Sistema Central

Sistema Central

Sistema montañoso da Península Ibérica formado por un conxunto de serras que dividen en dúas partes La Meseta. Constituído por aliñacións alongadas de dirección xeral NL-SO, esténdese desde os contrafortes máis occidentais do Sistema Ibérico ata Portugal. De oriente a occidente sucédense as serras de Somosierra, Guadarrama, Gredos, Peña de Francia, Gata e da Estrela. Está formado por rochas do zócolo paleozoico de La Meseta. Na súa composición dominan os materiais máis profundos do zócolo: granito, aureolas metamórficas que o envolven e elementos paleozoicos menos metamorfizados. O relevo actual explícase pola evolución morfolóxica durante o Terciario co desenvolvemento de ciclos erosivos que formaron superficies de erosión, pedimentos e inselbergs aínda conservados. Coas glaciacións do Cuaternario, instaláronse glaciares de circo con pequenas linguas glaciarias que escavaron algúns lagos. O clima é de montaña, con neve durante máis da metade do ano nas partes altas e veráns e invernos máis suaves na cara meridional. Abundan os piñeiros na serra de Guadarrama e na de Gredos, e nas áreas menos alteradas atópanse carballeiras. Está pouco poboado, a excepción de Madrid, onde hai núcleos concentrados en que se desenvolven a agricultura, a gandaría e a explotación forestal.