submarino -na

submarino -na

(< sub- + marino)

    1. adx

      Que está, crece ou actúa baixo a superficie do mar.

    2. relevo submarino [XEOG]

      Conxunto de relevos do fondo mariño. Distínguense tres zonas: o precontinente, do que destacan a plataforma continental, o talude continental e o glacis; os fondos medios, ocupados por concas submarinas en forma de cubeta, separadas entre elas por bordos ou limiares, e polas dorsais ou cadeas montañosas, cuxos cumios ás veces forman illas (chemineas e guyots); e as grandes profundidades, que corresponden ás fosas abisais ou mariñas. Do estudo do fondo mariño ocúpase a oceanografía.

  1. [MAR/BÉL]
    1. submarino de peto

      Submarino especialmente proxectado e construído para realizar operacións militares especiais ou para a inspección técnica de cascos de embarcacións ou diques, ou para exploracións científicas. Caracterízanse polas súas pequenas dimensións, por ter pouco desprazamento e unha autonomía reducida. Os empregados para finalidades civís adoitan ser de unha ou dúas prazas, e os de operacións militares adoitan ter unha dotación de dous ou seis homes. O seu armamento é de un ou dous torpedos, cunha carga explosiva considerable, e eles mesmos poden converterse en armas ao lanzarse contra o inimigo.

    2. s m

      Embarcación de guerra especialmente concibida e construída para poder mergullarse, navegar e combater baixo a auga. Cando o submarino navega pola superficie ten unha flotabilidade positiva, e a inmersión efectúase ao anulala, aumentando o peso da nave ao encher de auga uns tanques provistos de válvulas de inundación na parte inferior e de ventilación na parte superior, que teñen a función de permitir a entrada e saída de auga de mar ou de aire comprimido, respectivamente. O submarino non queda perfectamente equilibrado cando se mergulla e iso fai necesaria a utilización de temóns de profundidade. A propulsión obtense, en superficie ou cando navega mergullado a pouca profundidade (cando se pon en funcionamento o snorkel), mediante os motores diésel de que está provisto, que accionan, á vez, un xerador que carga unha batería de acumuladores, cuxa enerxía eléctrica alimenta os motores que moven as hélices cando navega mergullado. Nesta situación pódese observar desde o interior a superficie do mar mediante o periscopio, para o que cómpre levar a nave ata a denominada cota periscópica, xeralmente entre 15 e 20 m de profundidade, de maneira que o extremo libre do periscopio poida saír da superficie da auga. O armamento dos submarinos adoita consistir en diversos tubos lanzatorpedos, na proa e na popa, e algúns canóns na cuberta. Desde 1959, algúns submarinos van provistos de lanzamísiles. Cando a profundidade á que navega o submarino fai imposible a navegación mediante o snorkel, o osíxeno necesario é fornecido por uns tanques de osíxeno comprimido ou por procedementos químicos. A profundidade máxima que pode acadar un submarino convencional, en condicións de seguridade, é duns 300 m, mentres que os submarinos atómicos poden acadar profundidades de ata 1.000 m.

Palabras veciñas

subluxación | submarinismo | submarinista | submarino -na | submatidez | submaxilar | submediterráneo -a