Rianxo, por exemplo), mentres que nas parroquias do rural veciñas a realización é laminal (Xaviña en Camariñas ou Taragoña e Asados en Rianxo). E esa oposición seseo apical (vilego e mariñeiro) fronte a laminal (rural e labrego) consérvase en boa parte das zonas seseantes. Na provincia de Pontevedra o seseo prenuclear (faser) rexístrase en puntos próximos á costa e con frecuencia caracteriza os falares mariñeiros fronte aos non mariñeiros veciños, como se aprecia en concellos da comarca do Salnés. Caso ben claro é O Grove, formado por dúas parroquias, a de San Martiño (mariñeira), con seseo prenuclear con realización apical, e a de San Vicente do Mar (labrega), onde só se rexistra seseo implosivo ou posnuclear (des, lus), que tamén se documenta na maior parte das dúas provincias atlánticas. E o mesmo ocorre no Baixo Miño no concello da Guarda, con mariñeiros que sesean e con xente non mariñeira (por exemplo da parroquia de Salcidos) que non sesea. Nalgunhas zonas de seseo laminal, como o Morrazo ou o sur pontevedrés, tamén se pode dar a despalatalización do / "Stone Sans PhoneticIPA" >ʃ / e a presenza dunha realización predorsointerdental xorda [s9]. En zonas non seseantes, como a Baixa Limia (Lobios e Entrimo) e Hermisende (Zamora), distínguese un fonema fricativo predorsointerdental sonoro /z9/ (veciño), que se opón ao seu correspondente xordo /s9/ (lansadeira). Igual que ocorre coa gheada, o seseo vai desaparecendo na xente nova das áreas seseantes e, se se mantén a realización laminal, esta tende a realizarse como apical. A realización laminal é a maioritaria e o seseo implosivo ten maior uso ca o explosivo, como o proba o feito de que unha forma como des sexa xeral, mesmo en falantes que din dezaseis ou dezasete. A pronuncia seseante (e tamén a da gheada) está contemplada como alternativa na actual norma ortográfica e morfolóxica, aínda que para moitos galegofalantes urbanos, e de xeito especial para a maioría dos que tiveron o castelán como lingua inicial, estes trazos poida que sexan galegos de máis, mesmo rurais. Por outra parte, as enquisas realizadas por J. Kabatek (Os falantes como lingüistas: tradición, innovación e interferencias no galego actual, 2000) demostran que os novos consideran que o seseo (e a gheada) son válidos para marcar expresividade en certos contextos e hai quen os usa familiarmente por autenticidade lingüística. Con todo, tamén existen grupos sociais de certa influencia na sociedade, sobre todo nos máis novos, que fan un uso consciente e público do seseo (e tamén da gheada). Na década de 1990 usaban estes fenómenos, particularmente, cantantes do movemento musical “bravú”, case desaparecido, na súa música (Herdeiros da Crus, etc) e poetas novos como os do Batallón Literario da Costa da Morte nos seus recitados, e por suposto os músicos tradicionais que recollen o galego oral. A música da década de 2000 rexistra novas tendencias musicais, como o hip hop, onde tamén, por exemplo, o colectivo Dios Ke Te Crew ou o dúo As Garotas usan o seseo e a gheada. Nos medios de comunicación de ámbito galego a ausencia do seseo (e da gheada) é xeral nos seus traballadores cando están na pantalla televisiva ou ante o micrófono, aínda que a xente seseante, que tamén é gheadófona, usa o seseo dun xeito espontáneo nas entrevistas ou na participación en distintos programas tanto da radio como da televisión. Na TVG intentouse introducir o seseo nas dobraxes, pero non tivo éxito porque se asociaba a connotacións negativas dos personaxes que o empregaban. Con todo, hai intentos positivos como é o uso do seseo nas cancións do programa Xabarín Club e a emisión da serie Mareas vivas, inspirada e dirixida por Antón Reixa na súa primeira etapa. Mareas vivas, unha das series con máis audiencia da TVG, comezou a emitirse en xaneiro de 1999 e conseguiu, ata a finalización da súa emisión, que os espectadores, mesmo os que non teñen ese fenómeno fonético, percibisen o seseo (e tamén a gheada) como algo natural. A maioría dos actores (o cacique, a alcaldesa, o crego, os mariñeiros e os veciños de calquera xeración) empregaban un galego estandarizado, con seseo e con gheada, mentres que os personaxes que son de fóra de Portozás (o xuíz, a médica, o mestre...) empregaban unha lingua coidada, sen características dialectais. Nesta serie empregábase maioritariamente o seseo “urbano” con realización apical. Máis recentemente o uso do seseo e da gheada fíxose habitual na TVG co grupo de humor Os Tonechos e nalgún outro programa de moita audiencia. Na literatura a súa presenza é esporádica. No Rexurdimento, Rosalía de Castro representou graficamente o seseo, con maior frecuencia en posición explosiva, nas súas obras, pero especialmente en Cantares gallegos e Follas novas. Tamén outros autores, como Lamas Carvajal, Noriega Varela, López Ferreiro, Cabanillas -sobre todo nas súas primeiras obras-, Otero Pedrayo, Rafael Dieste e Blanco Amor, ou os contemporáneos Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Mª Xosé Queizán, Martínez Oca, Antón Reixa, X. Cid Cabido, Xurxo Borrozás, etc empregan nas súas obras algunha que outra vez formas seseantes (sobre todo implosivo). Dentro da transmisión oral cómpre facer mención ao rexurdir desta tradición da man dos contadores de historias, como Quico Cadaval, Candidó Pazó e Carlos Blanco, que dun xeito natural empregan nas súas montaxes un galego coidado con seseo e gheada.

Palabras veciñas

Seseña | sesenta | sesentón -na | seseo | seses | sésido -da | sésil