soneto
(< ital sonetto)
Forma estrófica integrada por catorce versos distribuídos en dous cuartetos iniciais e dous tercetos finais. O soneto clásico, petrarquista, caracterízase polo emprego do verso decasílabo italiano, a combinación de dúas rimas consonantes nos cuartetos (predominantemente A B B A) e a de dúas ou tres, tamén consonantes, nos tercetos. O primeiro cuarteto adoita conter unha exposición enunciativa, que o segundo matiza ou completa, mentres que o primeiro terceto recolle, ordena e interpreta as liñas provenientes dos cuartetos, e o segundo expresa sinteticamente os resultados. O termo provén da poesía occitana, pero a forma é creación siciliana culta do s XIII. Petrarca conferiulle a súa máxima perfección e o seu modelo impúxose en toda Europa, durante o s XV e, sobre todo, no s XVI.