suburbio
(< lat suburbĭu)
Barrio ou arrabaldo próximo a unha cidade que normalmente acaba por formar parte dela estrutural e funcionalmente. O termo acadou unha concepción pexorativa debido ás malas condicións materiais e sociais existentes neles. Co sentido de barrio periférico con vivendas unifamiliares de calidade, desenvolveuse primeiro nas cidades anglosaxoas a partir da Segunda Guerra Mundial, en determinados sectores das cidades europeas a partir da década de 1960 e en España a finais da década de 1970. En Galicia non foi ata comezos da década de 1980 ou incluso ata o inicio da década de 1990 cando se xeneralizaron estes barrios. A súa característica máis notable é a uniformidade do deseño da vivenda, da parcela e da rúa, cun tamaño e estilo similares. Nos suburbios actuais é posible diferenciar catro tipo de comunidades. Os suburbios das clases altas localízanse en áreas privilexiadas desde un punto de vista estético, illadas das cidades en parcelas extensas e privadas e cun alto control sobre as persoas que desexan instalarse nestes sectores. En España, este tipo de suburbanización só se aprecia nas grandes cidades. As áreas de familias de clase media localízanse próximas ás áreas das clases acomodadas. En España proliferan as urbanizacións de chalés acaroados, moi pouco difundidos noutros países. As áreas de familias con rendas baixas xurdiron en espazos máis ou menos afastados da cidade. Os suburbios cosmopolitas están constituídos por comunidades de profesionais, intelectuais, estudantes e artistas. O desenvolvemento deste tipo de suburbio debeuse á instalación de moitas universidades nas aforas das cidades. En Galicia a aparición dos suburbios produciuse a principios da década de 1980 nas áreas próximas ás cidades da Coruña e Vigo, xeralmente non no seu propio concello, senón nos limítrofes, aproveitando a súa maior permisividade urbanística. En Santiago de Compostela e Ourense atrasouse a súa aparición ata mediados ou finais desa mesma década, sendo aínda máis tardíos en Pontevedra, Lugo e Ferrol. Este fenómeno presenta variadas tipoloxías en Galicia, como áreas de vivendas unifamiliares de luxo, que se poden observar en determinados espazos dos concellos de Oleiros, Sada, Nigrán, Gondomar, Ames ou Teo; barrios satélite próximos ás grandes cidades, con construcións en bloques de pisos ocupados por clases medias-baixas, como no Burgo e Haciadama (Culleredo), O Temple (Cambre), Bertamiráns e O Milladoiro (Ames) ou Sigüeiro (Oroso); e innumerables sectores de urbanizacións de chalés acaroados que xurdiron nas proximidades das sete grandes cidades galegas.