Siria

Siria
Nome científico: [nome oficial: República Árabe Siria; ár: al-Sūrīya]

Estado de Oriente Próximo situado entre Turquía ao N, Iraq ao L, Xordania ao S, Líbano e Israel ao SO e o Mar Mediterráneo ao NO (185.180 km2; 17.123.000 h [estim 2002]). A súa capital é Damasco.
Xeografía

Xeografía física
De L a O o país pode dividirse en tres áreas xeográficas: o deserto, a zona montañosa e a costa. O relevo está dominado por antigos altiplanos, onde tan só as montañas do extremo occidental e do centro rompen a monotonía da paisaxe. No L ábrese un val pantanoso, polo que flúe o Orontes. O Antilíbano e o Hermōn, divididos entre Siria e Líbano, constitúen o extremo occidental do chairo e árido altiplano de Siria, que descende suavemente cara ao Éufrates ao N e cara a Iraq ao S. Esta rexión desértica está accidentada por pequenos outeiros e salpicada por unha gran cantidade de oasis. No extremo S álzase o grupo volcánico do Ǧ abal al-Durūz. A maior parte do país non ten augas superficiais e conta tan só con correntes intermitentes. Os seus principais ríos son o Éufrates, que atravesa Siria polo NL, e o Orontes ao O, que flúe a través das concas de Himş e Ḥ amā. Os efectos beneficiosos que o Mar Mediterráneo exerce sobre o clima son freados pola cordilleira litoral. A franxa costeira e as montañas occidentais gozan de veráns pouco calorosos e invernos suaves, mentres que cara ao interior, as temperaturas aumentan e diminúe a pluviosidade, de xeito que o mato mediterráneo se converte rapidamente en estepa, estepa desértica e deserto, que cobre unha cuarta parte do país.
Xeografía económica
A agricultura é a súa principal actividade, pero o seu desenvolvemento é mínimo e as terras de regadío abranguen unha pequena porcentaxe do total da superficie cultivada. O trigo, o orxo e o algodón son os cultivos dominantes. As principais zonas cerealeiras son Al- Ǧ azira e Al-Hawran mentres que a produción de algodón dáse principalmente nos vales dos principais ríos e en Alepo. Conta tamén con cultivos de tomates, uvas e mazás. Nas áreas máis secas hai gandaría extensiva (gando ovino e caprino). Conta con importantes reservas de gas natural e de mineral de ferro. Os recursos extractivos inclúen principalmente fosfatos e petróleo, que ocupa o primeiro lugar nas exportacións. A súa industrialización aínda é lenta pola falta de man de obra cualificada e de recursos hidroeléctricos suficientes. Os principais sectores industriais son o do cemento, o téxtil, a alimentación (aceite e azucre) e o vidro. As industrias tradicionais artesanais sobreviven aínda en Himş, Ḥ amā, Damasco e Alepo. Unha importante fonte de ingresos para a balanza de pagamentos son os dereitos de tránsito sobre o petróleo iraquí e saudita polos seus respectivos oleodutos. Exporta a Italia, Francia e Líbano petróleo, principalmente, produtos téxtiles, algodón, froita e vexetais. Importa de Alemaña, Xapón e Italia maquinaria, manufacturas, equipos de transporte, alimentos e produtos químicos e farmacéuticos. Ten unha forte débeda externa. As súas comunicacións están pouco desenvolvidas e o seu aeroporto principal está en Damasco.
Xeografía humana
As maiores concentracións danse ao longo da costa e na vertente oriental do Antilíbano. A poboación urbana é do 54,5%. Damasco, a capital, é unha das principais cidades do país e un importante centro comercial e industrial. Outra cidade importante é Alepo, no N, considerada tradicionalmente como paso obrigado dos comerciantes. Outras cidades son Himş, Latakia e Ḥ amā.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os grupos étnicos maioritarios son os árabes (90%), kurdos (9%) e outros (1%). A lingua oficial é o árabe, pero tamén se falan outras linguas como o armenio ou o kurdo. A maior parte da poboación é de relixión musulmá, sunnitas (74%) e xiítas (12%); hai tamén cristiáns (5,5%), drusos (3%) e seguidores doutras relixións (5,5%).
Desenvolvemento humano e goberno
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Siria entre os países cun desenvolvemento humano medio (posto 106º, cun índice do 0,710). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 68 anos para os homes e de 71 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 82,9% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 59%, e o PNB real por habitante é de 3.620 $ EE UU.
Goberno e política
