Somalia
Estado de África Oriental, situado entre Xibutí ao NO, Kenya ao SO, Etiopia ao O e bañado polo Océano Índico polo L e S, e o golfo de Adén polo N (637.657 km2; 10.390.000 h [estim 2001]). A súa capital é Mogadixo.
Xeografía
Xeografía física
O relevo está formado por chairas e mesetas desérticas, sobre a que se eleva ao N, nunha marxe abrupta, unha cadea montañosa que acada no Surud Ad, a 2.408 m, a súa maior altitude. As costas son baixas, areosas e rectilíneas no litoral do Océano Índico e rochosas no golfo de Adén. O clima é moi caloroso e desértico en gran parte do país, con pouca oscilación térmica estacional e diúrna e unha escasa pluviosidade. Os ríos son pouco importantes e teñen un réxime irregular. Os principais, con réxime regular, son o Jubba e o Shabeelle, que forman no seu percorrido os principais vales onde se asenta a poboación. Nas terras baixo-meridionais e nas zonas próximas ao litoral predominan as plantas espiñosas. No altiplano interior e nas montañas aparece de forma progresiva a sabana seca.
Xeografía económica e humana
O 71% da poboación activa é absorbida polo sector primario, principal motor económico. A pesar da pobreza da auga, os ríos Jubba e Shabeelle e as capas freáticas alimentan un regadío tradicional, mentres que os sistemas modernos permiten unha agricultura diversificada con cultivos de cana de azucre, sorgo, millo, bananas, sésamo, arroz, feixón, dátiles e semente de algodón. Destaca o pasto nómade de cabras, ovellas, camelos e gando bovino. O escaso sector mineiro conta con explotacións de ferro e salinas, e o sector industrial, centrado na transformación dos produtos agropecuarios (azucreiras, aceite, destilarías, fábricas de xabón, conservas cárnicas, coiro e calzados), conta cun sector máis moderno composto por refundidoras e laminadoras de metais, fábricas téxtiles e químicas. A rede ferroviaria é escasa e apenas conta con máis de 23.000 km de estradas, pero boa parte do transporte nacional se realíza pola navegación de cabotaxe e en camelos. O aeroporto internacional está en Mogadixo. A balanza comercial é claramente deficitaria, e o nivel de vida é moi baixo. O comercio exterior é fundamentalmente de produtos agrícolas. Somalia é un país escasamente poboado, no que a poboación se concentra na chaira meridional. É maioritariamente rural (63%); onde a única cidade importante é Mogadixo.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O grupo étnico maioritario é o somalí (98,3%), seguido dunha minoría árabe (1,2%) e doutros grupos (0,5%). A lingua oficial é o somalí, pero tamén se fala o árabe, o italiano, o inglés e linguas autóctonas. A relixión maioritaria é a musulmá sunnita (99,9%).
Goberno e política
República independente desde o 1 de xullo de 1960, formouse pola unión da Somalia Británica e Italiana. Despois da Guerra Civil (1991-1995), estableceuse na Conferencia de Xibutí (2000) un presidente interino e un Goberno Transitorio Nacional que se mantivo ata 2003. En outubro de 2004 estableceuse un novo Goberno Transitorio Federal baseado nun parlamento de 275 membros, onde os catro maiores clans elixen 61 membros, e os 31 restantes son elixidos polos clans minoritarios. Non conta cun sistema legal nacional e, algunhas rexións, réxense pola šarī’a islámica. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI), Unión Africana (UA), ONU e está asociado á UE.
Historia
A poboación máis antiga do país, ademais dos restos do Paleolítico, parece que foi bantú. En época imprecisa foron substituídos polos galos e estes (ss XII?-XIII?), polos somalís, procedentes da rexión de Tadjoura (Xibutí) e a antiga Somalia Británica. O pequeno estado musulmán constituído a finais do s XVI arredor do porto de Zeila desenvolveu unha política expansionista, ata que foi vencido polos etíopes (1543), coa axuda dunha misión portuguesa. Fraccionado o país en diversos grupos tribais, os portos do Océano Índico pasaron a mans de Portugal, ata que, no s XVII, foron conquistados polos sultáns de Mascate e Omán. A mediados do s XIX o Imperio Otomán estendeu os seus dominios aos portos do norte, onde se iniciou a colonización británica (1884). Os tratados de delimitación entre Reino Unido, Francia, Italia (1888, 1894, 1897) dividiron o país e formouse a Somalia Italiana e Xibutí. En 1960 acadou a independencia e unificáronse a Somalia Británica e a Italiana. Proclamouse a república que presidiu Abdullah Osman Aden. Mentres, o crecente movemento nacionalista que reivindicaba os territorios veciños que inclúen poboación somalí (o Ogaden etíope, o L de Kenya e o Territorio Francés dos Afares e dos Issa) deu paso a unha forte loita de guerrillas nas zonas fronteirizas. O novo goberno de Ali Shermake (1967) reprimiu a acción guerrilleira. Acusado de alta traizón aos intereses nacionais, foi asasinado (1969) e substituído por unha xunta militar, o Consello Revolucionario Supremo, presidida polo xeral Muhammad Ziyad Barre, que en 1970 proclamou un réxime socialista e de partido único. O estado adoptou unha orientación prosoviética e en 1979 proclamou unha constitución socialista. O conflito armado entre Etiopia e Somalia estoupou en 1977, cando forzas somalís iniciaron unha ofensiva militar en Ogaden. O longo conflito provocou a fuxida en masa en Somalia e o distanciamento dos réxime somalí da influencia soviética. O réxime de Barre controlaba con dificultade un país politicamente fragmentado nunha multitude de faccións que representaban intereses de clans e etnias, algunhas das cales se uniron en 1991 e derrotaron a Barre. Pactouse a formación dun goberno provisional e Ali Mahdi Mohammed, líder do Congreso Somalí Unido (CSU), converteuse en presidente interino; pero os desacordos entre as diversas faccións derivaron nunha loita aberta. En maio, ao N do país o Movemento Nacional Somalí Unido (MNS) proclamou a República de Somalilandia. A escalada de violencia e as secuelas sobre a poboación civil adquiriron tales proporcións que a ONU decretou o embargo do tráfico de armas e enviou forzas de pacificación, que conseguiron facer diminuír a violencia temporalmente, paréntese que foi rota en 1993 pola resistencia de Mohammed Farah Aydid, líder da Alianza Nacional Somalí (ANS). En xaneiro de 1995 iniciouse a retirada das forzas da ONU. En 1998 Puntland proclamouse independente baixo a dirección de Abdullah A. Yussuf. Na Conferencia de Xibutí de 2000 creáronse un presidente interino e un goberno e un parlamento transitorio, pero en 2001 os líderes dos dous estados secesionistas e os señores da guerra locais constituíron o Consello de Restauración e Reconciliación. En 2002 inaugurouse, auspiciada pola organización rexional Autoridade Intergobernamental para o Desenvolvemento (IGAD), a Conferencia de Reconciliación Nacional que presentou ao ano seguinte un proxecto de Carta Nacional que propuña o federalismo. En 2004 creouse un novo parlamento, cunha duración provisional de 5 anos. Pola súa banda, a República de Somalilandia continúa no proceso de ser recoñecida pola comunidade internacional.