Suecia

Suecia
Nome científico: [nome oficial: Reino de Suecia; sueco: Konungariket Sverige]

Estado do N de Europa, que se corresponde co sector oriental da Península Escandinava. Limita ao O e ao NO con Noruega, ao NL con Finlandia, ao L co golfo de Botnia e o Mar Báltico e ao SO co estreito de Kattegat (449.964 km2; 9.011.392 h [2004]). A súa capital é Estocolmo.
Xeografía física

Relevo
Suecia é o estado de maior extensión de Escandinavia. O litoral sueco, cunha lonxitude de 7.624 km, presenta multitude de pequenas illas e illotes próximos á costa que forman unha barreira de terras insulares. No cordón insular do litoral Báltico destacan a illa de Gotland e a de Öland. Morfoloxicamente forma parte do escudo fenoscandinavo, constituído por materiais arcaicos, principalmente gneis e granitos. Distínguense catro rexións. Norrland é un conxunto de altiplanos e chairas que baixan progresivamente cara ao golfo de Botnia; abrangue máis da metade do territorio sueco e trátase da Suecia montañosa, desértica e fría, cunha escasa franxa costeira. A zona setentrional de Norrland, a menos habitada, acolle no seu interior a parte sueca de Laponia, practicamente deserta e sede das minas máis importantes do país. No punto onde se unen Suecia, Noruega e Finlandia, álzase o monte Kebnekais (2.117 m), o pico máis alto de Escandinavia setentrional, e ao S deste, o macizo de Sarek (2.090 m). Svealand, no centro, é a rexión dos grandes lagos que ocupan antigas fosas tectónicas, formados por unha serie de chairas cubertas de depósitos arxilosos. Conforma a parte máis vital e máis urbanizada do país. Ao S do lago Vättern, separando a depresión lacustre do S de Suecia, esténdese a meseta pouco elevada de Smaland, cuberta de arbustos e abetos, que constitúe unha das rexións máis áridas do país. Por último, as chairas de Escania conforman unha rica zona agrícola no extremo S.
Climatoloxía
Situada ao N dos 55° de latitude N e separada da influencia atlántica polas montañas escandinavas, o clima de Suecia é extremadamente frío e rigoroso, con poucas chuvias e marcadas diferenzas entre o N e o S. Ao N, a neve cobre a rexión desde mediados de outubro ata mediados de maio. Na costa, as chuvias son un pouco máis elevadas e as temperaturas algo máis baixas. No centro o clima é continental con veráns máis cálidos. Ao S, onde chegan as influencias oceánicas, o clima é menos rigoroso e máis chuvioso. Durante oito meses ao ano a neve cobre as terras máis altas e o golfo de Botnia permanece xeado varios meses ao ano.
Hidrografía e vexetación
A rede hidrográfica é moi densa e está composta por ríos, xeralmente curtos, caudalosos e con rápidos, que na súa maioría forman parte dunha cadea de lagos. En Norrland, os ríos ocupan vales paralelos e inclinados cara ao Báltico, onde as aguas desembocan abrindo profundos esteiros. Todos eles presentan os seus máximos caudais a principios de verán debido á fusión das neves. Na depresión central, a maioría dos ríos son emisarios dos grandes lagos. No sector meridional, as augas discorren en todas as direccións cara aos golfos próximos. Os lagos son moi importantes ao estar unidos por un sistema de canais navegables que comunican a costa occidental co Báltico. A vexetación das terras meridionais ten carácter centroeuropeo, con carballeiras húmidas e faiais. A maior parte do país corresponde ao dominio do bosque boreal de coníferas (Picea e piñeiro rubio). Nas montañas predomina a tundra ártica.
Solos e medio
Tan só algo máis do 6% do solo sueco está cultivado e a maior parte sitúase no S do país. Na costa meridional destacan os fértiles solos arxilosos de orixe mariña, mentres que nas chairas de Escania predominan as calcarias sedimentarias e os xistos. No resto do país predominan os podzolis ou as áreas de rocha núa. Un dos principais problemas ecolóxicos de Suecia é a chuvia ácida e as grandes cantidades de nitróxeno que se concentran no solo, o que produce un exceso de nutrintes, a denominada eutrofización. Suecia forma parte dos acordos internacionais relativos á contaminación do aire, á biodiversidade, ao cambio climático, á desertización, ás especies en perigo de extinción, aos residuos perigosos, aos vertidos mariños, ás probas nucleares, á contaminación naval, aos bosques tropicais e aos humedais.
