Sobrado dos Monxes, Santa María de
Mosteiro situado na Porta (Sobrado). Fundado no s X, tivo carácter familiar ata que en 1142 se incorporou á orde do Císter. A súa fundación foi confirmada polo Papa Uxío III en 1147. Nas primeiras décadas do s XIII viviu momentos de óptima riqueza que lle era proporcionada pola produción de viño, trigo e sal, e polos privilexios concedidos por Fernando II e Afonso IX. Cara a finais de s XIII comezou a súa decadencia, que se fixo manifesta no s XIV e da que non se recuperou ata a época dos Reis Católicos. A consolidación das súas edificacións e a construción dalgunhas novas a partir de entón, como a sancristía renacentista (1569-1572) -obra de Juan de Herrera- de planta cadrada e cúpula esférica, convertérono, durante os ss XVII e XVIII, no mosteiro cisterciense máis poderoso de Galicia. En 1673 construíuse, cunha impoñente cúpula, a capela do Rosario que, atribuída a Domingo de Andrade, se converteu nun claro manifesto do Barroco, tanto no que respecta á decoración coma á iluminación. Desa época data a fachada (1676), obra de Pedro de Monteagudo, con dúas torres de tres corpos -a dereita foi reconstruída en 1972- que rematan cunha cúpula no corpo superior. A portada é arquitrabada, e sobre ela colocouse unha fornela coa imaxe da Asunción. Aos lados alzáronse dous pares de columnas xigantes profusamente decoradas que rematan co entaboamento, do que sobresaen as volutas que sosteñen todo o corpo superior, onde destaca un van, o escudo e o remate cun calvario. De 1680, e tamén baixo a autoría de Monteagudo, data a igrexa barroca, con planta de cruz latina de tres naves de cinco tramos e con cúpula que se ergue sobre o cruceiro. No seu interior está o retablo maior, obra de Lorenzana, Xosé Gambino e Xosé Ferreiro (s XVIII). Do conxunto destacan especialmente, ademais do claustro conventual do s XVI, o claustro dos Peregrinos (s XVII) -reconstruído en 1972- cunha escaleira de acceso, coñecida como a maristela, ou o claustro dos Medallóns, de planta rectangular e cuberta abovedada, construído entre 1741 e 1744 sobre outro románico do s XII. Estas dependencias completáronse con outras estancias como a sala capitular -reconstruída en 1965- con nove bóvedas de aresta apoiadas sobre catro piares, a cociña ou o coro, tallado en 1606 por Juan Vila e Gregorio Español para a catedral de Santiago de Compostela e colocado aquí en 1974. O anterior, de 1771, queimouse parcialmente. Tamén destacan as capelas da Madalena e a de San Xoán Bautista, románica, que é a estancia máis antiga que se conserva do mosteiro. A desamortización (1835) trouxo consigo o abandono e destrución parcial do mosteiro e as obras de restauración non se iniciaron ata 1954. En 1966 instaláronse nas súas dependencias unha pequena comunidade cisterciense procedente da abadía de Viaceli (Cóbreces, Cantabria).