sombra

sombra

(< lat v *solumbra < lat sŭb ĭlla ŭmbra)

  1. s f

    Ausencia de luz causada pola interposición dun corpo opaco diante do que dá esa luz.

  2. s f
    1. [FÍS]

      Rexión do espazo que, polo feito de estar situada detrás dun corpo opaco iluminado por unha fonte luminosa, está total ou parcialmente privada da luz. Se a fonte luminosa é puntual, a sombra ten uns límites ben definidos, mentres se é extensa, existirá unha rexión do espazo privada de luz (sombra), e outra parcialmente iluminada (penumbra).

    2. [TECNOL]

      Zona que se sitúa detrás dun corpo que impide total ou parcialmente que as ondas sonoras ou electromagnéticas cheguen a ela.

    1. s f

      Imaxe que se recolle sobre unha pantalla que reproduce en silueta a forma dun corpo opaco situado entre a fonte luminosa e a pantalla.

    2. sombras chinesas [ESPECT]

      Espectáculo baseado nas sombras que, valéndose de figuras articuladas, un operador invisible proxecta nun lenzo branco situado entre el e os espectadores. Apareceu en China, onde se documenta no s XI e espallouse no s XII por Oriente Próximo e Medio. No s XVIII tivo unha gran sona o Théâtre de Séraphin no Palais-Royal de París.

  3. s f
    1. Forma pouco precisa de algo.

    2. [ESOT]

      Aquilo que, segundo os antigos, sobrevive dunha persoa, o seu espectro, o seu recordo vivente.

  4. s f [ARTE]

    Parte dunha pintura, un debuxo ou un gravado que o artista, mediante o emprego de cores escuras, escurece máis ca outras partes a fin de dar efectos de volume.

  5. [ASTRON]
    1. sombra da Lúa

      Rexión de forma cónica á que non chegan os raios do Sol a causa da interposición da Lúa.

    2. sombra da Terra

      Rexión do espazo á que non chegan os raios do Sol a causa da interposición da Terra.

    3. sombras voadoras

      Fenómeno que ten lugar pouco antes ou inmediatamente despois dos eclipses totais de Sol e que consiste na aparición sobre a terra ou sobre calquera superficie uniforme, dunha serie de sombras ondulantes que se desprazan a gran velocidade.

  6. sombra aerodinámica [AERON]

    Zona que está situada detrás dun corpo que se despraza polo aire, onde as turbulencias que se producen polo movemento do corpo, modifican moi sensiblemente o fluxo aerodinámico.

  7. sombra de ollos

    Cosmético que se emprega para maquillar os ollos e darlle cor ás pálpebras.

Frases feitas

  • 2 Estar baixo a protección de alguén.

  • Á sombra de 1 Protexerse do sol debaixo de algo.

  • Á sombra. Estar onde hai sombra.

  • Facer sombra a alguén. Facer que alguén pareza menos importante con respecto a outro.

Refráns

  • A sombra quere ser de agosto e o sol de setembro.
  • Onde non anda a persoa non fai sombra.