sindicato

sindicato

(< síndico)

  1. s m [POLÍT]

    Asociación formada para a defensa dos intereses económicos e sociais dos seus membros. Xeralmente designa ao sindicato obreiro, pero tamén pode referirse a outros grupos como o sindicato campesiño, o sindicato patronal ou o de estudantes. A historia dos sindicatos está intimamente ligada á historia da clase obreira. Nunha primeira etapa os sindicatos obreiros agrupaban os traballadores dun mesmo oficio (sindicato de oficio), pero a medida que se desenvolveu o sindicalismo foron agrupando os obreiros dunha mesma rama industrial (sindicato de industria ou único). A estrutura do sindicato varía segundo que a tendencia predominante dos seus membros sexa anarquista (anarcosindicalismo), marxista ou simplemente reformista. Os diferentes sindicatos establecidos nunha localidade adoitan coordinarse a escala local, rexional e estatal, e forman en conxunto as centrais sindicais, que se coordinan tamén a escala internacional. O fascismo creou un novo tipo de marco obreiro, o corporativismo. Por outra banda, a implantación do comunismo en Rusia, e máis tarde noutros países, deu lugar a un novo tipo de sindicato controlado polo partido comunista. Nos países de capitalismo máis desenvolvido como os escandinavos ou Bélxica, os sindicatos teñen un papel próximo ao de aparato do estado nalgúns aspectos da seguridade social e da asistencia pública, e influíron de xeito determinante nas decisións políticas dos gobernos socialistas ou socialdemócratas.

  2. sindicato amarelo

    Organización financiada pola patronal para minar a acción do sindicato dos traballadores.

  3. sindicato vertical

    Organización que inclúe o patrón e o obreiro da mesma actividade.