Xeografía económica
País pobre ata mediados do s XIX, Suecia goza dun dos niveis de vida e renda per cápita máis altos de Europa. Foi un país agrícola ata a década de 1850, momento en que comezou o gran pulo industrial que converteu a Suecia nunha potencia durante o s XX. A agricultura foi, ata finais do s XIX, unha actividade preponderante que nos últimos anos pasou a ocupar un papel secundario. A pobreza dos solos e o rigor do clima reducen as terras cultivadas, relegadas basicamente a Escania e á rexión dos grandes lagos. Os cultivos máis importantes son os cereais e as forraxes (cebada, avea, trigo e centeo). Cultívase tamén remolacha e patacas. A gandaría está estreitamente unida á agricultura; o gando bovino é o máis importante, seguido do porcino e do ovino. A pesca destaca nas costas do SO e as principais capturas son o arenque e o bacallau. Outra gran riqueza son os bosques, que cobren o 69% do territorio. Suecia é un dos primeiros países industrializados do mundo grazas á presenza de materias primas abundantes das que sobresae o ferro de gran calidade, abundante en Laponia e en Bergslagen. Outras reservas minerais importantes son o uranio, o cobre, o chumbo e o cinc. A industria caracterízase pola súa calidade e a súa concentración. A metalurxia é a rama máis importante, pero outros sectores destacados son a maquinaria e o equipamento de transporte, o subsector automobilístico e o de fabricación de camións, o papeleiro, o alimentario, o dos derivados da madeira, o téxtil e o da pel. O país utilizou as rendas das súas exportacións de materias primas para poñer en marcha a súa propia revolución industrial, iniciando a finais do s XIX unha época de expansión da industria madeireira e do papel. Favorecida pola neutralidade nos grandes enfrontamentos do s XX, a industria siderúrxica avanzou grandes pasos ata acadar unha importante especialización na obtención de aceiros especiais. Nas últimas décadas do s XX, experimentou unha gran reconversión industrial, xa que deron paso os sectores máis tradicionais ás industrias baseadas no avance tecnolóxico. Case o 50% da produción industrial se destina á exportación, base da prosperidade sueca, que permitiu aos cidadáns gozar dun dos niveis de vida máis altos do mundo.
Xeografía humana
A mediados do s XVIII calculábase a poboación sueca en 1,8 millóns de habitantes e, desde entón, non deixou de medrar malia a forte corrente emigratoria cara a América entre 1865 e 1914. A partir da década de 1930 a situación cambiou, a emigración desapareceu practicamente, a natalidade baixou e a mortalidade mantívose, o que fixo que o crecemento natural desde entón fose moi feble. O crecemento demográfico ao longo do s XX foi moderado, en consonancia co aumento do nivel de vida e da industrialización do país. No período 1995-2000 o crecemento anual foi do 0,1%. En 1999 a natalidade foi do 10‰, a mortalidade do 10,7‰ e a mortalidade infantil do 3,4%. Suecia é un país avellentado, os maiores de 65 anos superan nun 18% aos menores de 15 anos. A poboación está desigualmente repartida, concéntrase principalmente no sector meridional, no centro e nas costas. A densidade de poboación é moi baixa en Laponia, mentres que a maioría dos habitantes de Norrland se concentran no litoral báltico. Nas rexións do centro e do S do país vive máis dunha cuarta parte da poboación sueca. A gran maioría da poboación é urbana (83,3%). As principais cidades son Estocolmo, Göteborg, Malmö, Uppsala e Linköping.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A maior parte da poboación é sueca (89,3%) pero tamén hai finlandeses (2,3%), procedentes da ex-Iugoslavia (0,8%), iranianos (0,6%) e doutras nacionalidades (7%). A lingua oficial é o sueco. O luteranismo é a relixión estatal (86,5%). Os suecos están adscritos á igrexa ao nacer pero non están obrigados a unha participación activa e poden renunciar a ela. O resto da poboación (13,5%) profesa outras relixións como o catolicismo ou o xudaísmo.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Suecia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 2º posto cun índice do 0,946). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 78 anos para os homes e de 82 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99% e o índice bruto de escolaridade é do 114% da poboación. O PNB por habitante é de 26.050 $ EE UU.
