Swazilandia

Swazilandia
Nome científico: [nome oficial: Reino de Swazilandia; inglés: Kingdom of Swaziland; swazi: Umbuso weSwatini]

Estado do SL de África, que constitúe un pequeno enclave entre a República Surafricana e Moçambique (17.364 km2; 1.033.000 h [estim 2001]). A capital lexislativa é Lobamba e a administrativa Mbabane.
Xeografía
Xeograficamente divídese de O a L en tres rexións: unha de máis de 1.000 m de altura (Highveld), de clima subtropical moderado e de alta pluviosidade, con bosque de folla perenne; outra cunha altura media de 700 m (Middleveld), zona subtropical de sabana seca; e outra dunha altura de 300 m (Lowveld), de clima seco e cálido. Os ríos principais son o Great Usut, o Ingwavuma e o Komati. A vexetación é esteparia. A agricultura é a principal actividade económica polo número de ocupados. Hai abundante gando bovino e caprino. O principal cultivo é a cana de azucre. Posúe numerosas reservas de carbón e son importantes tamén os diamantes, o ouro e o asbesto, entre outros. A electricidade escasea e a industria limítase ao tratamento dalgúns produtos agrícolas, do papel, téxtil e da madeira. As exportacións principais son o azucre, a madeira e a froita e as importacións, a maquinaria e os equipos de transporte. O comercio realízase fundamentalmente coa República Surafricana (96% das importacións e 47% das exportacións). O saldo é desfavorable. En Matsapha está o aeroporto principal. Un ferrocarril une Swazilandia co porto de Goba e outro co porto surafricano de Richard’s Bay. A unidade monetaria é o lilangeni. O 26,4% (2000) da poboación é urbana.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta por swazi (84,3%), zulús (9,9%), tsonga (2,5%), hindús (0,8%) e paquistanís (0,8%). As linguas oficiais son o swazi e o inglés. A relixión máis practicada é o cristianismo (66,7%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Swazilandia entre os países cun desenvolvemento humano medio (132° posto mundial cun índice de 0,519). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de de 37 anos para os homes e 34 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 80,9% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 61% e o PNB real por habitante é de 4.550$ EE UU.
Goberno e política
Antigo protectorado británico, acadou a independencia o 6 de setembro de 1968 no ámbito da Commonwealth e mantivo as súas institucións e costumes. Monarquía, en 2003 aprobouse unha nova constitución que en 2005 atrasou a súa entrada en vigor. O rei exerce o poder executivo e lexislativo, e conta coa axuda dun gabinete cun primeiro ministro. O Libandla, parlamento bicameral, ten funcións consultivas. Está formado pola House of Assembly, composta por 65 membros, dos que 55 son elixidos entre os candidatos nomeados polos consellos locais e os restantes nomeados; e polo Senate, composto por 39 membros que non son de ningún partido, 10 elixidos polo parlamento e 10 nomeados. A oposición ao réxime busca a democratización das institucións. O único grupo con representación parlamentaria tras as eleccións de 2003 é o Ngwane National Liberatory Congress. Organismos internacionais: Commonwealth, ONU, Unión Africana (UA), ONU e asociado á UE.
Historia
Habitado polos swazi desde a segunda metade do s XVIII, en 1907 o país converteuse en protectorado británico. O 24 de abril de 1967 conseguiu a autonomía interna e o 6 de setembro de 1968 a independencia dentro do ámbito da Commonwealth. En 1973 o Rei Sobhuza II suspendeu a constitución e prohibiu os partidos políticos. En 1978 aprobou unha nova carta constitucional, que estableceu un parlamento bicameral de carácter consultivo, aínda que non autorizou o pluripartidismo. Morto Sobhuza II (1982), os poderes de xefe do estado pasaron á súa muller Dzeliwe, deposta en 1983 a favor de Ntombi, outra das esposas de Sobhuza e nai de Makhosetive, que foi coroado rei en 1985 co nome de Mswatti III. A monarquía sufriu desde entón fortes presións por parte dos organismos opositores, que desde a clandestinidade reclaman o restablecemento da democracia no país. O primeiro ministro desde 2003 foi Themba Dlamini, representante do partido único Ngwane National Liberatory Congress.