Singapur

Singapur
Nome científico: [nome oficial: República de Singapur; nome oficial malaio: Repablik Singapura; nome oficial inglés: Republic of Singapore]

Estado insular situado en Asia suroriental, formado pola illa homónima e algúns illotes, situados no extremo S da península de Malacca, da que está separada polo estreito de Johor (683 km2; 3.306.000 h [estim 2001]). A súa capital é Singapur.
Xeografía
O territorio está dividido na illa de Singapur e outras illas de menor tamaño. A illa maior está constituída por unha chaira, as súas costas son baixas e areosas e están cubertas de mangleirais. O clima é ecuatorial cálido e húmido, con variacións estacionais mínimas e precipitacións moi abundantes e ben distribuídas ao longo do ano. A vexetación autóctona é a selva ecuatorial, que antes cubría toda a illa pero que actualmente quedou relegada a determinados enclaves, pois máis do 80% da illa está urbanizada. Conta con numerosos ríos de curto percorrido dos que destacan o Seletar e o Jurong. O sector primario achega cultivos de coco, tabaco, piña, hortalizas, plantas ornamentais como a orquídea, extracción de caucho e gandaría porcina. Desde o punto de vista pesqueiro o porto máis importante é o de Jurong, onde se sitúan varias plantas de elaboración e conservación de pescado. A illa está unida ao continente por unha autoestrada, un ferrocarril, un oleoduto, unha liña eléctrica e unha condución de auga potable. O desenvolvemento de Singapur débese ao comercio de exportación e reexportación, base da súa economía. Os países cos que ten un intercambio máis intenso son Xapón, Malaisia e EE UU, coas importacións, e Hong Kong coas exportacións. Dispón tamén, entre outras industrias, de refinarías de petróleo, construción naval, aceite de palma, equipamento eléctrico, electrónico e electromecánico, produtos siderúrxicos, químicos, farmacéuticos e gas natural. É un importante centro financeiro e de servizos do SL asiático. A poboación, composta por unha maioría chinesa e malaia, concéntrase na capital e nos centros urbanos próximos a ela. A súa unidade monetaria é o dólar de Singapur.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os grupos étnicos maioritarios son os chineses (76,8%), malaios (13,9%) e indios (7,9%). As linguas oficiais son o chinés, o malaio, o támil e o inglés. A maior parte da poboación é de relixión budista e taoísta (53,9%), seguidos dos musulmáns (14,9%), protestantes (8,7%), católicos (4,1%), hinduístas (3,3%), dos seguidores doutras relixións (0,6%) e de non relixiosos ou ateos (14,5%).
Desenvolvemento humano e goberno
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Singapur entre os países cun desenvolvemento humano alto (posto 25º, cun índice do 0,902). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 79 anos para os homes e de 81 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 92,5% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 87%, e o PNB real por habitante é de 24.040 $ EE UU.
Goberno e política
Colonia británica, obtivo o autogoberno en 1959 formou parte da Federación de Malaisia en 1963 e independizouse o 9 de agosto de 1965. República parlamentaria, segundo a Constitución de 1959, enmendada en 1965, o presidente elíxese por sufraxio universal para un período de 6 anos. O poder lexislativo recae no Parlaiment unicameral, formado por 84 membros elixidos por sufraxio universal para un período de 6 anos. O sistema xudical baséase na common law británica e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Conta coa Supreme Court e a Court of Appeals. As principais forzas políticas son: o maioritario People’s Action Party/Partai Tindakan Rakyat (PAP); o Worker’s Party of Singapore (WPS); e a coalición Singapore Democratic Alliance (SDA). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Asociación das Nacións do Sueste Asiático (ASEAN) Commonwealth, Cooperación Económica Asia-Pacífio (APEC) e ONU.
Historia
Os chineses foron os primeiros en facer referencia a Singapur no s III a C. O seu porto foi construído en 1299 por un príncipe do imperio mercantil de Srīvijaya, centrado en Sumatra. Sometido despois ás influencias sucesivas de musulmáns, portugueses e holandeses, a súa historia moderna comezou coa chegada da Compañía das Indias Orientais, que estableceu alí unha base comercial (1819). Singapur, xunto con Penang e Malaca, formou en 1826 os Straits Settlements, que se converteron en colonia da coroa británica en 1897. Os británicos construíron nela unha importante base naval (1921). En 1959 obtivo un goberno autónomo. Integrouse na Federación de Malaisia (1963), pero abandonouna e converteuse nun estado independente no ámbito da Commonwealth (1965). Adoptou a forma republicana, con Lee Kuan Yew, dirixente do PAP, converteuse no primeiro ministro. O PAP é netamente maioritario e ocupou o poder desde 1959. En 1990 acadou o cargo de primeiro ministro Goh Chok Tong, que superou a crise financeira de 1997 e a crise provocada pola pneumonía atípica en 2003. Desde 1999 o presidente da república é Sellapan Ramanathan (S. R. Nathan) e desde 2004 o xefe de goberno é Lee Hsien Loong.