silicona

silicona

(< ingl silicone)

s f [QUÍM]

Conxunto de materiais de natureza polimérica, que están formados por cadeas constituídas por átomos de osíxeno e silicio alternos, unidos estes últimos a restos orgánicos. Historicamente, o desenvolvemento in-dustrial das siliconas comezou en EE UU na década de 1930-1940, cando se comezou a empregar como illante eléctrico resistente á calor. A súa preparación faise por hidrólise e posterior polimerización de alquihaloxenosilanos. En xeral, son bos illantes eléctricos, inertes aos axentes químicos, agás os ácidos e as bases fortes, e a súa toxicidade adoita ser pequena. Desde o punto de vista industrial e de utilización adoitan clasificarse en aceites de silicona, elastómeros de silicona e resinas de silicona. Os aceites de silicona están constituídos por polímeros lineais de peso molecular comprendido entre 4.000 e 25.000, líquidos a temperatura ambiente e xeralmente derivados do diclorodimetilsilano. Os aceites de silicona presentan unha moi pequena variación da súa viscosidade coa temperatura, polo que se aplican como lubricantes, fluídos hidráulicos e dieléctricos, axentes de engraxado, axentes antiescumantes e impermeabilizantes. Os elastómeros de silicona están constituídos por polímeros lineais análogos aos aceites de silicona pero de peso molecular máis elevado. Os máis comúns son os derivados do diclorodimetilsilano, con pesos moleculares comprendidos entre 300.000 e 700.000 e a súa característica máis importante é o feito de presentar unha marxe térmica de utilización moi ampla (de -50°C a 200°C), que se volven fráxiles ao quentarse por riba dos 200°C. As súas propiedades mecánicas son inferiores a temperatura ambiente respecto das doutros elastómeros, pero netamente superiores a temperaturas elevadas. Teñen unha grande aplicación industrial como axentes illantes eléctricos, como impermeabilizantes e protectores da oxidación, no selado de xuntas, na preparación de próteses anatómicas ou como material de cascallo con finalidades estéticas. As resinas de silicona están constituídas por polímeros ramificados derivados da hidrólise conxunta de dialquildiclorosilanos e alquiltriclorosilanos. Poden combinarse con outros materiais resinosos (alquídicos, epoxiesterificados e urea-formaldehido) e orixinan copolímeros axeitados para recubrimentos superficiais que se empregan en equipamentos eléctricos, de calefacción e de manipulación de alimentos. Por outra banda, empréganse na preparación de laminados de fibra de vidro, especialmente cando teñen que ser utilizados como illantes eléctricos a temperaturas elevadas.