Tras a caída do Imperio Otomán, foi administrada por Francia ata que acadou a independencia o 17 de abril de 1946. Formou a República Árabe Unida con Exipto (1958-1961). Segundo a Constitución do 13 de marzo de 1973, aprobada mediante referendo, o presidente, elixido para un período de 7 anos por sufraxio universal, ten o poder executivo e nomea o goberno. O poder lexislativo reside na Majlis al-Shaab, asemblea popular formada por 250 membros elixidos por sufraxio universal para un período de 4 anos. O seu sistema legal baséase na lei islámica e no dereito civil, conta con tribunais relixiosos e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. A principal forza política é a coalición Al-Jabha al-Wataniyyah at-Wahdwamiyyah (Fronte Nacional Progresista, JWW), formada por sete partidos e en que domina o al-Hizb al-Ba’th al-’Arabi al-Ishtriraki (Ba’th). Organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e ONU.
Historia
Coa desmembración do Imperio Otomán, estableceuse unha administración francesa. A evacuación definitiva das tropas francesas e británicas da rexión entre 1945 e 1946 deu paso á independencia efectiva do país. O proxecto de creación da Gran Siria (que comprendía ademais Líbano, Iraq e Xordania) fracasou pola derrota sufrida en Palestina en 1958 no transcurso das Guerras Árabe-israelís. A inestabilidade social e as presións da familia haxemita a favor da unión con Iraq provocaron unha serie de golpes de estado (1949-1954). Despois do nomeamento de Hāšim Bey al-Atāsī e do retorno á presidencia de Šukrī al-Quwwaytlī, tivo lugar a unión con Exipto e a formación da República Árabe Unida (1958), proclamada por Nasser como xefe do novo estado. Pero unha revolta militar fixo que Siria se escindise (1961), baixo a presidencia de Nazim al-Dawālibī. O golpe de estado realizado polo Baas en 1963 non trouxo a estabilidade ao país a causa das dúas faccións que dividían o partido, ata a toma do poder pola á progresista presidida por Nūr al-Dīn Atassi (1966). Durante a Guerra dos Seis Días (1967), Israel conquistou os altos do Golán e bombardeou Damasco. En novembro de 1970, despois dun golpe de estado, Ḥ āfiz al-Assad, representante da á moderada do Baas, conseguiu o poder, e en marzo de 1971 foi elixido presidente da república. En 1972 constituíuse a JWW, que agrupaba os cinco principais partidos políticos do estado. A Guerra Árabe-israelí estalou outra vez en 1973, cando as forzas exipcias e sirias atacaron simultaneamente o territorio de Israel. Firmouse un tratado sirio-israelí (1974), polo que o Golán foi dividido en dúas partes. En 1977 Siria rompeu as súas relacións con Exipto a raíz do achegamento deste a Israel, que formalmente anexionou a súa parte do Golán en 1981. O réxime sirio tivo que afrontar unha crecente inestabilidade política, causada especialmente polos enfrontamentos relixiosos entre sunnitas e alauitas e polas accións antigobernamentais dos Irmáns Musulmáns (sunnitas extremistas). A raíz da guerra civil de Líbano, Siria ocupou unha parte del (1976), o que fixo que tivese que enfrontarse en diversas ocasións con milicias cristiás libanesas e con Israel, ademais de empeorar as súas relacións coa OLP. Na guerra entre Irán e Iraq (1980-1988), aínda que Siria se aliñou nun principio con Irán, posteriormente modificou este apoio e tamén a súa política exterior. En 1990 foron restablecidas as relacións sirio-exipcias. O claro aliñamento de Siria coas potencias occidentais durante a Guerra do Golfo Pérsico (1990) reportoulle un considerable crecemento económico, grazas ao aumento nas exportacións de petróleo e unha mellora nas relacións con EE UU. Ambos os dous factores amorteceron considerablemente os efectos da disolución da URSS, principal apoio do réxime de Assad. En 1991 este convocou un referendo que o confirmou no cargo. Ese mesmo ano Siria asinou un tratado de amizade con Líbano que estableceu a cooperación entre ambos os dous estados. Aínda que inicialmente Siria rexeitou os acordos de paz firmados entre a OLP e Israel en setembro de 1993, coa mediación de Exipto, Siria iniciou positivos contactos con Israel. O apoio sirio á guerrilla kurda levou a unha crise con Turquía que se solventou en 1995 cando Siria se comprometeu a deixar de apoiar aos kurdos. En 1999 Ḥ āfiz al-Assad retomou as relacións con Xordania e iniciou o seu quinto mandato presidencial. Pouco antes da súa morte (10.6.2000) reformouse a Constitución para que o seu fillo Bashar al-Assad o sucedese no cargo (a idade mínima para acceder ao cargo era 40 anos e Bashar al-Assad tiña 34). Un referendo ratificou a súa elección o 17 de xullo de 2000. O novo presidente levou a cabo medidas liberalizadoras como a apertura da banca ao sector privado e Siria retomou as relacións con Palestina. Durante a Guerra de Iraq, Siria non se aliou coa coalición liderada por EE UU e opúxose á intervención, o que provocou que EE UU a acusase de apoiar o terrorismo. Por outra banda, as relacións coa UE intensificáronse ao longo de 2004. A retirada das tropas sirias de Líbano comezou en 2000 ao abandonar Beirut, porén a total retirada non se realizou ata o 24 de abril de 2005.