Sete Anos, Guerra dos
Conflito bélico que enfrontou a Ingaterra e Prusia contra Francia, Austria e os seus aliados, entre 1756 e 1763. Foi provocada pola rivalidade colonial entre Inglaterra e Francia e polo intento por parte de Austria de recuperar Silesia, ocupada por Prusia. As tropas prusianas de Federico II ocuparon Saxonia (1756), pero a alianza entre Saxonia, Rusia e Suecia con Austria e Francia (Tratado de Versailles, 1757) obrigounos a abandonar as súas conquistas. O exército prusiano derrotou os franceses e saxóns en Rossbach (1757), os austríacos en Leuthen (1757) e os rusos en Zorndorf (1758), mais foi derrotado en Kunersdorf (1759) polos rusos. O acceso ao trono do Tsar Pedro III, bo admirador do espírito prusiano, significou a retirada de Rusia da guerra, seguida tamén por Suecia. A superioridade naval de Inglaterra permitiu o bloqueo das costas francesas. Os británicos ocuparon Québec (1759) e Montréal (1760) e derrotaron os franceses en India (Pondichery, 1761). A intervención de España, provocada polo Terceiro Pacto de Familia (1761), non cambiou a situación e os británicos ocuparon Florida, La Habana e Manila. O conflito acabou cos tratados de Hubertusburg e de París (1763). Inglaterra reafirmou a súa hexemonía marítima e colonal, e Francia tivo que aceptar o derrubamento do seu imperio colonial.