semántica
(
Parte da semiótica que estuda os significados. A semántica moderna, que arrincou de F. de Saussure coa súa teoría do signo lingüístico, tentou atopar procedementos estritamente lingüísticos e formalmente obxectivables para unha estruturación dos significados. Unha teoría lóxica do significado (L. Hjelmslev, E. Coseriu, K. Baldinger, B. Pottier) intenta descubrir unidades semánticas mínimas ou trazos semanticamente pertinentes que constitúen os significados dos signos. Os intentos de estruturación semántica vinculados coa lingüística xenerativa (J. J. Katz, J. A. Fodor) móvense tamén na liña da teoría lóxica do significado. Unha teoría contextual na liña da investigación filolóxica (A. Meillet), afirma que o significado dun signo se define pola media entre os seus usos lingüísticos ou, noutras palabras, que unha unidade léxica non ten significado, senón só usos. Unha teoría situacional, de carácter psicolóxico condutista (L. Bloomfield), afirma que o significado dun signo é a situación en que o falante o enuncia e a resposta que provoca en quen o escoita. Todas estas teorías intentan descubrir unha estrutura interna dos significados das unidades lingüísticas. Outra teoría, denominada dos campos semánticos (J. Trier), pescuda a posibilidade de estruturar os diversos signos lingüísticos polo parentesco dos seus significados.