Surafricana, República
Estado do extremo meridional de África, que limita ao NO con Namibia, ao N con Botswana e Zimbabwe e ao L con Moçambique e Swazilandia, ao L e ao S co Océano Índico e ao O co Océano Atlántico (1.219.090 km2; 49.320.000 h [estim 2010]). Inclúe dentro do seu territorio o estado independente de Lesotho. A capital administrativa é Pretoria, residencia do goberno, e a capital lexislativa é Cidade do Cabo.
Xeografía física
O relevo, basicamente terciario, da República Surafricana está constituído por unha zona central deprimida, rodeada por unha cadea montañosa. A parte central correspóndese co deserto de Kalahari, mentres que as terras altas que o circundan, con altitudes que varían entre os 1.500 e 3.000 m, son os macizos de Swartberg, ao L e ao S da rexión do Cabo, e a cadea montañosa de Drakensberg, entre as provincias de Estado Libre e KwaZulu/Natal, onde se sitúa a máxima altura do país, a 3.650 m. Climaticamente, diferéncianse dous réximes pluviométricos: un de chuvias estivais, que afecta á maior parte do país, e outro de chuvias de inverno, propio da rexión do Cabo. O litoral ten un clima temperado, con temperaturas que varían entre os 13°C e os 22°C. Cara ao interior o clima é continental, con moita variación térmica, mentres que no NO é desértico debido á súa proximidade ao deserto de Kalahari. Os ríos principais son o Orange e o Limpopo. No Índico desembocan moitos outros ríos, moi curtos, pero de caudal abundante. O extremo meridional presenta unha vexetación de aspecto mediterráneo integrada por unha flora extremadamente rica e orixinal. Nas terras interiores a paisaxe adoita ser árida. Cara ao N esténdense sabanas secas e espiñeiros. O macizo de Drakensberg ten unha rica vexetación montañosa.
Xeografía económica
A agricultura e a gandaría perderon peso, pero aínda supoñen unha boa porcentaxe das exportacións e garanten a autosuficiencia do país. O principal cultivo é o millo, seguido das froiteiras, vide, cítricos, trigo, cana de azucre e tabaco. A gandaría bovina, ovina e caprina están moi desenvoltas. A superficie forestal explótase comercialmente como combustible e cortiza de madeira. A pesca desenvólvese grazas a unha grande abundancia de peixe provocada polo encontro de correntes oceánicas frías e cálidas ao O do cabo de Boa Esperanza. Os grandes recursos do país proveñen da riqueza mineira, onde destacan a extracción de ouro, seguida pola de diamantes (minas en Estado Libre); a produción de carbón de hulla nas concas carboníferas ao L de Johannesburgo e ao NO de Natal; e a de cobre, platino, cromo, manganeso, amianto, ferro, estaño, níquel, chumbo, antimonio, uranio e pedra de construción. A excepción do petróleo, o país ten recursos enerxéticos básicos para a industria, con grandes reservas de gas natural e electricidade xerada a través do carbón e centrais nucleares. Desde o punto de vista industrial distínguense catro rexións: Transvaal, con industria pesada (altos fornos e siderurxia); O Cabo, con industrias alimentarias; Durban, con Pinetown, que conta con estaleiros navais, refinarías de petróleo, industrias alimentarias diversas, téxtiles e de pasta de papel; e Port Elizabeth, con fábricas de montaxe de automóbiles, industria alimentaria e téxtil. Polo valor da produción, o principal sector é o químico, que potenciou os intercambios comerciais non só cos países veciños, que dependen por completo da República Surafricana, senón tamén con Xapón, Alemaña, Reino Unido, EE UU, Italia e Francia, que son os subministradores na República Surafricana de material de equipo e bens de consumo. A rede ferroviaria enlaza as principais cidades, está unida coa de Zimbabwe e prolóngase por Namibia. A rede de estradas é extensa. Os aeroportos principais son os de Johannesburgo, Pretoria, Durban, East London e Cidade do Cabo. Os portos navais máis importantes son Richards Bay, Cidade do Cabo e Durban. O comercio internacional céntrase na importación de maquinaria, produtos químicos, vehículos e produtos alimentarios; os principais provedores son Alemaña, EE UU e Reino Unido. A exportación é fundamentalmente de ouro, diamantes, produtos metálicos e alimentarios, e os principais clientes son Italia, Alemaña e Xapón. A balanza comercial é, grazas ao ouro, positiva. Forma unha unión alfandegueira con Botswana, Lesotho, Namibia e Swazilandia.
