sociolingüística
(
Rama da lingüística que estuda as relacións entre lingua, cultura e sociedade. O enfoque sociolingüístico é, en primeiro lugar, situacional. O ámbito de uso dunha forma ou variedade é o conxunto de ocasións en que é usada, e expresa a posición, a extensión e a distribución relativas dentro dos sistemas socioculturais. Ademais de ámbitos lingüísticos, hai ámbitos de comunicación; e a imbricación entre uns e outros é un fenómeno universal. A imbricación sociolingüística implica tanto a complexidade sociocultural interna (distribución) dos ámbitos lingüísticos como a diferenciación lingüística (diversidade ou variación) dos ámbitos de comunicación. A sociolingüística moderna emerxe como paradigma cara ao 1953 e comeza a cristalizar nunha disciplina contra a década de 1970. Aínda que, a partir do precursor Uriel Weinreich, o núcleo inicial máis importante foi estadounidense (J. Fishman, Ch. Ferguson, W. Labov, E. Haugen, J. Gumperz, D. Hymes, S. Ervin-Tripp, S. Lieberson e outros) houbo tamén liñas europeas autónomas (H. Kloss, M. Halliday, B. Bernstein e outros). A historia da sociolingüística en Europa arrinca do inicio mesmo da civilización occidental (s VII), con dous grandes temas recorrentes: a promoción das linguas vernáculas nacionais e a comunicación supranacional e internacional. O pensamento sociolingüístico toma forza durante o Renacemento especialmente en procesos de normalización. Durante a Ilustración o pensamento sociolingüístico desenvólvese dentro do marco das especulacións, indagacións e polémicas filosóficas e filolóxicas por parte de figuras como G. von Leibniz, G. Vico, J. Michaelis, J. Herder, G. Necker e W. von Humboldt. Na segunda metade do s XVIII cristalizou un esquema das relacións e influencias recíprocas entre a lingua e o conxunto sociocultural que acadou a súa plenitude con A. Comte. Durante a Belle Époque (1868?-1918?), a dispersión monográfica (H. Schuchard) prevalece sobre o esforzo de síntese (W. Whitney), óbranse novas liñas de busca empírica -xeografía lingüística- e xorde unha lingüística sociolóxica (A. Meillet). Durante o período seguinte (1918?-1953?), mentres que se prolongan as tendencias anteriores e se desenvolve e se institúe a lingüística estrita moderna, defínense algúns temas sociolingüísticos: o contexto e as funcións, e o bilingüismo e as minorías, ás que cómpre engadir a normalización, que se converteu nunha cuestión práctica en países como China, a antiga URSS ou Turquía.