Somozas, As
Concello da comarca de Ferrol, situado ao N da Comunidade Autónoma de Galicia, a 43° 31’ de latitude N e 7° 52’ de lonxitude O. Limita ao N con Cerdido e Ortigueira (comarca de Ortegal), ao L e ao S coas Pontes de García Rodríguez (comarca de Eume) e ao O con San Sadurniño e Moeche (comarca de Ferrol). Abrangue unha superficie de 70,9 km 2 cunha poboación de 1.374 h (2007), distribuída nas parroquias das Enchousas, Recemel, Seixas e As Somozas. A súa capital está no lugar da Igrexa, na parroquia das Somozas, que dista 34 km de Ferrol e 124 km de Santiago de Compostela. Pertence á provincia da Coruña, á diocese de Ferrol-Mondoñedo e ao partido xudicial de Ferrol.
Xeografía física
O territorio das Somozas localízase nunha zona de transición entre as serras de Forgoselo e da Faladoira e o val de San Sadurniño. O relevo caracterízase pola sinuosidade do terreo, con elevacións abundantes e continuas; destacan a Pena dos Ladróns (620 m), Vilalbesa (582 m) ou Barreiros (538 m). No sector setentrional as altitudes teñen unhas cotas máis baixas, arredor dos 300-400 m. As temperaturas medias anuais sitúanse arredor dos 11°C, sendo agosto o mes máis cálido con 18°C e febreiro o máis frío con 6°C. A amplitude térmica é de 12°C. As precipitacións amosan a influencia que o mar exerce sobre o territorio con totais anuais próximos aos 2.000 mm e sen que exista aridez en todo o ano. Na rede hidrográfica destacan o río Mera e o río Grande de Xubia. O río Grande de Xubia baña os límites meridionais e o Mera, que desemboca na ría de Ortigueira, sérvelle de límite en todo o seu contorno oriental, aínda que vai recibindo diversos nomes ao longo do seu percorrido.
Xeografía humana
A evolución da poboación das Somozas durante o s XX foi semellante á doutras localidades próximas, caracterizándose por un lento ascenso ata mediados do s XX, cando acadou o seu máximo demográfico en 1940, e un continuo descenso posteriormente, primeiro a un ritmo suave que se acelerou a partir da década de 1970. Isto fixo que a poboación acadada en 2001 fose menos da metade da que se contabilizara en 1900 (3.801 h) ou 1950 (3.801 h). O descenso continua nos primeiros anos do s XXI. A estrutura da poboación mostra un claro avellentamento, o 30,3% dos seus habitantes teñen máis de 65 anos. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-10,4‰) a causa dunha baixa natalidade (2,5‰) e unha elevada mortalidade (16,9‰). Pola súa parte, a poboación nova, os menores de 20 anos representan o 10,3%; o grupo de adultos representa o 59,4%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,21% de mulleres e 49,78% de homes. A pesar de agrupar unicamente a catro parroquias, As Somozas conta con máis de 150 entidades diferenciadas de poboación, das que só cinco son consideradas como asentamentos agrupados; os outros lugares correspóndense con edificios de vivendas diseminadas.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello das Somozas é do 43,1% (57,1% a masculina e 29,6% a feminina%); a taxa de ocupación é do 38,9% (52,8% a masculina e 25,5% a feminina) e a taxa de paro acada o 9,7% (7,5% a masculina e 13,9% a feminina). En canto á estrutura económica por sectores de actividade destaca o primario, aínda que non é o sector que agrupe a máis poboación (22,2%). O sector secundario supón o 44,6 % (17,8% na construción e 26,8% na industria) e o terciario o 33,2%. As producións son case exclusivamente agropecuarias e forestais. A gandaría e as explotacións avícolas son outras importantes fontes de riqueza. A presenza dun importante número de traballadores do sector industrial na comarca de Ferrol que residen nas Somozas, fan que as actividades industriais sexan as segundas máis importantes no que respecta ao volume de poboación ocupada. As principais vías de comunicación son a AC-641 que une San Sadurniño con Rábade e outras locais que comunican o concello con localidades veciñas.
Historia
Segundo a tradición, o nome de Somoza provén dun nobre francés que venceu aos mouros que recadaban o tributo das cen doncelas. Durante o Antigo Réxime as parroquias de Recemel e As Somozas pertencían, respectivamente, ás xurisdicións de Naraío, señorío do conde de Lemos, e Somozas e Meroi, señorío do marqués de San Sadurniño, o conde de Maceda e dous señores laicos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello das Somozas. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela formouse o concello de Santiago Seré das Somozas, formado por unha soa parroquia. En 1845 incorporouse a parroquia de Recemel, que estaba adscrita ao concello de Moeche, e en 1895, xurdiron as parroquias das Enchousas e Seixas, froito da fragmentación da das Somozas.
Patrimonio cultural
Cómpre destacar as dúas ermidas dedicadas a San Roque, unha en Recemel e outra nas Somozas, e a igrexa de Santiago Seré das Somozas, que mantén no testeiro exterior dúas figuras zoomorfas que representan a dous xabarís. No eido do patrimonio natural destacan os espazos Ortigueira-Meira e Xubia-Castro, declarados Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) na proposta da Rede Natura 2000 (2001). Ademais das festas parroquias, destacan as celebradas en honor de Santo Antonio en xuño e San Roque do Camiño en xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 70 Km2 |
| Poboación Total | 1374 h |
| Poboación Homes | 684 h |
| Poboación Mulleres | 690 h |
| Densidade de poboación | 19.63 h/Km2 |
Parroquias
| Enchousas, As |
| Recemel |
| Seixas |
| Somozas, As |