sionismo

sionismo

(< topónimo Sión)

s m [RELIX/POLÍT]

Movemento creado na segunda metade do s XIX por rabinos e pensadores xudeus da Europa Oriental encamiñado a reconstruír en Palestina unha patria xudía que acollese os xudeus de todo o mundo que o desexasen. Os pogroms rusos de 1881 provocaron a chegada a Palestina de diversos grupos de xudeus -a primeira alià (subida a Sión)- que estableceron as primeiras colonias agrícolas. Coa obra de Theodor Herzl e a partir do I Congreso Sionista de Basilea (1897) o movemento adquiriu un carácter político. Herzl creou dúas grandes institucións de recadación de fondos para o establecemento de xudeus en Palestina, e entrevistouse cos principais xefes de estado europeos. A Declaración de Balfour e o mandato británico de Palestina favoreceron o movemento, pero pronto provocaron a oposición árabe en xeral e numerosos atentados (1921, 1929, 1933, 1936-1938). Fundáronse máis de 150 aglomeracións cooperativas agrarias (kibbutzim e mošavim) e creouse un sistema de autodefensa, a Haganah. Rematada a Segunda Guerra Mundial, coa subseguinte inmigración en masa dos fuxidos do exterminio nazi, o sionismo conseguiu o seu obxectivo, a fundación do Estado de Israel (1948). A presión dos estados árabes, baseándose na situación do pobo palestino, obtivo da ONU (1976) unha condena do sionismo como movemento racista.

Palabras veciñas

sinxenésico -ca | Sion | Sión | sionismo | sionista | Sionlla | Sionna, Ant