Goberno e política
Monarquía constitucional, segundo a Constitución do 1 de xaneiro de 1975 a monarquía é hereditaria. O poder executivo exérceno o monarca, que é o xefe de estado, e o primeiro ministro co seu gabinete. O poder lexislativo reside no Riksdag, parlamento unicameral formado por 349 membros elixidos para un período de 4 anos por sufraxio universal entre os cidadáns maiores de 20 anos. A lei electoral é de tipo proporcional e prevé o acceso ao Riksdag dos partidos que obteñen polo menos o 4% dos votos. O sistema xudicial baséase nas leis civís influenciadas polo dereito consuetudinario. Acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son o Arbetarepartiet-Socialdemokraterna (S), Moderata Samlingspartiet (M), Folkpartiet Liberalerna (FpL), Kristdemokraterna (KD), Vänsterpartiet (Vp), Centerpartiet (C) e Miljöpartiet de Gröna (MP). Organismos internacionais: Consello de Europa, ERBD, OCDE, OSCE e UE.
Historia

Da prehistoria á unión escadinava
Poboada probablemente cara ao final do último período glacial, coñeceu unha sucesión de culturas paleolíticas, mesolíticas e neolíticas semellantes ás do resto da área escandinava. Nos primeiros séculos da era cristiá, entre os pobos xermánicos que a habitaban, sobresaíron o dos svear e o dos gothar ou godos. Nos ss VI e VIII os svear unificáronse e constituíron un reino (svearike ou sverige), que impuxo a súa soberanía aos godos e aos outros pobos. Dentro do incipiente estado sueco, as atribucións do monarca eran reducidas e as provincias, dotadas de asembleas (tings), gozaban de ampla autonomía. A capital política e relixiosa era Uppsala. Nos ss IX-XI numerosos suecos tomaron parte nas expedicións normandas cara a Europa Occidental, especialmente nas que chegaron ao Mar Negro e Constantinopla, o que puxo en contacto o mundo báltico co Imperio Bizantino e o Islam. Case simultaneamente tivo lugar a cristianización do país, que, iniciada por santo Anscario no s IX, non se completou ata o inicio do s XII. As pugnas pola coroa intensificáronse no s XII e na primeira metade do XIII e permitíronlle á Igrexa ocupar un papel importante na vida política. As loitas polo trono entre as liñaxes dos Stenkil e dos Sverker non foron ningún obstáculo para a expansión territorial do reino sueco nin para o seu desenvolvemento económico, ao que contribuíron os mercadores da Hansa e os mineiros alemáns chamados por Canuto I (1173-1196). En 1250, Birger Jarl proclamouse rexente: estableceu a capital en Estocolmo, ocupou o SL de Finlandia, unificou a lexislación, protexeu o comercio hanseático e vinculou a coroa á súa familia, os Folkungs. Magnus I Ladulas (1275-1290) marxinou os tings e regulou as relacións coa Igrexa. Logo dunha breve unión de Suecia e Noruega en tempos de Magnus II, o seu sucesor, Haakon II, puxo os fundamentos da unificación escandinava cinguindo conxuntamente as coroas sueca e norueguesa e casando con Margarida, filla e herdeira do rei danés Valdemar V Atterdag.
Da unión con Noruega e Dinamarca á hexemonía sueca no Báltico
O proceso culminou en 1397 en Kalmar cando Margarida I a Grande conseguiu que os representantes de Suecia, Noruega e Dinamarca proclamasen solemnemente a unión persoal e perpetua dos tres reinos baixo a soberanía do seu sobriño Eric XIII, que asumiu o poder efectivo en 1412. O novo monarca descontentou os suecos ao impor novos tributos, confiar o goberno do país a administradores daneses e adoptar unha política antihanseática. Os mineiros de Dalecarlia, comandados por Engelbrekt Engelbrektsson, encabezaron a revolta (1434), e unha asemblea do clero, a nobreza, a burguesía e o campesiñado -orixe do Riksdag ou parlamento- proclamou rexente a Engelbrekt. Durante o resto do s XV e os primeiros decenios do s XVI repetíronse as tentativas de apartarse da unión, pero o feito decisivo protagonizouno Cristián II o Malvado, quen, ao ordenar o “baño de sangue de Estocolmo” (novembro de 1520), provocou indirectamente a rebelión que expulsou os daneses, deulle a coroa sueca a Gustavo I Vasa e puxo fin á unión escandinava (1523). Gustavo I (1523-1560), considerado o fundador da Suecia moderna, reorganizou o estado, favoreceu a difusión da Reforma luterana e sinalou algunhas das directrices da política que no século seguinte lle deron a Suecia a hexemonía no Mar Báltico. Durante a segunda metade do XVI a política sueca caracterizouse polo enfrontamento con Rusia e a alianza con Polonia, crebada posteriormente. Gustavo II Adolfo (1611-1632), dotou o país dos instrumentos para facer fronte ao expansionismo ruso e para resolver ao seu favor a rivalidade con Polonia polo dominio do Báltico e conseguiu ampliar os dominios suecos no Báltico meridional. Posteriormente mantívose a presenza sueca en Alemaña e sostívose unha guerra vitoriosa con Dinamarca: polas paces de Brömsebro (1645) e Westfalia (1648) Suecia obtivo numerosos territorios meridionais. Carlos Gustavo do Palatinado-Zweibrücken (Carlos X, 1654-1660) tentou completar as posesións suecas en detrimento de Polonia e Dinamarca, o que provocou un conflito en que interviron tamén Rusia, Brandeburgo, Austria e Holanda (Primeira Guerra Nórdica); Suecia adquiriu novos territorios e foille recoñecida a condición de gran potencia. Axiña comezou o devalar. Entre 1675 e 1679 Suecia foi derrotada por Brandeburgo, Dinamarca e Holanda. A instauración do absolutismo a partir de 1680 veu da man de Carlos XI (1660-1697). O reinado do seu sucesor, Carlos XII (1697-1718), sinalou o fin da hexemonía sueca no Báltico en beneficio de Rusia: a partir da Desfeita de Poltrava (1709) cambiou o signo da Segunda Guerra Nórdica e Suecia tivo que ceder numerosos territorios.