Xeografía humana
Durante o s XX, a poboación da República Surafricana medrou rapidamente, pois pasou de ter 5 millóns de habitantes en 1900 a máis de 43 millóns en 2001. Na costa oriental do país e nas rexións mineiras do interior danse as densidades de poboación máis elevadas. Trátase dun país moi extenso e variado, cunha complexa historia e fortes condicionantes raciais, que fixeron que a poboación se distribuíse de maneira irregular entre os grandes núcleos urbanos das principais cidades como Cidade do Cabo, Johannesburgo, Durban ou Pretoria, e os diseminados homelands, en que a política do apartheid confinou á poboación negra.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maoría da poboación é bantú (77,7%), seguida de brancos (10,4%), coloureds (8,7%) e asiáticos (2,5%). As linguas oficiais son o afrikaans, o inglés, o zulú, o xosa, o sotho, o tswana, o tsonga, o swati, o vendo, o sepedi e o ndebele. A relixión maioritaria é a cristiá repartida entre protestantes (31,2%), católicos (7,2%), anglicanos (3,6%), ortodoxos (0,1%) e outros cristiáns (25,9%); tamén hai hindús (1,2%), musulmáns (1%), xudeus (0,2%), seguidores doutras relixións (28,5%) e non relixiosos/ateos (1,1%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a República Surafricana entre os países cun desenvolvemento humano medio (119° posto mundial cun índice de 0,666). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 54 anos para os homes e de 58 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 86% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 77% e o PNB real por habitante é de 10.070 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, independizouse no ámbito da Commonwealth o 31 de maio de 1910 e formou a Unión Surafricana, que se independizou completamente de Reino Unido en 1931-1934. Converteuse nunha república en 1960, despois do referendo realizado en outubro de 1960. O 10 de decembro de 1996 aprobouse unha constitución que entrou en vigor o 3 de febreiro de 1997 e tivo diversas emendas. O poder executivo reside no presidente, elixido polo Parliament para un período de 5 anos. O poder lexislativo reside no Parliament, formado por dúas cámaras: a National Assembly, formada por 400 membros, elixidos para un período de 5 anos mediante un sistema proporcional; e o National Council of Provinces, formado por 90 membros elixidos por un período de 5 anos polos parlamentos provinciais. O sistema legal baséase no dereito romano-holandés e na common law británica. Acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: o African National Congress (ANC), a Democratic Alliance (DA) e o Iqembu Lenatha Yenkululeko/Inkatha Freedom Party (IFP). Organismos internacionais: Commonwealth, ONU, Unión Africana (UA), Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur e asociado á UE.
Historia
Malia que a denominación de República de Suráfrica data oficialmente de 1961, o estado surafricano foi creado, co nome de Unión Surafricana, o 31 de maio de 1910. A Unión Surafricana xuntou os ata daquela dominios británicos do Transvaal, a colonia do río Orange, a colonia do Cabo de Boa Esperanza e Natal. O novo estado, presidido por un gobernador xeral, foi feito á medida dos grupos de poboación branca existentes, o británico e o afrikaner, e dotado dun poder central forte. O primeiro goberno foi encabezado polo xeneral bóer Louis Botha, cuxo partido, o South African Party, gañou as eleccións. Botha, ao estalar a Primeira Guerra Mundial, declarou a guerra a Alemaña (1914), e apoderouse das colonias alemás de África do Suroeste (1915) e de África Oriental (1916). O seu sucesor Jan Christiaan Smut (1919) continuou a política de colaboración cos británicos, o que suscitou o descontento dos nacionalistas do xeneral Hertzog, do Nationalist Party que gañaron as eleccións de 1924. O primeiro obxectivo do novo goberno foi o de acadar a independencia total da Unión Surafricana respecto de Reino Unido, que a tivo que conceder poucos anos despois, mediante o Statute of Westminster (1931) e o Status of the Union Act (1934). A crise mundial iniciada en 1929 obrigou a Hertzog a formar un goberno de coalición con Smuts (1933). Ao ano seguinte o Nationalist Party e o South African Party de Smuts fusionáronse