Sevillano Estremera, Ánxel

Sevillano Estremera, Ánxel

igo 31.1.1942 - Pontevedra 31.7.1994) Pintor, fillo de Ánxel Sevillano García. Iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios onde tivo como mestre a Luís Torras e estudou belas artes en València e Madrid. Foi bolseiro da Deputación de Pontevedra e tivo unha bolsa de paisaxe en El Paular. Profesor de debuxo de ensino medio, instalouse en Vigo ata que na década de 1980 se trasladou a Venezuela e, ao seu regreso, instalouse en Vilagarcía de Arousa. Nos seus inicios cultivou a paisaxe de raíz expresionista, en que dominaban os verdes e negros, para despois realizar unha figuración con cadros protagonizados por unha multitude de personaxes en escenas da vida cotiá. Empregou a liña grosa que marca os contornos e unha paleta de cores cálidas que, despois da estancia en América, volveuse máis intensa ao tempo que incorporou unha tipoloxía autóctona. Nas súas últimas obras introduciu os ouros e as pratas. Realizou tamén bodegóns, en que empregou gamas de terras, ocres e azuis, e mobles aos que incorporou pinturas. Realizou, entre outras obras, Pobo encantado (1964), Figuras do circo(1970), Moza (1972), Mulleres con flores e paxaros (1972), Figuras do circo (1970), Mercado (1971), Berbés (1972), Familia (1980), Festa con gaiteiro, Galicia e as diversas Romaría. A súa obra atópase en diversos museos de Galicia.

Palabras veciñas

Sevilla, Taifa de | sevillana | sevillano -na | Sevillano Estremera, Ánxel | Sevillano García, Ánxel | sevirato | séviro