Do absolutismo do s XVIII aos cambios do s XIX
A constitución de 1719 deu o poder á aristocracia que, dividida en dúas fraccións (a dos “sombreiros”, a favor dos franceses, e a das “gorras”, primeiro partidarios de Inglaterra e despois ao servizo de Rusia), levou unha política exterior desacertada que motivou a perda do SL de Finlandia; mentres, a economía conseguiu un notable desenvolvemento, ao que contribuíron algunhas disposicións do goberno como aranceis proteccionistas ou privilexios a determinadas manufacturas e ao comercio colonial. Gustavo III (1771-1792) restableceu o absolutismo, puxo fin á intervención estranxeira nos asuntos internos e reduciu considerablemente os privilexios da nobreza. Gustavo IV Adolfo (1792-1809) fixo intervir innecesariamente a Suecia na loita contra Napoleón, con resultados negativos, e foi obrigado a abdicar. O seu tío Carlos XIII (1809-1818) foi proclamado rei e foi promulgada unha nova constitución, vixente ata 1975. De 1810 a 1818, como herdeiro da coroa, gobernou o país o mariscal Bernadotte (futuro Carlos XIV), quen obtivo Noruega. O s XIX foi unha etapa de crecemento demográfico, de transformacións agrarias (expansión da gandaría e crise da agricultura, no último terzo do s XIX) e de industrialización. O conseguinte cambio nas estruturas sociais levou ao das institucións políticas: en 1866 o Riksdag foi substituído por un parlamento bicameral, primeiro elixido por sufraxio censatario, e a partir de 1909 por sufraxio universal masculino (as mulleres obtiveron o dereito a voto en 1918). Por outra banda, as tentativas de Suecia de facer valer os seus intereses sobre os de Noruega levaron á separación de ambos os dous países en 1905.
Os ss XX e XXI
Baixo Gustavo V (1907-1950) Suecia non interveu en ningunha das guerras mundiais. Gobernada desde a década de 1930 ata 1976 polo Arbetarepartiet-Socialdemokraterna, xeralmente en coalición, Suecia conseguiu un alto nivel económico e social. En 1973, coa morte de Gustavo VI, foi coroado o Rei Carlos XVI Gustavo. En 1979 unhas eleccións volvéronlle dar o poder a unha coalición de centrodereita encabezada por T. Fälldin. Aboliuse a lei sálica en 1979 e ao ano seguinte a princesa Vitoria, nacida en 1977, foi nomeada herdeira ao trono, en detrimento do seu irmán Carlos Filipe, segundo fillo do monarca que desde o seu nacemento (1979) era o seu herdeiro. Logo das eleccións de 1982 e en 1985 formáronse gobernos de coalición entre socialdemócratas e comunistas encabezados por Olof Palme, antigo primeiro ministro entre 1969 e 1976. A raíz do seu asasinato (1986), Ingvar Carlsson asumiu o cargo de xefe de goberno, reelixido en 1988. Despois de diversos conflitos sociais, a tendencia ao conservadorismo puxo o goberno en 1991 en mans de Karl Bildt. Nas eleccións de 1994 I. Carlsson volveu ao poder e deixouno en mans de Göran Persson en 1996, reelixido en 2002. Por outra banda, o 1 de xaneiro de 1995 Suecia entrou a formar parte da Unión Europea. O 14 de setembro de 2003 realizouse un referendo sobre a adopción do euro que foi rexeitada polo 56,1% da poboación.