e crearon o United Party. O novo goberno proseguiu a política de segregación racial, máis no aspecto político ca no social. Rematada a Segunda Guerra Mundial, as correntes políticas partidarias de pór fin á segregación suscitaron unha forte reacción nacional-racista, formada principalmente por afrikaners e liderada polo Nationalist Party, que gañou as eleccións de 1948. Ao ano seguinte comezou a política de segregación racial, o apartheid, que puxo o acento na discriminación política dos negros, tratando de compensala coa concesión de diversas institucións de carácter local ás comunidades negras, os bantustáns. A oposición dos surafricanos negros ao predominio dos brancos foi asumida polo ANC, que en 1952 organizou un extenso movemento de protesta, reprimido polo goberno, que encarcerou o seu dirixente Albert Luthuli. En 1960 celebrouse un referendo, cuxo resultado foi que o país abandonase a Commonwealth e adoptase o nome de República de Suráfrica (1961). Durante a década de 1960 endureceuse a actitude do réxime surafricano e radicalizouse a oposición negra. O apartheid e o feito de non abandonar a administración de África do Suroeste (Namibia) provocaron repetidas condenas internacionais. A independencia de Angola e Moçambique (1975) e o seu control por parte de gobernos favorables á URSS, e o endurecemento da oposición internacional (en 1977 a ONU declarou o embargo de armamento a Suráfrica) illou o país. Desde 1966 o líder do partido e primeiro ministro foi Balthazaar Johannes Vorster, ata que, coa morte do presidente da república, N. J. Diederichs (1978) ocupou o cargo. O novo líder do National Party (NP) e primeiro ministro, Pieter Willem Botha, emprendeu unha política de flexibilización do réxime e constituíu un parlamento tricameral do que estaban excluídos os negros. Durante a década de 1980 o réxime do apartheid viuse aínda máis illado, tanto a causa do crecemento da oposición interna, representada sobre todo polo ANC liderado por Nelson Mandela, o United Democrat Front (UDF) e o Congreso de Sindicatos Surafricanos (COSATU), como pola presión internacional, que impuxo en 1985 o embargo comercial ao país. O expoñente máis claro dos enfrontamentos rexionais resultantes do apartheid foron os conflitos de Namibia e de Angola. Frederik Willem de Klerk, o novo presidente desde 1989, nun intento de calmar a presión internacional, anunciou a liberación de presos políticos (1989), a liberdade incondicional de Nelson Mandela, a legalización do ANC e do Partido Comunista (1990) e, finalmente, a abolición do apartheid (1991). En 1991 a poboación branca aprobou nun referendo, co 68,7 % dos votos favorables, a continuación dos cambios políticos iniciados por De Klerk. O goberno mantivo longas negociacións para o establecemento dun réxime democrático e formouse un goberno provisional ao que se incorporaron ministros de raza negra e india. En 1993 aprobouse unha nova constitución (que entrou en vigor en abril de 1994), interina ata que unha asemblea democrática elaborase un novo texto, que outorgaba os mesmos dereitos políticos a todos os cidadáns sen distinción de razas. En abril de 1994 foron convocadas as primeiras eleccións non raciais e o ANC conseguiu a maioría absoluta (62,6 % dos votos). Nelson Mandela acadou a presidencia e, de acordo coa constitución, formou un goberno en que incorporou membros de todos os partidos que obtiveran máis do 5 % dos votos nacionais (ANC, NP e Inkatha). Mandela apelou ao perdón e á reconciliación e os cambios políticos traducíronse tamén nunha ruptura do illamento internacional de Suráfrica: en 1994 o consello de seguridade da ONU levantou o embargo de armas sobre Suráfrica e foi admitida na Asemblea Xeral desta organización, a OUA admitiu a Suráfrica e reingresou como membro de dereito na Commonwealth. O 10 de decembro de 1996 aprobouse unha nova constitución, que entrou en vigor o 3 de febreiro de 1997. Mandela mantívose na presidencia do país ata 1999. Sucedeuno Thabo Mvuyelwa Mbeki, tamén do ANC, que renovou o cargo nas eleccións de 2004. Baixo o seu mandato Suráfrica foi a artífice da creación da Unión Africana (UA) en 2000 e mediou en diversos conflitos en países africanos como entre Burundi e a República Democrática do Congo.