Soutomaior
Concello da comarca de Vigo, situado na provincia de Pontevedra ao SO da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 15’ de latitude N e 08° 34’ de latitude O. Limita ao N cos concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra), ao L con Fornelos de Montes (comarca de Vigo), ao S con Pazos de Borbén e Redondela (comarca de Vigo), e finalmente ao O coa enseada de San Simón, no fondo da ría de Vigo. Abrangue unha superficie de 25 km 2 cunha poboación de 6.305 h (2007), distribuída nas parroquias de Arcade e Soutomaior. A súa capital está no lugar do Rial, na parroquia de Soutomaior, situada a 11 km de Pontevedra e a 75 km de Santiago de Compostela. Pertence á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Redondela.
Xeografía física
O territorio divídese en dous sectores. Un primeiro, de formas suaves e chairas, pouca altitude e abundante vexetación, que se corresponde co espazo litoral e o val do río Verdugo, e un segundo, máis abrupto, con elevacións significativas, solos máis débiles e paisaxes graníticas cortadas polo río Verdugo en dúas zonas. É un espazo de transición entre a zona marítima de Redondela e a montañosa de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén. Debido a iso, a altitude vaise incrementando a medida que se afasta da costa e se penetra no interior; acádanse as cotas máis altas en Galla de Monzón, no Redondiñas ou no Penedo das Campás. Ten un clima oceánico húmido, cunha temperatura media anual de 14°C, cunha media do mes máis frío, xaneiro, de 10°C, e de 21°C a do máis cálido, xullo, o que reflicte unha amplitude térmica de 11°C. As precipitacións acadan de media ao ano os 1.500 mm, concentradas en outono e inverno. O principal curso fluvial é o río Verdugo que ao igual que o Oitavén nace na serra do Suído e discorre polo concello de L a O ata desembocar na ría de Vigo.
Xeografía humana
Soutomaior mantén desde 1900 un crecemento continuo da poboación que acadou o seu máximo demográfico en 1970, cando se rexistraron 5.775 h. No censo posterior de 1981 o total de poboación amosou un certo estancamento demográfico, 5.434 h, que se converteu en claro descenso en 1991, con 4.907 h censados. Na última década do s XX, a tendencia volveu cambiar e acadáronse os 5.045 h en 2001 e 6.305 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi positivo (4,7‰) froito dunha alta natalidade (12,8‰) e unha mortalidade moderadamenta alta (8,1‰). Na estrutura da poboación por idades, o avellentamento non aparece tan marcado como noutros concellos de Galicia. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos é do 17,3% e a de menores de 20 anos do 18,6%. Por sexos, nótase a maior lonxevidade das mulleres: 51,11% fronte ao 48,88% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Soutomaior é do 50,6% (63,9% a masculina e 38,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,4% (55,65 a masculina e 26,6% a feminina), e a taxa do paro é do 20,1% (12,9% a masculina e 31% a feminina). A importancia do sector primario, que ocupa ao 6,4% da poboación, radica nas actividades pesqueiras, sobre todo o marisqueo (ostras), que acollen ao 5,2% do total dos traballadores activos. O sector secundario ocupa ao 37,5% do total, cun maior peso do subsector industrial (25,5%), formado por traballadores que se desprazaban diariamente ao cinturón industrial vigués, que o da construción (12%). No sector servizos agrúpanse máis da metade dos ocupados (56,1%) e nel destaca o subsector do comercio. A estrada principal que atravesa o concello é a N-550, e tamén destacan a estrada entre Soutomaior e Ponte Caldelas e outras de menor categoría que conectan a N-550 con Amoedo e Cesantes, ademais do ferrocarril Vigo-Ourense.
Historia
Aínda que foron poboadas desde a Antigüidade, non foi ata a época medieval cando as terras deste concello acadaron verdadeiro renome, arredor da figura de Pedro Madruga e do seu castelo, o castelo de Soutomaior. Testemuña das Guerras Irmandiñas, este territorio resistiu o asedio dos franceses durante a Guerra da Independencia. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que formaban parte do concello de Soutomaior pertencían á xurisdición de Soutomaior, señorío do duque de Soutomaior agás a de Arcade, que era un couto redondo e que pertencía ao arcebispo de Santiago. Todas estaban integradas na provincia de Tui. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Arcade e Soutomaior, que pasaron a formar parte da provincia única de Galicia. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. Os territorios que conforman o concello de Soutomaior pasaron a depender da provincia de Vigo ata 1833, cando pasaron a Pontevedra. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Soutomaior. Entre 1847 e 1854 a súa capitalidade trasladouse a Fornelos de Montes, que a partir de 1870 se segregou e se constituíu como un concello propio.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan o gravado rupestre da Pedra dos Riscos (BIC, 1974), a ponte Sampaio, a igrexa parroquial de Santiago de Arcade e o castelo de Soutomaior (BIC, 1995). O patrimonio natural está representado polo espazo natural da enseada de San Simón, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celebra a festa da ostra en Arcade e as romarías da Virxe da Peneda e a de San Caetano, no mes de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Vigo |
| Extensión | 24 Km2 |
| Poboación Total | 6305 h |
| Poboación Homes | 3082 h |
| Poboación Mulleres | 3223 h |
| Densidade de poboación | 262.71 h/Km2 |
Parroquias
| Arcade |
| Soutomaior |