sismo

sismo

(

  1. s m [XEOL]

    Conxunto de ondas de choque xeradas nun punto do interior da Terra, denominado foco ou hipocentro, que se producen como consecuencia dunha liberación de enerxía que resulta da relaxación dun estado de esforzo que se produce por un movemento brusco entre bloques rochosos da codia ou do manto. O punto da superficie da Terra que lle corresponde á vertical do foco ou hipocentro recibe o nome de epicentro. Debido a que as ondas sísmicas non viaxan todas á mesma velocidade, os intervalos de tempo entre a chegada de cada tipo de onda poden ser utilizados para deducir a localización do epicentro, así coma a profundidade do foco. A orixe dos sismos pode ser diversa, algúns poden deberse a fenómenos relacionados coa dinámica superficial da Terra, como os desprendementos por gravidade de masas de rochas; outros poden ir ligados a erupcións volcánicas e polo xeral son de focos pouco profundos e de carácter local, e os máis frecuentes están relacionados coa dinámica global da Terra, e son coñecidos como sismos tectónicos que se distribúen definindo os denominados cinturóns sísmicos, que corresponden a zonas de fractura e movemento entre diferentes placas litosféricas.

  2. sismo submarino [XEOL]

    Movemento intenso que se produce nas augas do mar por un terremoto que afecta ao fondo mariño.